- Tematica
A localidade de Bertamiráns acolleu esta fin de semana a novena edición do Ames Jazz, unha iniciativa que combinou diversas propostas musicais durante as noites do venres 3 e o sábado 4 de xullo. O festival estivo protagonizado polos concertos de Manuel Cebrián Trío, Suelen Estar Quartet e MBM Trío. Este ano, tamén se incluíu na programación un ensaio aberto da Orquestra Galega de Liberación. O obxectivo deste festival é darlle visibilidade ao panorama do jazz galego. Nesta edición houbo unha boa afluencia de público. Preto de 500 persoas participaron nas diversas actividades do festival, que ano tras ano vaise afianzando como unha cita musical ineludible do verán amesán.
O Pazo da Peregrina volveu ser o escenario do Ames Jazz os días 3 e 4 de xullo. O festival celebrou a súa novena edición repetindo formato. Por quinta vez na historia do festival tivo unha duración de dous días, o venres 3 e o sábado 4 de xullo, e contou cos habituais concertos e cunha sesión vermú no establecemento hostaleiro O Transistor. Este ano como novidade incorporouse á programación un ensaio aberto da Orquestra Galega de Liberación na contorna do parque do Ameneiral.
Este ano a climatoloxía acompañou, xa que tanto o venres coma o sábado fixo boa noite, o que permitiu que un gran número de persoas se achegasen ata o Pazo da Peregrina para ver os concertos ofrecidos por Manuel Cebrián Trío, Suelen Estar Quartet e MBM Trío. Nesta edición estímase que a afluencia de público maior que en anteriores. Arredor de 500 persoas participaron nas diversas actividades do festival, que ano tras ano vaise afianzando como unha cita musical ineludible do verán amesán.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou “Ames volveu converterse durante esta fin de semana na capital galega do jazz. Este festival xa se está consolidando cun nome propio dentro do panorama galego e da contorna, co cal ese é o traballo que debemos seguir facendo de cara a vindeiras edicións. Xa logramos ter un público fiel neste evento, que ano tras ano acude ao festival”.
Programación do Ames Jazz 2026
A novena edición do festival abriuse o venres, 3 de xullo, coa actuación de Manuel Cebrián Trío ás 22.00 horas no Pazo da Peregrina. O proxecto liderado polo guitarrista e compositor Manuel Cebrián, xunto a Paco Charlín no contrabaixo e David Puíme na batería achegou unha proposta musical inspirada na familia, a natureza, a vida e a morte, un jazz vibrante cun son netamente acústico.
Xa o sábado, a xornada comezou cunha sesión vermú a cargo de Suelen Estar Quartet, ás 13.30 horas no Bar O Transistor. Sen partituras pero herdeiros da tradición clásica e influenciados por estilos musicais diversos, Suelen Estar Quartet é unha formación pioneira da escena nacional que basea as súas interpretacións na libre improvisación sobre os instrumentos clásicos de corda.
Pola tarde, ás 19.00 horas, a veciñanza de Ames puido gozar do ensaio aberto da Orquestra Galega de Liberación, no paseo do Rego do Ameneiral. A OGL presentou un ensemble dunha vintena de músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea, e á improvisación como fonte de investigación. A Orquestra Galega de Liberación ten tres discos publicados no mercado.
Pechou o festival MBM Trío, ás 22.00 horas, no Pazo da Peregrina. Esta agrupación está formada por Baldo Martínez, Antonio Bravo e Lucía Martínez e supón unha das grandes achegas ao jazz contemporáneo galego. Achegaron unha proposta chea de frescura e riqueza musical. É unha das proposta máis sedutoras da actual escena jazzística estatal. O obxectivo da súa música é explorar diversas facetas dentro da improvisación, que van dende marcos con certa densidade harmónica e rítmica ata campos mais próximos ao free jazz e incursións na libre improvisación.
























