O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organizou unha xuntanza para o vindeiro luns, 13 de outubro, co obxectivo de que o persoal das empresas amesás relacionadas coa hostalería e a restauración poidan coñecer o mercado de horta e artesanía e os produtos alimentarios e artesanais que nel se expoñen e venden todos os sábado na praza da Maía, en Bertamiráns. Dito encontro celebrarase ás 9.30 horas no salón de plenos da Casa do Concello. As persoas que estean interesadas en acudir poden confirmar a súa asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal.
No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, o próximo luns 13 de outubro, ás 9.30 horas, haberá no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, unha xuntanza dirixida ao persoal das empresas amesás relacionadas coa hostalería e a restauración. En dito encontro darase a coñecer entre os profesionais da hostalaría e restauración o mercado de produtos da horta e artesanía que se celebra todos os sábados na praza da Maía, en Bertamiráns.
O obxectivo principal desta xuntanza é deseñar sinerxías entre os establecementos hostaleiros e os produtores de alimentos, para establecer unha colaboración que transmita á veciñanza de Ames e aos concellos limítrofes a aposta por promover un espazo de encontro entre as persoas produtoras e as consumidoras.
A través desta iniciativa tamén se trata facer do mercado un espazo de encontro para a veciñanza de Bertamiráns, converténdoo nun centro de vida social e económica do concello de Ames; sensibilizar á poboación da importancia da alimentación na saúde, no medio natural e na economía das persoas, a prezos xustos para o conxunto da sociedade.
Ademais, preténdese crear un espazo de dinamización e promoción da economía local, da produción de alimentos na comarca, do consumo de alimentos na restauración, no comercio, de novas persoas produtoras e artesás, de artes e oficios culturais e de ocio. Tamén se propoñerá a posibilidade de organizar un concurso de tapas con produtos do mercado.





