- Tematica
Dende o pasado mes de xaneiro o Concello de Ames e a Real Academia Galega, co apoio da Xunta de Galicia e da comunidade educativa amesá, realizaron a cuarta edición de Modo Galego, actívao! Nesta edición participaron arredor de 2.700 alumnos e alumnas que contaron coa colaboración de case 300 docentes e uns 200 profesionais da educación non formal. Esta mañá rematou o programa cunha gran foliada en cada centro escolar que estivo dirixida polas pandeireteiras do grupo As Maianas e das asociacións de Bugallido, que ao igual que na edición anterior, cantaron e bailaron a canción Falo galego porque quero!!, que as propias Maianas crearon explicitamente para o Modo Galego. Ademais, este ano o peche oficial do programa farase o 17 de abril cun gran festival na explanada do pavillón polideportivo de Bertamiráns no que haberá unha gran festa con diversas actuacións musicais.
A cuarta convocatoria volveu a ser un éxito en canto á participación e confirma a consolidación da experiencia. Durante catro semanas, os alumnos e alumnas de infantil á ESO dos 11 centros públicos amesáns asumiron un obxectivo común: falaren galego o maior tempo posible e en todas as situacións do día a día, da casa á escola e do parque ás actividades extraescolares. Participaron en total uns 2.700 nenos e nenas, os auténticos protagonistas dunha proposta de marcado carácter lúdico. Este ano como novidade, ademais do alumnado dos centros de ensino, participaron no programa os usuarios e usuarias das escolas deportivas municipais.
Como último reto, esta mañá o alumado dos colexios participaron nunha gran foliada que estivo dirixida polas pandeireteiras do grupo As Maianas e das asociacións de Bugallido, que ao igual que na edición anterior, cantaron e bailaron a canción Falo galego porque quero!!, que as propias Maianas crearon explicitamente para o Modo Galego. As integrantes das Maianas achegáronse este venres, 6 de febreiro pola mañá, ata os centros de ensino da Maía,Ventín, Barouta e EEI do Milladoiro para realizar os ensaios finais e para acompañar con pandeiretas o momento do baile. A concelleira de Educación e Mocidade, Beatriz Martínez, achegouse ata o CEIP da Maía para asistir a foliada do Modo Galego.
No colexio do Agro do Muíño estivo a mestra de canto e pandeireta das Asociacións de Bugallido, Xela Jorge, acompañada de varias pandeireteiras da propia asociación e de familias e alumnado que se sumou coas súas pandeiretas. O alumnado das dúas escolas unitarias, da Igrexa e de Covas, asistiu ás 12.00 horas a un concerto da Gramola Gominola na Casa da Cultura de Bertamiráns.
16 retos acadados
As actividades que propuxo o Modo Galego, actívao! trataron de conectar cos intereses do alumnado segundo a súa etapa de desenvolvemento. A programación proposta contribuíu á descuberta da contorna para os máis miúdos, que foron completando con adhesivos un divertido mapa de Ames con cada reto cumprido, e aproveitou o poder de sedución da música para implicar os adolescentes.
Houbo tamén actividades comúns para gozar en familia, algunhas estreitamente conectadas coas últimas tecnoloxías. É o caso da chamada a participar na doazón de voces en galego do Proxecto Nós, que traballa na mellora da presenza do noso idioma no mundo dixital e na súa incorporación ao desenvolvemento de aplicación baseadas na intelixencia artificial. Á espera do reconto detallado, desde o proxecto confirman o éxito da convocatoria e que recibiron unha morea de voces dos activadores e activadoras amesáns.
Colaboración de persoas do ámbito educativo, institucional, comunicativo, empresarial, musical e deportivo
Nesta edición participaron no Modo Galego moitas persoas coñecidas como o presidente da RAG, Henrique Monteagudo; o alcalde Ames, Blas García; a coordinadora dos programas de conciliación do CEIP Barouta, Paola Vignolo, o coñecido home do tempo da TVG, Diego Viaño; o creador de contidos @miguelblesta, Miguel Barbazán Lesta; o mestre estadounidense que sente paixón pola nosa lingua Andy Chichester; a artista galega, Guadi Galego; a capitá da tenda de Tecidos Tolemia, Carlota Mera; a música e contadora de historias, @mariadapontragha, María da Pontragha.
Tamén colaboraron o músico Xián Ardións e o seu amigo Óscar Jiménez, un valenciá que ten activadísimo o Modo Galego; o actual adestrador do Básquet Girona na ACB e ata hai dúas tempadas adestrador do Obradoiro, Moncho Fernández; a xornalista da TVG, Loli Gómez; a creadora de contidos e gañadora dos Premios Galetiktokers 2025 do Concello de Ames, Candela Battiato; a xornalista e creadora de contidos @paulapcantelar, Paula Cantelar; o alumnado de música de 4º de ESO do IES do Milladoiro e os grupos musicais ben coñecidos que presumen da nosa lingua: LUMEDOLOOP, De Ninghures e The Rapants.





















