Solapas principales

Departamento de Promoción Económica y Empleo

Noticias del departamento

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, puxo en marcha por segundo ano consecutivo o concurso Canta con Ames. A presentación do certame realizouse o pasado 6 de maio no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición para participar no certame está aberto ata o vindeiro 13 de xuño. Existen catro categorías: infantil, ata os 12 anos; xuvenil, de 13 a 20 anos; sénior, de 21 a 40 anos; e súper sénior, de 41 en diante. O concurso está composto de varias fases, que se desenvolverán do 1 de xullo, momento no que comezará a fase de preselección, ao 27 de agosto coa gran final. O certame estará presentado pola xornalista Loli Gómez. O cartel do concurso foi deseñado por Antía Montero Segade, que ten 15 anos e é veciña do Milladoiro.

Dende a Concellaría de Promoción Económica lembran que ata o 15 de febreiro está aberto o prazo para que os establecementos amesáns se poidan adherir á campaña de tarxetas bono Ames Progresa. O trámite de inscrición hai que facelo a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Poden adherirse á campaña todos os comercios e locais de hostalería e restauración do termo municipal de Ames, excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), as estacións de servizo de combustible e as salas de xogo/apostas. Quedarán tamén excluídos as farmacias e demais establecementos sanitarios, así como os estancos. Na actualidade hai adheridos á campaña 100 establecementos.

A concellaría de Promoción Económica e Emprego, en colaboración coas concellerías de Mocidade e Benestar Social e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), desenvolven por terceiro ano consecutivo as xornadas “Volta ao cole co comercio”, unha iniciativa que ten como obxectivo dinamizar o comercio e a hostalaría local de cara ao inicio do curso lectivo. Nesta ocasión, a proposta alóngase durante dous días, e comprende actividades para a mocidade e para os cativos e cativas. Así, haberá dúas propostas de tardes lúdicas e sorteos que se desenvolverán o 4 de setembro no Milladoiro e o día 6 en Bertamiráns. Ademais, sortearanse vales de compra no comercio local valorados en 1.500 euros.

Dende o pasado 17 de xaneiro o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, está realizando unha recollida de datos polas empresas amesás co obxectivo de elaborar unha Guía de Empresas. Unha persoa acreditada polo Concello de Ames está visitando as empresas, profesionais e negocios do municipio co obxectivo de dispor de información actualizada de cada un deles. Esta persoa está identificada cunha credencial do Concello e cunha carta explicando en que consiste o proceso de recollida de datos. Ata o de agora recolléronse os datos de preto de 1.000 empresas do comercio e hostalaría dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Farase unha segunda quenda de recollida de datos para falar cos propietarios/as de empresas que estaban pechadas no momento en que tratou de falar con eles/as. En marzo farase a recollida de datos en negocios do rural.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa de que este domingo, 14 de febreiro, remata o prazo para que os establecementos comerciais se adhiran á campaña de tarxetas bono Reactiva Ames. Está previsto que a primeira fase da campaña se desenvolva do 19 de febreiro ata o 19 de abril. A segunda fase será do 1 de setembro ata o 31 de outubro. Durante as dúas fases a clientela do comercio local poderá mercar dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€. A través desta iniciativa trátase de fomentar as compras no comercio local de Ames.

Este mércores, 8 de decembro, ás 18.30 horas, na praza do Concello, está previsto que se celebre o acto de acendido das luces de Nadal. Actuará o coro da Escola Municipal de Música de Ames e durante unha hora haberá unha degustación gratuíta de chocolate con churros. Este ano a iluminación de Nadal estará composta por máis de 100 arcos de luces e 4 grandes elementos decorativos (en Bertamiráns haberá unha “A” de Ames na praza do Concello; e un motivo luminoso co número 2022 na praza da Maía; mentres que no Milladoiro colocarase unha árbore artificial iluminada na praza de Manuel Murguía; e unha bola xigante na praza da Madalena). Tamén se instalará unha manta de luces que cubrirá unha parte da rúa de Anxeriz, no Milladoiro.

Este sábado, 10 de decembro, ás 18.00 horas, na praza do Concello, está previsto que se celebre o acto de acendido das luces de Nadal. Actuará a Escola Municipal de Música de Ames e haberá unha degustación gratuíta de chocolate con churros. Este ano non se vai desvelar ata o momento de acender as luces a persoa que premerá o botón de acendido. Este ano vaise a reducir o horario de acendido do alumeado de Nadal. Estará acendido en horario de 18.00 a 00.00 horas dende este sábado, 10 de decembro, ata o día 6 de xaneiro (incluído). A programación de Nadal ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

A programación de “Nadal con Ames na Rúa” inclúe obradoiros para todos os públicos e iniciativas para fomentar o comercio local e encher de vida as rúas. O pasado 8 de decembro comezou o Nadal en Ames co acto de acendido do alumeado. Agora, este sábado, 18 de decembro, comezan os obradoiros de Nadal. O primeiro taller realízase este sábado, 18 de decembro, no local de Biosbardos, en Bertamiráns, onde se impartirán dúas sesións dun obradoiro de cestería, unha sesión pola mañá e outra pola tarde. Para este obradoiro están todas as prazas ocupadas. 

