Solapas principales

Este domingo, 14 de febreiro, remata o prazo de inscrición para que os establecementos comerciais se adhiran á campaña de tarxetas bono Reactiva Ames

Viernes, 12 de febrero de 2021

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa de que este domingo, 14 de febreiro, remata o prazo para que os establecementos comerciais se adhiran á campaña de tarxetas bono Reactiva Ames. Está previsto que a primeira fase da campaña se desenvolva do 19 de febreiro ata o 19 de abril. A segunda fase será do 1 de setembro ata o 31 de outubro. Durante as dúas fases a clientela do comercio local poderá mercar dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€. A través desta iniciativa trátase de fomentar as compras no comercio local de Ames.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, está desenvolvendo a campaña de tarxetas bono Reactiva Ames, a través da cal durante este exercicio 2021 se porán en circulación 3.000 tarxetas-bono para gastar nos establecementos amesáns. Esta iniciativa xerará un volume de negocio de 280.000 euros.

A campaña desenvolverase en dúas fases. A primeira fase está previsto que se desenvolva dende o 19 de febreiro ata o 19 de abril. A segunda fase será do 1 de setembro ata o 31 de outubro. Durante as dúas fases a clientela do comercio local poderá mercar dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€. Cómpre destacar que tanto a adquisición das tarxetas como a realización das compras con ditas tarxetas pódense realizar exclusivamente en estes dous períodos.

Trámite de solicitude para realizar a adhesión
O prazo de inscrición na campaña para os establecementos comerciais remata este domingo 14 de febreiro de 2021. Para inscribirse hai que entrar na Sede electrónica do Concello de Ames e cubrir a solicitude que se atopa debaixo do apartado de Trámites en liña co nome de Tarxetas bono. Para poder cubrir o impreso de solicitude é necesario identificarse con certificado dixital ou DNI electrónico. É importante que as persoas que cubran dita solicitude acheguen o código de comercio para que todos os datos da solicitude estean correctos. Premendo nesta ligazón podes ver que é o código de comercio (sae na copia de compra de calquera operación realizada a través dunha TPV).

Serán gastos subvencionables as compras ou pagos que as persoas beneficiarias realicen nos establecementos adheridos á campaña “Reactiva Ames”, cuxa relación será publicada na páxina web do Concello de Ames e na páxina web da entidade colaboradora (www.xuntanzadeempresariosdeames.gal), sempre que fosen realizados no período de duración da primeira campaña, é dicir, entre o 19 de febreiro e o 19 de abril de 2021, ou na segunda campaña, do 1 de setembro ao 31 de outubro de 2021.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “o obxecto destas axudas é apoiar ao sector comercial e hostaleiro do municipio de Ames, tratando de impulsar o consumo local a través da posta en funcionamento das tarxetas-bono Reactiva Ames para investir os establecementos comerciais e de hostalería do municipio. Esta campaña enmárcase dentro do Plan Reactiva Ames, presentado no pasado mes de outubro, e que conta con 99 medidas de reactivación económica e social para o concello de Ames”.

Características das tarxetas bono Reactiva Ames
A tarxeta-bono Reactiva Ames é unha tarxeta prepago a través da cal o Concello de Ames poñerá ao dispor das persoas beneficiarias unha axuda igual ao 40% do valor da mesma. O Concello de Ames poñerá ao dispor dos beneficiarios, a través da entidade colaboradora, un total de 3.000 tarxetas que funcionarán como unha tarxeta visa prepago, con banda magnética, sen chip nin PIN (anónimas).

Estas tarxetas poderán ser utilizadas en futuras promocións que se poñan en marcha desde o Concello de Ames. O Concello de Ames cofinanciará dous tipos de tarxeta-bono Reactiva Ames:
    • 2.000 tarxetas Reactiva Ames por valor de 50 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achegará 20 euros e a persoa beneficiaria achegará 30 euros.
    • 1.000 tarxetas Reactiva Ames de 100 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achegará 40 euros e a persoa beneficiaria achegará 60 euros.

Poderase mercar unha tarxeta bono de cada tipo
Por tanto, a axuda do Concello de Ames é igual ao 40% do valor da tarxeta-bono solicitada pola persoa beneficiaria. Cada persoa poderá solicitar e adquirir un máximo de 1 tarxeta-bono de cada tipo; é dicir, cada persoa poderá adquirir como máximo unha tarxeta bono de 50 € e unha tarxeta bono de 100 euros.

Establecementos que se poden adherir á campaña
Poden adherirse á campaña todos os comercios e locais de hostalería e restauración do termo municipal de Ames, excepto os espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), as estacións de servizo de combustible, e as salas de xogo/apostas. Quedarán tamén excluídos as farmacias e demais establecementos sanitarios, así como os estancos. A modo aclaratorio quedan incluídos dentro da campaña as ópticas, as clínicas veterinarias, os psicotécnicos, as clínicas dentais, os establecementos ortopédicos e as parafarmacias. Na actualidade, xa son arredor de 100 os establecementos que se adheriron á campaña.

As tarxetas tampouco serán válidas para a compra en tendas on-line, a través da Internet. A lista definitiva de establecementos adheridos á iniciativa publicarase tanto na páxina web da entidade colaboradora (www.xuntanzadeempresariosdeames.gal) como na páxina web do Concello de Ames a partir do día 19 de febreiro de 2021.

Imaxe da campaña Merc@mes