Este mércores, 11 de xaneiro, clausurouse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a segunda quenda de cursos do segundo módulo de alfabetización dixital no rural, celebrado nas parroquias de Tapia, Ameixenda, Augapesada, Covas e Ortoño. A estes cursos, que se celebraron nos meses de outubro, novembro e decembro, acudiron preto de medio cento de persoas, que se suman a outros trinta veciños/as que xa participaran no mesmo programa nas parroquias de Agrón, Trasmonte, Bugallido e Biduído con anterioridade. As actividades pretendían reforzar os coñecementos adquiridos no primeiro módulo de alfabetización dixital, realizado no ano 2021, no que se impartiron nocións sobre temas relacionados coa xestión de arquivos, a ofimática, o tratamento de imaxes, o correo electrónico, as redes sociais e o uso de dispositivos móbiles.