Pestanas principais

Departamento de Deportes

    • Enderezo: Praza do Concello, nº 2, Bertamiráns.
    • Teléfono:  981 88 30 02 / 619 84 25 04
    • Horario de atención ao público:
      • De luns a venres, en horario das 9:00 ás 14:00 horas.
    • Responsable municipal: Concellaría de Deportes
    • Responsable técnico: Alberto Viaño Moure.
Outros Datos: 
  • Programación escolas deportivas 2023-2024
  • Funcions:
    • Deseñar proxectos deportivos: escolas deportivas, eventos deportivos...
    • Planificar e xestionar programas deportivos e elaborar estratexias de funcionamento.
    • Incentivar a participación cidadá tanto nas actividades como na creación deportiva.
    • Asesorar e informar aos grupos e entidades deportivas do concello, así como ao público en xeral.
    • Colaborar nas programacións da Deputación: Campaña de esqui, campamentos deportivos, circuíto de carreiras populares...
    • Xestionar as subvencións correspondente á área de deportes, ben sexan as da Deputación ou as convocatorias propias do Concello de Ames de apoio ás asociacións deportivas e clubs.
    • Xestionar as instalacións deportivas municipais (pavillóns polideportivos, campos de fútbol e piscinas descubertas municipais).
  • Normativa:
  • Novas relacionadas
  • Axenda

Novas do departamento

O Concello de Ames organizou para os meses de xullo e  agosto cursos de natación e de piragüismo. Estas actividades desenvólvense nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como na praia fluvial de Tapia. Este ano inscribíronse 97 nenos e nenas nos cursos de natación de xullo e agosto e 35 nas actividades de piragüismo.

Un grupo de 110 rapaces e rapazas que practican dende comezo de curso a modalidade de baloncesto dentro das Escolas deportivas municipais e no club Basquet Ames, acudiron este martes ao Multiusos Fontes do Sar para ver o último partido da liga Endesa que enfrontou ao Monbus Obradoiro contra o Carplus Fuenlabrada. O conxunto obradoirista dominou o partido desde o inicio e impúxose por 102-72. Esta actividade enmárcase dentro do acordo subscrito no pasado mes de agosto entre o Concello de Ames, o Monbus Obradoiro e maila Fundación Obradoiro, para que o equipo filial, que compite na liga EBA, se denomine Obradoiro Ames e dispute os seus encontros como local no pavillón municipal do Milladoiro.

A localidade do Milladoiro acollerá este domingo, 5 de febreiro, o XXXIV Campionato Xunta de Galicia masculino e feminino de marcha en ruta, que se disputará nun circuíto que discorre pola Travesía do Porto, rúa das Palmeiras, parte da avenida Muíño Vello e rúa dos Agriños. Debido á celebración desta proba deportiva haberá cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento. Trátase dunha proba organizada pola Federación Galega de Atletismo na que están inscritos 123 atletas con ficha da FGA. Participarán 18 atletas dos clubs locais de Ames (8 atletas do Ames Atletismo e 10 atletas do Club de Atletismo Millaraio).

A Concellería de Deportes e Promoción da Saúde, a través do programa Ames Saudable, organiza un novo obradoiro de xestión emocional a través da técnica “Mindfulness”. Esta actividade, que está dirixida a persoas maiores de 18 anos, comezou hoxe e desenvolverase ao longo de 8 sesións de 1 hora 45 minutos de duración. O obradoiro está impartido polo psicólogo e instrutor da técnica, Juan Carlos Permuy, e realízase os martes, en horario de 16:30 a 18:15 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Esta actividade tivo unha gran demanda con máis de 60 persoas inscritas. Houbo que realizar un sorteo para determinar as 15 persoas participantes.

A Concellaría de Deportes, a través de Xesta Natureza, organiza este domingo 24 de abril a primeira edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que se desenvolverá na área deportiva de Bertamiráns, de 10:30 a 13:30 horas. Unhas 180 persoas inscribíronse no evento, que conta con tres categorías de menor a maior dificultade (“Xestiñas”, “Xestas” e “Xesteiras”), nas que poden participar deportistas de todos os niveis e idades.