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, volve a ofrecer mañá sábado, 19 de decembro, o servizo de conciliación para facilitar as compras de Nadal no comercio local. O servizo continuará ofrecéndose a próxima semana os días 21, 22, 23, 24 e 26 de decembro. Este servizo, que se estenderá ata o 9 de decembro de 2021, desenvolverase nos centros de ocio; Planeta Máxico, no Milladoiro, e A Mona Ramona, en Bertamiráns. Para poder facer uso deste servizo de xeito gratuíto tan só hai que presentar un tícket de compra dalgún establecemento comercial de Ames. Premendo nesta ligazón poderás consultar os días e horas do servizo de conciliación

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, e persoal municipal de dito departamento, mantiveron esta mañá unha xuntanza con dous representantes dos vendedores ambulantes que instalan postos de venda no mercado de rúa, en Bertamiráns. En dito encontro falouse dos últimos detalles para a reapertura do mercadiño, que se producirá mañá sábado 20 de xuño. Os postos do mercado de rúa instalaranse de xeito temporal na rúa do Sar, situada detrás da escola infantil da Rede da Galiza Azul, unha zona próxima ao paseo fluvial e que permite manter a distancia de seguridade entres os distintos postos.

Eventos del departamento

A zona verde da travesía do Porto, no Milladoiro, e o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerán durante a primeira semana de setembro, por cuarto ano consecutivo, as xornadas “Volta ao cole co comercio”, que organiza a Concellaría de Promoción Económica e colaboración con XEA e coa participación do departamento de Mocidade. Esta iniciativa traerá dúas tardes de actividades para amenizar os preparativos da volta aos centros de ensino, fomentando á vez o comercio e a hostalaría nos dous principais núcleos de Ames.

A xornada de “Volta ao cole co comercio” do Milladoiro celebrarase finalmente este luns, 15 de setembro. Será a partir das 17.00 horas nas pistas deportivas do Milladoiro. A holi party incluída na programación da actividade realizarase no aparcamento da Casa da Cultura do Milladoiro, polo que estará prohibido estacionar no aparcadoiro desde as 14.00 ata as 22.00 horas do luns día 15.

O Concello de Ames reúne nun único cartel toda a programación de actividades que se van celebrar durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro en Ames. Deste xeito, ata finais de setembro vanse a realizar numerosas actividades como concertos, seráns ou festas. 

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organizou unha xuntanza para o vindeiro luns, 13 de outubro, co obxectivo de que o persoal das empresas amesás relacionadas coa hostalería e a restauración poidan coñecer o mercado de horta e artesanía e os produtos alimentarios e artesanais que nel se expoñen e venden todos os sábado na praza da Maía, en Bertamiráns. Dito encontro celebrarase ás 9.30 horas no salón de plenos da Casa do Concello. As persoas que estean interesadas en acudir poden confirmar a súa asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal.

Música e moito humor. O actor, guionista, humorista e veciño de Ames, Pepo Suevos, a cantante Fátima Pego e o músico Josep Ruíz, compoñentes da orquestra "Panorama", soben xuntos ao escenario para amosarnos “Fase Festa”, unha especie de verbena en pequeno formato, adaptada aos tempos que nos toca vivir.

Ames acollerá a vindeira semana as visitas dos personaxes do mundo Disney para saudar e pasar tempo cos nenos e nenas. O día 29 chegarán á Casa dos Maiores de Bertamiráns (praza da Maía) e o 30 pasarán polo antigo centro de saúde do Milladoiro (na rúa Agro do Medio, número 8). Esta actividade enmárcase dentro da programación de Nadal 2025, que comezou o pasado 4 de decembro e se desenvolverá ata o próximo 10 de xaneiro de 2026. 

Ames acollerá a vindeira semana as visitas dos personaxes do mundo Disney para saudar e pasar tempo cos nenos e nenas. O día 29 chegarán á Casa dos Maiores de Bertamiráns (praza da Maía) e o 30 pasarán polo antigo centro de saúde do Milladoiro (na rúa Agro do Medio, número 8). Esta actividade enmárcase dentro da programación de Nadal 2025, que comezou o pasado 4 de decembro e se desenvolverá ata o próximo 10 de xaneiro de 2026.