Solapas principales

Departamento de urbanismo

    • Dirección: Alcalde Lorenzo, nº 2, Bertamiráns.
    • Teléfono: 981 88 30 02
    • Horario de atención al público:
      • De lunes a viernes, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
    • Responsable municipal: Concejalía de Urbanismo

Noticias del departamento

As obras para arranxar a urbanización do PM5-03 do Milladoiro están a piques de rematar. Deste xeito, trátase de regularizar a situación irregular dunhas 200 vivendas que se atopan entre as rúas Figueiras e da Moa e entre a avenida de Rosalía de Castro e a a rúa Costa Grande. Dita obra foi adxudicada á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL por un importe de 231.665,93 euros. A través destas obras elimináronse as barreiras arquitectónicas e construíronse varias zonas a distintas alturas con ramplas de acceso e zonas verdes. O alcalde e concelleiro de Urbanismo e mailo concelleiro Obras visitaron ditos traballos para comprobar o grao de execución.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a concesión a unha empresa promotora dunha licenza de primeira ocupación para oito vivendas dun edificio de 15 vivendas, planta soto para garaxes e rochos e baixo comercial construído no número 16 da avenida da Peregrina, na localidade de Bertamiráns. Tamén se aprobou a licenza de primeira ocupación para 10 vivendas unifamiliares, situadas no lugar de Ventosa, pertencente á parroquia de Covas. Ademais, concedéronse dúas licenzas de obra para a construción de dúas vivendas unifamiliares; unha no lugar de Raíces, na parroquia de Biduído, e outra no lugar de Monte, na parroquia de Covas.

O Concello de Ames vén de elaborar o borrador do regulamento da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos. É a primeira vez que se acomete a elaboración dun regulamento para terrazas xa que, ata o momento, só existía a ordenanza. O borrador do novo regulamento xa foi remitido aos grupos municipais da oposición, ás asociacións de empresarios e comerciantes de Ames, á Asociación de Hostalaría de Santiago e aos diferentes locais de hostalaría de Ames, que dispoñen de terraza e fixeron a solicitude para a súa posta en valor. Ao longo deste mes de xuño poderanse facer achegas a este novo regulamento por parte do sector hostaleiro, en aras de acadar unha normativa beneficiosa tanto para o sector como para a veciñanza amesá.

Esta semana formalizouse a cesión das obras de urbanización do polígono APE PB7-06 “Rego dos Pasos Sur IV” e a súa recepción por parte do Concello de Ames. Este polígono dispón dunha superficie total de 70.434 metros cadrados, dos cales 29.109 metros cadrados teñen que ser espazos libres e zonas verdes. Ademais, este polígono conta cunha superficie total edificable de 65.655 metros cadrados, onde se pode construír vivenda colectiva de edificación aberta e vivenda unifamiliar illada ou adosada. O promotor da obra é a Xunta de Compensación de dito polígono. Coa sinatura de dita acta de recepción este ámbito urbanístico pasa a ser de uso público e o seu mantemento pasa a ser responsabilidade do Concello de Ames.

O goberno municipal, a través de decreto de Alcaldía, vén de aprobar unha instrución para a continuación dos prazos administrativos nos procedementos urbanísticos de licenzas e comunicacións previas asociadas ao desenvolvemento de actividades permitidas no marco actual do estado de alarma, intervención e disciplina urbanística. Dita instrución é unha interpretación da disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Esta disposición establece a suspensión de termos e interrupción de prazos na tramitación dos procedementos das entidades do sector público, e polo tanto, das administracións locais.

A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, S.L., Beatriz Sestayo, a pedimento do alcalde de Ames, José Miñones, desprazouse esta mañá á Bertamiráns para manter un encontro co rexedor e coa concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, no que tamén participou o responsable comercial de SEA, José Rey. O Concello vai poñer en marcha o Plan estratéxico empresarial 20-30, que realizará un estudio preliminar sobre a situación preexistente, realizando a continuación unha análise cuantitativa do tecido empresarial-comercial, de cara a rematar coas propostas de ámbitos industriais e empresariais a delimitar dentro do municipio.

Este luns, 18 de maio, a Consellería de Infraestruturas mantivo unha xuntanza por videoconferencia cos responsables do equipo director das obras de construción do centro de saúde de Milladoiro. A dita xuntanza non se invitou a ningún representante do Concello de Ames, nin do grupo de goberno nin técnico municipal, de cara a poder expoñer o punto de vista da Administración local. Para o goberno de Ames “é unha mostra máis de deslealdade institucional á que nos ten acostumada a Xunta de Galicia”.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de presentar ante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia, alegacións ao proxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estradas. As alegacións presentadas céntranse en seis liñas de transporte: ruta da rúa da Rosa - Bertamiráns – A Gándara; ruta da rúa da Rosa – Ameneiro – Casalonga – Firmistáns; ruta da rúa da Rosa – O Milladoiro; ruta polígono Novo Milladoiro – Bertamiráns; e ruta da rotonda de As Viñas - rúa da Rosa. Ademais, proponse para as fins de semana, a creación dunha liña nocturna con parada segura que sexa circular Bertamiráns – O Milladoiro – rúa da Rosa, comezando ás 23:30h con dúas frecuencias de primeira hora e dúas de volta ás 3:00 e 4:00 horas.

O departamento de Urbanismo do Concello de Ames vén de emitir informe favorable ao documento de estudio de detalle das parcelas R4-R5 do APE PB7-04 “Rego dos Pasos Sur II”, unha vez subsanada a documentación requirida desde o Concello o pasado 30 de agosto de 2019. A aprobación deste expediente permitirá seguir coa tramitación para o desenvolvemento de novas edificacións xunto ao paseo fluvial e o desenvolvemento dunha zona en expansión na localidade de Bertamiráns.