- Tematica
O Club de patinaxe artística Omega, do Milladoiro, e o Club de patinaxe Sarela, de Bertamiráns, organizan este venres 24 de xuño a décimo primeira edición do Encontro de escolas deportivas municipais de patinaxe artística Concello de Ames, no que colabora o propio Concello. No evento, que se desenvolverá no pavillón municipal de Bertamiráns a partir das 11:30 horas, participarán preto de 200 alumnas e alumnos das escolas deportivas de Bertamiráns, Barouta e do Milladoiro. O programa incluirá dúas competicións entre os grupos das escolas e exhibicións dos clubs de patinaxe amesáns, que realizarán diferentes coreografías grupais. Preme aquí para consultar a programación ao completo.
O pavillón municipal de Bertamiráns acolle este venres 24 de xuño o XI Encontro de escolas deportivas municipais de patinaxe artística Concello de Ames, un evento deportivo que non se organizaba dende o 2019 e que volve cunha participación próxima ás 200 persoas. No encontro participarán todas as escolas de patinaxe artística de Ames, con diversas coreografías grupais nas que interpretarán diferentes ideas e mostrarán o aprendido ao longo do curso.
O encontro abrirá as súas portas ás 11:30 e arrincará ás 12:00 horas, coa competición dos grupos A, que inclúe a cinco conxuntos e que durará aproximadamente 45 minutos. Neste torneo participarán o grupo 1 das escolas deportivas do Milladoiro, con “La vie en rose”; o grupo de Barouta, con “1969”; o grupo 0 do Milladoiro, con “Pel de dálmata”, e os grupos 4 e 1 de Bertamiráns, que interpretarán “Ulisa e as sereas” e “SOS”, respectivamente.
Deseguido, sobre ás 12:45 horas, terán lugar as dúas primeiras exhibicións dos clubs de patinaxe de Ames, o CPA Omega, coa actuación individual de Alicia Lariño Iglesias, da categoría nacional infantil, e o CP Sarela, cun espectáculo de grupo interpretando “Señora Edison”. Ás 13:00 horas continuará a competición cos grupos B, que incluirá ao grupo 2 de Bertamiráns, con “X”; ao grupo 2 do Milladoiro, con “Galegos na lúa”, e ao grupo 3 de Bertamiráns, con “Terra”.
Xa ás 13:25 horas, haberá unha nova rolda de exhibicións do CPA Omega, de novo de xeito individual con Martina Bretaña Míguez, da categoría nacional cadete, e do CP Sarela, cun show grupal con “Like her”. Por último, e para pechar o encontro, arredor das 13:40 horas realizarase un desfile con todas as persoas participantes, e farase unha entrega de diplomas e medallas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Cita para os afecionados ao patinaxe en Bertamiráns"