Pestanas principais

Este sábado, 14 de novembro, o mercado de rúa volve a súa antiga ubicación no centro de Bertamiráns

Venres, 13 de novembro de 2020

Tras cinco meses, dende xuño, situado na rúa do Sar, o mercado de rúa volve a ubicarse no centro de Bertamiráns. Deste xeito, este sábado 14 de novembro, os postos ambulantes ocuparán as rúas Ameneiral e Entrerríos, así como a praza do Concello para poder cumprir as medidas de distancia e seguridade que dita o regulamento da Xunta de Galicia na loita contra a pandemia da COVID-19.

O mercado de rúa de Bertamiráns, despois do confinamento, localizouse temporalmente na rúa do Sar, un emprazamento con dous carrís, sen construcións aos lados, que permitiu o desenvolvemento correcto da actividade tal e como obrigan as normas sanitarias e dita o regulamento da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19.

A decisión deste cambio respondía á necesidade de cumprimento dunha serie de normas hixiénico sanitarias derivadas da loita contra a pandemia e tomouse tamén de xeito consensuado con representantes do colectivo e coa asociación de comerciantes de Bertamiráns XEA, co obxectivo de que puidesen estar no mercado o 100% dos postos.

Esta decisión tomouse co fin de garantir a actividade do comercio ambulante e permitir a actividade que, a tenor das medidas aplicadas no estado de alarma, se tivo que interromper. Coa chegada do outono, o comercio ambulante precisa para o desenvolvemento óptimo da súa actividade localizacións que o protexan das inclemencias meteorolóxicas e a rúa do Sar non cumpre os requisitos de gorecer o mercado do vento e a chuvia.

Proceso participativo para elixir a nova ubicación do mercado
En outubro realizouse un proceso participativo para que os comerciantes ambulantes puideran de forma democrática, tomar a decisión máis conveniente para os seus intereses. Nesta votación, na que houbo outras opcións como quendas de mañá e de tarde ao 50% ou sábados alternos nos que cada semana acudirían a metade dos vendedores, os vendedores ambulantes elixiron que os postos volvesen colarse en torno á praza do Concello.

“Era unha prioridade para o departamento de Promoción Económica que o mercado volvese ao centro -manifesta a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz- somos conscientes de que o mercado é un dos motores económicos máis importantes do noso concello, actúa como reclamo para moitas persoas da bisbarra que acoden a mercar nos seus postos pero que de paso visitan outros establecementos comerciais da vila”.

As rúas Ameneiral e Entrerríos e a praza do Concello acollerán por tanto o mercado de rúa de Bertamiráns a partir deste sábado 14 de novembro. Para que isto fose posible, traballouse no acondicionamento dos espazos e en cuestións de coordinación coa Policía Local e con Protección Civil, como o xeito de circulación para as entradas e as saídas e outros detalles das normas hixiénico sanitarias a seguir. Ademais, a través da Concellaría de Promoción Económica, procedeuse ao repintado e acondicionamento dos espazos para adaptalos á nova normativa.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El mercadillo de Bertamiráns vuelve, ampliado, a su céntrica ubicación"

Compostela 24 horas: "Este sábado, 14 de novembro, o mercado de rúa volve a súa antiga ubicación no centro de Bertamiráns"

 Este sábado, 14 de novembro, o mercado de rúa volve a súa antiga ubicación no centro de Bertamiráns