A terceira edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que percorrerá o concello dende Ponte Maceira ata o Real Aeroclub de Santiago, terá lugar o próximo domingo 20 de febreiro. Organizada polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, a proba foi presentada esta mañá no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Unhas 200 persoas xa se inscribiron nun evento que volve tras un ano de parón por mor da pandemia. Para participar, cómpre inscribirse en carreirasgalegas.com ou en emesports.es, ata o 16 de febreiro ás 23:59 horas. Pódese consultar o regulamento completo do evento premendo nesta ligazón.

Este domingo, 2 de febreiro, desenvolverase na localidade de Bertamiráns a segunda proba da Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT. Este evento deportivo está composto de tres probas: a primeira realizouse o pasado domingo 26 de xaneiro en Noia e a terceira é última celebrarase o domingo 16 de febreiro. Esta proba está organizada polo club Os Esfola Arrós e conta coa colaboración do Concello de Ames. Para participar neste evento deportivo hai inscritos un total de 234 ciclistas repartidos en diferentes categorías. A Liga conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de Deporte Galego, da Deputación Provincial da Coruña e de Rótulos Orixinal Imaxe.

A terceira edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre celébrase este domingo 20 de febreiro, cunha boa participación malia sufrir un ano de parón pola situación epidemiolóxica. En total, unhas 343 persoas inscribíronse na proba, con 256 dorsais na modalidade trail e outras 87 entradas para a andaina. O evento, organizado polo Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo, arrincará dende Ponte Maceira ás 10:00 horas. Os dorsais poderán recollerse a partir das 8:30 horas nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, en Piñeiro. Pódese consultar o regulamento completo do evento premendo nesta ligazón.

Coa asistencia do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de deportes, Susana Señorís, presentouse esta mañá o “XII campionato de Galicia 5K Ruta” que se desenvolverá o domingo, 26 de setembro, en Bertamiráns. 400 atletas federados están inscritos nesta proba que se realizará nun circuíto urbano homologado cuxo inicio e remate sitúase na rúa alcalde Lorenzo. Coa realización desta proba, Ames convertese na primeira sede deste campionato.

O campo de fútbol do Milladoiro acolle do 20 ao 24 de xullo a quinta edición do DéporCampus en Ames, no que participan preto de sesenta rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos. Esta iniciativa organizada polo RC Deportivo da Coruña, que conta coa colaboración do Bertamiráns FC e do Concello de Ames, consta de cinco xornadas de adestramento e diversión cos adestradores do Real Club Deportivo, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Nos adestramentos emprégase un método que fomenta valores como o xogo limpo, o respecto polo rival, o esforzo, a solidariedade e a amizade a través do deporte.

Eventos del departamento

Ames acolle a segunda das catro etapas que compoñen a volta ciclista “O Gran Camiño”, que percorrerá as catro provincias galegas do 24 ao 27 de febreiro. A segunda cita do “tour”, con saída en Bertamiráns e final no mirador do Ézaro, arrincará dende a rúa Alcalde Lorenzo o venres 25 de febreiro ás 10:30 horas. Despois, pasará polo Milladoiro, volverá a Bertamiráns pola estrada vella a Santiago e collerá dirección Muxía, pasando antes por Ames, Lens e Ponte Maceira, nun tramo que incluirá un porto de terceira categoría. Os ciclistas chegarán ao Ézaro entre as 14:40 e as 15:20 horas. Preme aquí para consultar o rutómetro da proba (percorrido e horarios estimados).

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza para o sábado, 18 de xuño, unha xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia entre as 11:00 e as 13:30 horas. A través desta actividade búscase que os amesáns e as amesás que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. A xornada Achégate ao piragüismo consistirá nunha sesión de portas abertas á que poderán asistir todas aquelas persoas maiores de 7 anos interesadas nesta actividade, sempre e cando saiban nadar. Para participar nesta actividade gratuíta, que require inscrición previa a través do correo electrónico info@ribeirasdotambre.es, hai que levar traxe de baño, unha camiseta e chancletas.

