A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o próximo sábado, 5 de outubro, o espectáculo Cantacontos a través de Fiestra. Manolo Boquete e Roberto Feáns farán gozar ás familias asistentes, ao máis puro estilo da antiga radionovela, cun relato adornado con sons de ambiente e intercalado con cancións recollidas no libro A fiestra dos soños. Unha proposta familiar, con entrada de balde, para a que haberá que contar con invitación. Os interesados e interesadas poderán recoller os convites, a partir de hoxe luns, 30 de setembro, na conserxería da Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de tarde. O espectáculo comezará ás 18:00 horas.