Actualidade
[29-09-2017] O Concello de Ames fixo entrega dun cheque simbólico á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), co diñeiro recadado coas inscricións da I Carreira da Familia celebrada en Ames. No total, son 909 euros que suporán unha pequena axuda ás labores que a Asociación realiza para a mellora da vida das nenas e nenos oncolóxicos. A I Carreira da Familia celebrouse no Milladoiro, o pasado 9 de setembro, cun grande éxito de asistencia, acadando ás 249 persoas participantes.
[29-09-2017] O desenvolvemento de competencias psicolóxicas, como a autoestima, a tolerancia, a autonomía ou o control da ansiedade, o desenvolvemento do sentido crítico, o manexo da dependencia afectiva ou do influxo da publicidade e das redes sociais, serán algúns dos temas que se abordarán ao longo destas sesións. O obxectivo principal é reducir os factores de risco vinculados ao consumo de drogas na adolescencia, ofrecendo ferramentas que potencien os factores de prevención e que permita adquirir habilidades para poder afrontar adecuadamente as posibles situacións de risco.
[28-09-2017] O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. En Ames, o espazo escollido é o Rego dos Pasos. Desde a Concellaría de Medio Ambiente convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 1 de outubro. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
[28-09-2017] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), e en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, a xornada informativa “Muller, decide o teu futuro laboral”. Dirixida a todas as mulleres do Concello de Ames na procura de emprego ou cunha idea para emprender, a xornada terá lugar o vindeiro 10 de outubro, de 10:00h a 13:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e o día 11, no mesmo horario, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.
[28-09-2017] Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación do libro que recompila o proxecto de urbanismo e patrimonio “A Vila do Mañá”, que se desenvolveu do 3 ao 7 de xullo en Bertamiráns e do 7 ao 11 de agosto no Milladoiro. Esta actividade realizouse cos nenos e nenas da Escola de Verán de Ames. Nesta presentación participaron o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Blas García, o concelleiro de Educación, David Santomil, o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, e a directora e responsable do proxecto, Sandra González. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar o libro de "A Vila do Mañá".
[27-09-2017] A concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade organiza, a través do Centro de Información á Muller, e en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, a xornada informativa “Muller, decide o teu futuro laboral”. Dirixida a todas as mulleres do Concello de Ames interesadas na procura de emprego ou cunha idea para emprender, a xornada terá lugar o vindeiro 10 de outubro, de 10:00h a 13:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e o día 11, no mesmo horario, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.
[27-09-2017] A Aula CeMIT, que está situada no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, ofrece o vindeiro luns 2 de outubro, de 11:00 a 12:00 horas, unha charla sobre consumo responsable. Esta charla, que se emitirá desde a Escola Galega de Consumo a través de videoconferencia, terá unha duración aproximada dunha hora ou hora e media, e está orientada para todos os públicos ao tratar temas actuais que nos afectan en gran medida como consumidores habituais.
[27-09-2017] A programación da tempada de teatro infantil do Concello de Ames comeza coa representación do espectáculo “Outono”, da compañía PistaCatro. A obra, que é un espectáculo de teatro-circo con música en directo, relátanos a viaxe nostálxica de catro artistas ao seu pasado, celebrando a amizade e os fracasos, ofrecendo unha ollada poética ao antigo oficio dos pallasos. As entradas xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poderán mercar, de xeito anticipado e presencial, unha hora antes do comezo do espectáculo. “Outono” será representado o vindeiro 6 de outubro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
[27-09-2017] Un novo sistema de xestión bibliotecaria está a ser instalado nas bibliotecas municipais de Ames. É o KOHA, un novo programa que será común a toda a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. A instalación do novo sistema permitirá, entre outras cousas, a creación dun catálogo único e a unificación dos carnés de socias e socios, que comezarán a ser válidos en toda a Rede. Esta mañá, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou a biblioteca do Milladoiro para acompañar as labores de actualización do inventario, que se están a realizar tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. As bibliotecas municipais de Ames permanecerán pechadas ata o vindeiro luns, 2 de outubro; ao longo desta semana, só estarán operativas as aulas de estudo.
[27-09-2017] Dende o Concello de Ames puxéronse en contacto cos responsables da empresa Unión Fenosa para tratar de arranxar o corte no subministro eléctrico que se produciu este mércores, 27 de setembro, arredor das 15:00 horas. Dende a compañía eléctrica informan de que están tratando de arranxar a dobre avaría detectada na rede eléctrica de Bertamiráns e que deixou sen subministro eléctrico a maior parte das vivendas desta localidade.
- ‹ anterior
- 739 de 1383
- seguinte ›