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa de Andainas Saudables, organiza para este mes de maio un percorrido pola terceira etapa do camiño de Santiago dende o Barbanza, “A orixe”. A ruta realizarase o vindeiro sábado, 27 de maio. Os participantes camiñarán arredor de 14 quilómetros, partindo dende a praza Porta do Sol (Ribeira) e chegando ata a Pobra do Caramiñal. Os interesados en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, día 24, ás 14:00 horas. Ofrécese servizo de autobuses dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9:15 horas. Hai 70 prazas dispoñibles e teñen prioridade as persoas empadroadas en Ames. 

A Concellaría de Deportes, a través de Xesta Natureza, organiza para o vindeiro sábado, 15 de abril, ás 17.00 horas, a segunda edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que se desenvolverá na área deportiva de Bertamiráns. Haberá tres categorías distintas: Xestiñas (categoría para nenos/as), Xestas (categoría para adultos) e Xesteiras (categoría para persoas con medios/altos coñecementos de orientación). Poderase participar de xeito individual ou en grupo (máximo de 4 participantes por equipo). As inscricións son de balde e pódense facer premendo nesta ligazón. Para dispor de máis información pódese chamar ao número de teléfono 644 567 614, escribir un correo electrónico a info@xestanatureza.com ou visitar a páxina web www.xestanatureza.com.

Tras un ano de parón por mor da pandemia, Ames volve acoller a segunda etapa do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2022 este domingo 13 de marzo. Será a sexta ocasión na que o concello celebre esta cita, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. A proba está organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 33 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces. As inscricións están abertas ata o mércores 9, ás 23:59 horas, premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es.

O curso 2022-2023 das escolas deportivas municipais chega ao seu fin. Como todos os anos, celebrarase un evento de clausura no que os rapaces e rapazas terán a oportunidade de mostrar o aprendido ao longo destes meses nas actividades que participaron. O acto terá lugar este sábado, 17 de xuño, a partir das 16:30 horas, na área deportiva do Milladoiro. Trátase dun evento familiar e festivo, que estará aberto a todas as persoas que desexen asistir. A xornada está organizada polo departamento de Deportes de Ames, en colaboración con ServiPlus.

A Concellaría de Deportes organiza no pavillón municipal de Bertamiráns un obradoiro de defensa persoal feminina, despois de ter acollido talleres similares nos últimos meses tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. O curso, que se celebrará o próximo domingo, 8 de maio, desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas. A proposta é de balde e conta con 50 prazas, para as que cómpre inscribirse, enviando esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico deportes@concellodeames.gal.

A Concellería de Deportes colabora este domingo 24 de outubro, das 10.00 ás 13.00 horas, nun obradoiro de defensa persoal feminina no Ximnasio Pavillón municipal de Bertamiráns. O curso é de balde e está organizado pola Asociación de artes marciais Bujutsu Sosei. O prazo de inscrición xa está aberto e farase a través do teléfono 665 841 036, aportando nome e apelidos. Recoméndase ás asistentes levar roupa confortable para realizaren actividade física.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, oferta un ano máis unha ampla gama de actividades no Día do Deporte, que se celebrará este venres, 22 de setembro, na área deportiva do Milladoiro, de 16:30 a 20:00 horas. Todas as persoas interesadas en realizar un deporte, pero que aínda non saben por que disciplina decantarse, teñen a ocasión ideal de probar e escoller a que máis lles guste no Día do Deporte de Ames. Dito evento conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, está preparando unha ampla oferta de actividades para a celebración do Día do Deporte que se desenvolverá na área deportiva do Milladoiro. Este venres 16 de setembro, en horario de 16.00 a 20.30 horas, os veciños e veciñas de todas as idades poderán gozar de varias actividades deportivas axeitadas a todos os gustos. Preme nesta ligazón para descargar o programa do Día do Deporte.