Pestanas principais

A Concellaría de Normalización Lingüística anima as familias de Ames a participar no concurso “Xoga en galego”

Luns, 25 de xaneiro de 2021

Patrocinado pola Deputación da Coruña e posto en marcha por Xandobela, o certame “Xoga en galego” está dirixido ao público infantil e familiar e pretende enriquecer o patrimonio de xogos en galego con novas creacións que xurdan da imaxinación e da creatividade da rapazada galega. O certame ponse en marcha coa idea de ampliar a oferta de recursos lúdicos en galego e de sumar aos xogos tradicionais do país, herdados dos nosos antergos, alternativas novas e acaídas aos tempos e aos gustos actuais. A Concellaría de Normalización Lingüística anima as familias amesás a participar.

Xandobela organiza o Concurso a través do proxecto "Somos xogo" de divulgación do patrimonio lúdico galego e da creatividade xogantina. O certame está dirixido ao público infantil, xuvenil e familiar.

“Unha das maiores demandas que fan as familias desde hai tempo é a de atopar xogos en galego, por iso esta iniciativa de Xandobela parécenos unha gran idea que pode contribuír a que o sector do xogo ofreza máis variedade de produtos no noso idioma”, manifesta a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, quen tamén lembra a participación activa dos rapaces e rapazas de Ames noutras iniciativas de dinamización do idioma: “A resposta da mocidade amesá noutras iniciativas como yotubeir@s, Enreguéifate ou Galetiktokers foi moi boa, polo que agardo que nesta ocasión tamén se animen e o nome de Ames poida aparecer nalgúns destes novos xogos”.

Unha actividade creativa para toda a familia

No certame “Xoga en galego” poden participar todas as persoas ou grupos (familias, escolas e asociacións de todo tipo) da provincia da Coruña. Cada persoa ou grupo pode presentar tantos xogos como se lle ocorran.

Os xogos e todos os seus compoñentes deben estar escritos en galego.

A temática será libre, aínda que se valorará que sexan que sexan xogos que coiden e respecten valores culturais e sociais positivos.

Os xogos estarán pensados especialmente para o público familiar, xuvenil e infantil (a partir dos 6 anos). Deben ser ser orixinais e non copias, nin totais nin parciais, nin apropiacións de terceiras persoas. Os xogos que non cumpran ditos requisitos quedarán fóra do concurso.

A solicitude de inscrición no concurso e a documentación requirida enviaranse ao correo electrónico info@xandobela.info. No mesmo e-mail deberá de se indicar unha ligazón de Velaquí, WeTransfer, Dropbox ou un servizo equivalente desde o que se poida descargar o ficheiro ZIP co material do xogo. A dispoñibilidade de descarga nestes repositorios ten que estar garantida como mínimo durante 7 días.

Premios

Establécense como premios 2 bolsas por un valor de 100 € cada una para adquirir os xogos que libremente se escollan entre os dispoñibles nas tendas que se lles indicarán ás persoas gañadoras.

Podes consultar aquí as bases do Certame

Cartaz
Descargas: