Pestanas principais

20 persoas inscribíronse no obradoiro “En galego, co teu acento” que se imparte en Bertamiráns

Sábado, 19 de outubro de 2019

Dende o pasado 1 de outubro un grupo de 20 persoas está a participar no obradoiro de lingua e cultura “En galego, co teu acento!” que se desenvolve no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Trátase dunha actividade gratuíta de 30 horas de duración que se imparte de luns a venres. A través desta actividade, dirixida a persoas de fóra de Galicia, preténdese que os/as participantes adquiran nocións básicas de lingua e cultura galegas para contribuír á súa integración. Este mesmo obradoiro vaise a realizar na Casa da Cultura do Milladoiro durante o mes de novembro. Se queres participar neste obradoiro aínda quedan algunhas prazas dispoñibles.

Como cada curso o departamento de Normalización Lingüística e os Servizos Sociais de Ames poñen en marcha o obradoiro de lingua e cultura “En galego, co teu acento”. Esta actividade, completamente de balde, consiste nunha formación de 30 horas repartidas en 20 días e está dirixida a todos os veciños e veciñas que chegan a Ames procedentes de fóra de Galicia. En Bertamiráns o curso impártese no mes de outubro no Pazo da Peregrina.
 
Un grupo de aproximadamente 20 participantes acoden cada mañá dende o pasado 1 de outubro ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns. En horario de 9.30 a 11.00 horas conversan, len, comparten información e coñecen un pouco máis a lingua e a cultura de Galicia, e máis concretamente, a do concello onde viven. Alén duns contidos teóricos básicos, desenvólvese moito o traballo en equipo, polo tanto é unha actividade na que as persoas participantes se achegan ao galego dun xeito práctico e lúdico.

O curso, impartido polo persoal do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, conta coa presenza de moita xente de Venezuela, así como do Brasil, Ponferrada e Asturias.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, visitou esta semana o alumnado que participa nesta actividade en Bertamiráns e animounos a seguir usando o galego en todos os ámbitos da vida diaria e a pedirlles a aquelas persoas que lles falen noutro idioma, que se dirixan a eles en galego.

Obradoiro de lingua e cultura no Milladoiro
Este mesmo obradoiro vaise realizar na Casa da Cultura do Milladoiro durante do 4 ao 29 de novembro, e cómpre recordar que aínda queda algunha praza libre para poder asistir. Todo o alumnado que asista como mínimo ao 80% das sesións recibirá un diploma acreditativo.

Aquel que queira participar pode inscribirse a través dos teléfonos 662 377 215 ou 981 535 941, así como de maneira presencial no Servizo de Normalización Lingüística (Pazo da Peregrina, Bertamiráns) ou no Servizo de Atención ao Migrante (Oficinas municipais do Milladoiro, rúa de Abaixo, 10).

Os obradoiros “En galego, co teu acento” de achegamento á lingua e á cultura galegas desenvólvense en Ames desde hai xa 15 anos e, ademais de serviren de toma de contacto co país ao que se chega, funcionan como un espazo de socialización, acollemento e convivencia. Pretenden asemade poñer en valor a diversidade e a multiculturalidade que agocha este concello, que na actualidade conta con persoas de 65 nacionalidades procedentes dos cinco continentes e cunhas 40 linguas.

Visita da concelleira de Normalización Lingüística ao alumnado que participa nesta actividade en Bertamiráns

Multimedia

  • Visita da concelleira de Normalización Lingüística ao alumnado que participa nesta actividade en Bertamiráns
  • Alumnado que participa no obradoiro “En galego, co teu acento” que se imparte en Bertamiráns