- Tipo
- Tematica
A zona verde da travesía do Porto, no Milladoiro, e o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerán durante a primeira semana de setembro, por cuarto ano consecutivo, as xornadas “Volta ao cole co comercio”, que organiza a Concellaría de Promoción Económica e colaboración con XEA e coa participación do departamento de Mocidade. Esta iniciativa traerá dúas tardes de actividades para amenizar os preparativos da volta aos centros de ensino, fomentando á vez o comercio e a hostalaría nos dous principais núcleos de Ames.
“Volta ao cole co comercio 2025”
Deste xeito, o vindeiro mércores 3 de setembro, e o día 5 en Bertamiráns, desenvolveranse as xornadas de “Volta ao cole co comercio”, que terán lugar entre as 17.00 e as 20.30 horas. Así, ao longo de toda a tarde, haberá diferentes actividades para os máis pequenos, coma varios inchables, que estarán divididos en función do curso escolar; maquillaxes e unha holi party (festa de polvos de cores).
Ademais desta serie de propostas lúdicas, haberá un sorteo de 40 vales de compra en total, organizado polo Concello de Ames, cun importe de 20 euros cada un, para gastar en librerías e papelerías de Ames. O sorteo realizarase ao remate das actividades, arredor das 20.30 horas. Nesta iniciativa colaboran tanto comercios de Bertamiráns (librería Mainomen, librería Leria, Eva Hogar, papelería Chavián, papelería Carlín, papelería Recunchos Didácticos, Dipe Regalos e librería Bandini) como do Milladoiro (librería Nenos Nais, material de oficina Mouse, papelería Boo, papelería Anauco, librería Folerpa e xoguetería Piedra Papel Tijera).
Por outra banda, XEA organizará unha ruleta na que se repartirán libretas, bolígrafos, rotuladores, xogos, bolsas de tea e bolsas de lambetadas. Para participar, só é preciso realizar unha compra superior a 10 euros nos comercios adheridos a XEA nos días previos ás xornadas de volta ao cole. Cada compra superior a dito importe levará asociada unha tirada na ruleta, que contará cun premio seguro.





