- Tematica
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres 16 de xaneiro, ás 20.00 horas, o concerto do amesán Alonso Caxade xunto coa banda de música de Brión, organizado polo Concello de Ames a través da concellaría de Cultura. Esta actuación será a primeira que Caxade teña na súa localidade, logo de ser adiada a que tiña prevista para o pasado mes de novembro.
O músico amesán Alonso Caxade estará por primeira vez no Concello de Ames o próximo venres 16 de xaneiro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns acompañado da banda de música de Brión, nun concerto que estaba programado para o pasado mes de novembro enmarcado nas festas de Santa Icía, pero que foi adiado por motivos de saúde do músico.
Caxade é un proxecto musical de estilo indie-folk creado no 2012 por, precisamente, Alonso Caxade. Dende ese ano, acumula o Premio Martín Códax da Música na categoría de folk en 2016 e o Premio María Casares á mellor música orixinal por Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro, no ano 2019. Ademais das condecoracións, Caxade é o representante galego do SUNS Europe, o festival europeo das artes en lingua minorizada.
Banda de música de Brión
No caso da banda de música de Brión, esta foi creada no ano 1997 da man de Ricardo Noia como sucesora da histórica banda de Luaña, fundada no 1914 e moi recoñecida por todo o país. A día de hoxe, a banda de música de Brión está formada na súa maioría por músicos mozos que proceden principalmente da Escola de Música do propio Concello. Todos eles cunha grande experiencia musical en interpretación de diversos estilos de obras, música clásica, moderna ou bandas sonoras.






