Pestanas principais

Departamento de Deportes

    • Enderezo: Praza do Concello, nº 2, Bertamiráns.
    • Teléfono:  981 88 30 02 / 619 84 25 04
    • Horario de atención ao público:
      • De luns a venres, en horario das 9:00 ás 14:00 horas.
    • Responsable municipal: Concellaría de Deportes
    • Responsable técnico: Alberto Viaño Moure.
Outros Datos: 
  • Programación escolas deportivas 2023-2024
  • Funcions:
    • Deseñar proxectos deportivos: escolas deportivas, eventos deportivos...
    • Planificar e xestionar programas deportivos e elaborar estratexias de funcionamento.
    • Incentivar a participación cidadá tanto nas actividades como na creación deportiva.
    • Asesorar e informar aos grupos e entidades deportivas do concello, así como ao público en xeral.
    • Colaborar nas programacións da Deputación: Campaña de esqui, campamentos deportivos, circuíto de carreiras populares...
    • Xestionar as subvencións correspondente á área de deportes, ben sexan as da Deputación ou as convocatorias propias do Concello de Ames de apoio ás asociacións deportivas e clubs.
    • Xestionar as instalacións deportivas municipais (pavillóns polideportivos, campos de fútbol e piscinas descubertas municipais).
  • Normativa:
  • Novas relacionadas
  • Axenda

Novas do departamento

Onte domingo 2 de abril celebrouse a cuarta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, unha proba na que se inscribiron 341 persoas. A primeira en cruzar a meta na categoría absoluta feminina foi Bea Barroso, do Club Atletismo Noia, cun tempo de 1:30:00, mentres que o primeiro posto masculino foi para Manuel Piñeiro, do Club Atletismo Cambados Seguros Noval, que obtivo unha marca de 1:11:42. Pola súa banda, o club gañador foi o C.A. Cambados – Seguros Noval, que colocou seis corredores no top 30 e que repite a vitoria de 2022. Consulta os resultados ao completo premendo nesta ligazón.

A Concellaría de Deportes organiza no pavillón municipal de Bertamiráns un obradoiro de defensa persoal feminina, despois de ter acollido talleres similares nos últimos meses tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. O curso, que se celebrará o próximo domingo, 8 de maio, desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas. A proposta é de balde e conta con 50 prazas, para as que cómpre inscribirse, enviando esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico deportes@concellodeames.gal.

Entre o 22 e o 30 de xuño, as pistas de tenis de Aldea Nova acolleron a segunda edición Aberto de San Xoán, un torneo de tenis organizado polo club de tenis Val da Maía en colaboración co departamento de Deportes do Concello de Ames. Este ano, esta cita deportiva contou cun total de 101 persoas inscritas tanto amesás como doutros puntos da xeografía galega como Vigo, Ferrol ou Nigrán, entre outros.

O Concello de Ames e o Club de Natación Cidade de Santiago organizaron este sábado pasado, 21 de setembro, a Tapia Swinway, unha travesía a nado composta de tres probas para un total de cinco categorías. Nesta proba deportiva participaron unhas 78 persoas. Na categoría absoluta gañaron Borja Álvarez e Claudia Silva. A primeira edición da Tapia Swinway contou coa colaboración do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e da Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames.

O Concello de Ames vai a recoñecer a traxectoria e palmarés do deportista amesán, Borja Golán, que o pasado ano anunciou a súa retirada do deporte profesional. Entregaráselle a medalla do Concello de Ames no acto do Día de Galicia 2024. Así foi acordado por unanimidade na Xunta de voceiros celebrada o pasado 14 de xuño. Borja Golán é o mellor xogador da historia do squash español con 17 campionatos de España e dous campionatos de Europa. Ademais, sumou 21 europeos consecutivos xogados con España desde 1999. Foi o primeiro xogador de fala hispana en meterse dentro do top 10 mundial (setembro de 2009) e chegou a ser top 5 do mundo en abril de 2014. Estivo imbatido en España durante 17 anos consecutivos (maio 2002- febreiro 2019).

A Concellaría de Deportes de Ames e a Asociación Bujutsu Compostela organizan un novo curso de defensa persoal destinado a mulleres maiores de 16 anos. A actividade impartirase no ximnasio do pavillón municipal de Bertamiráns este domingo, 9 de xuño, en horario de 10.00 a 13.00 horas. Durante a formación, as asistentes coñecerán unha serie de pautas para actuar ante unha situación de agresión e, a continuación, practicarán as actuacións ante distintos tipos de agresións. O curso conta cun total de 24 prazas. A inscrición pode realizarse mediante chamada telefónica ou whatshapp ao teléfono 665 841 036.

O Club de patinaxe artística Omega, do Milladoiro, e o Club de patinaxe Sarela, de Bertamiráns, organizan este venres 24 de xuño a décimo primeira edición do Encontro de escolas deportivas municipais de patinaxe artística Concello de Ames, no que colabora o propio Concello. No evento, que se desenvolverá no pavillón municipal de Bertamiráns a partir das 11:30 horas, participarán preto de 200 alumnas e alumnos das escolas deportivas de Bertamiráns, Barouta e do Milladoiro. O programa incluirá dúas competicións entre os grupos das escolas e exhibicións dos clubs de patinaxe amesáns, que realizarán diferentes coreografías grupais. Preme aquí para consultar a programación ao completo.

