Pestanas principais

>XX Carreira Pedestre Popular Concello de Ames

Domingo, 20 outubro, 2019
Ás 10.30 horas

O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan este domingo, 20 de outubro a vixésima edición da carreira pedestre do Concello de Ames. Esta proba pertence ao VII Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, tal como  se veu realizando nas dúas últimas edicións, unha vez que se decidiu trasladar a proba desde o entorno do Pazo da Peregrina ao centro do núcleo urbano para así facer mais partícipe á veciñanza.

Na carreira popular poden participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. As inscricións pódense facer ata á media noite do día 16 de outubro, a través da páxina web de Emesports. Tamén se poden realizar de xeito presencial na tenda deportiva, Deportes Amesport, situada na avenida da Maía, número 83, en Bertamiráns. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

As persoas que desexen participar na proba absoluta (de sub 18 a veterano) terán que aboar unha cota de 6 euros. O pagamento da inscrición poderá realizarse pola pasarela da propia páxina web de Emesports. A inscrición para as categorías escolares (de pitufo a sub 18) é gratuíta. Calquera dúbida que teñades no proceso de inscrición dos adultos pódese resolver chamando ao número de teléfono 886 153 589 ou enviando un correo electrónico á dirección info@emesports.es. Preme aquí para descargar o regulamento da vixésima edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames.

Os dorsais retiraranse na secretaría da organización, situada na Casa do Concello, o día anterior á carreira (sábado, 19 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou o mesmo día da carreira, ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.