Catro atletas do club de atletismo Millaraio foron convocados coa selección galega que participará no Campionato de España Sub-16 de federacións autonómicas, que se vai celebrar en Moratalaz os días 15-16 de xuño. Na categoría feminina participarán Deki Mato (1.000 metros) e Sofía Campos (3.000 metros marcha), e na masculina Mateo Aller (110 metros valas) e Diego Seoane (300 metros valas). Ademais, Alejandro Jiménez e Noel Ferraces participarán no Campionato por equipos en Cidade Real.

A pasada fin de semana celebrouse en Gondomar o Campionato Galego de Patinaxe Artística, no que participaron tres clubs con representación amesá. Despois de dúas intensas xornadas, os patinadores Inés Peña, Jorge Sanmartín, Antía Lourido e Hugo Bercero conseguiron clasificarse para o Campionato de España de Patinaxe Artística, que se celebrará en Zaragoza do 1 ao 7 de xullo.

Os clubs de patinaxe artística Sarela, de Bertamiráns, e Omega, do Milladoiro, contaron a pasada fin de semana con representación no Campionato Galego de Patinaxe Artística, unha proba de categoría nacional. Ámbolos dous clubs completaron grandes actuacións, e os patinadores Jorge Sanmartín Villanueva (CP Sarela) e Irene Enríquez Rivas (CPA Omega) lograron clasificarse para disputar o Campionato de España.

Eventos del departamento

O 17 de decembro, ás 12:00 horas, celébrase a XVI Carreira Ciclista do Pavo nos arredores do Paseo Fluvial de Bertamiráns.

A Concellaría de Deporte celebra este venres, 19 de abril, a décimo sexta edición da Gala do Deporte, un evento no que se homenaxeará tanto aos e ás deportistas máis destacados/as do concello, como ás diversas entidades deportivas. O acto terá lugar ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e será presentado polos xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño. Ademais, ofreceranse distintos espectáculos e animacións.

A localidade de Bertamiráns acolle o domingo, 22 de decembro, a partir das 11.00 horas, a décimo sétima edición da Carreira Ciclista do Pavo. Organizada pola Asociación Galega de Ciclistas, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo e co Concello de Ames, nela participarán tanto adultos como os máis pequenos da casa. As inscricións para os/as ciclistas federados/as poden facerse na páxina web da federación (tamén o poden facer o propio día da carreira), mentres que as persoas non federadas teñen que enviar un correo electrónico a begonaalonso@mundo-r.com ou chamar ao  número de teléfono 677 555 748. Em ambos casos as inscricións poden tramitarse ata o venres 13 de decembro.

A Concellaría de Deporte celebra este venres, 9 de maio, a décimo sétima edición da Gala do Deporte, un evento no que se homenaxeará tanto aos e ás deportistas máis destacados/as do concello, como ás diversas entidades deportivas. O acto terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ademais, ofreceranse distintos espectáculos e animacións.

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan este domingo, 20 de outubro a vixésima edición da carreira pedestre do Concello de Ames. Esta proba pertence ao VII Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, tal como  se veu realizando nas dúas últimas edicións, unha vez que se decidiu trasladar a proba desde o entorno do Pazo da Peregrina ao centro do núcleo urbano para así facer mais partícipe á veciñanza.

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o domingo 20 de outubro a XXIII Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, unha proba que pertence ao X Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación da Coruña. Contará cun circuíto urbano de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo, nas inmediacións da Casa do Concello. O percorrido estará debidamente sinalizado e haberá indicacións en cada quilómetro.

A edición deste ano do Rally Berberecho de Noia terá un treito que se disputará de forma íntegra por estradas do noso concello. Será en horario de tarde e haberá un reagrupamento, de 17:15 a 19:30 horas, na avenida José Luís Azcárraga, diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, polo que pasarán todos os participantes. O tramo de Ames ten unha lonxitude de 11,2 quilómetros e discorre polas parroquias de Ames, Lens e Tapia. A saída do tramo estará instalada no lugar de Outeiro, mentres que a liña de meta será na estrada que vai dende a aldea de A Mámoa cara o lugar de Pedrouzos. Os pilotos farán unha dobre pasada polo tramo de Ames. A primeira pasada comezará ás 16.50 e a segunda ás 19.40 horas, sendo o último tramo do rally. O final do rally está previsto para as 20.20 horas. As estradas polas que discorre o treito de Ames estarán pechadas ao tráfico de 15.30 a 22.30 horas aproximadamente. Consulta o itinerario do tramo de Ames.

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro converterase o próximo luns, 22 de xullo, nun estudo de radio coa retransmisión do programa Convivir Deportivo, da Radio Galega. O programa que conduce Alfonso Pardo aterra en Ames e contará coa participación dun dos máximos expoñentes do deporte amesán, Borja Golán, dezaseis veces campión de España de squash e dúas veces campión de Europa. Convivir Deportivo comezará ás 20:00 horas, con entrada libre e de balde.