Pestanas principais

O vindeiro 6 de outubro comeza a tempada de teatro infantil con “Outono” da compañía Pistacatro

Mércores, 27 de setembro de 2017

[27-09-2017] A programación da tempada de teatro infantil do Concello de Ames comeza coa representación do espectáculo “Outono”, da compañía PistaCatro. A obra, que é un espectáculo de teatro-circo con música en directo, relátanos a viaxe nostálxica de catro artistas ao seu pasado, celebrando a amizade e os fracasos, ofrecendo unha ollada poética ao antigo oficio dos pallasos. As entradas xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poderán mercar, de xeito anticipado e presencial, unha hora antes do comezo do espectáculo. “Outono” será representado o vindeiro 6 de outubro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.


Con motivo do seu décimo aniversario, a compañía de teatro Pistacatro, de Novo Circo Galego, presenta a súa obra máis arriscada: “Outono”. Un espectáculo que é en si mesmo unha homenaxe aos pallasos clásicos. Contada a través dunha compañía de clowns en plena crise, está dirixida por Antón Coucheiro e conta coa participación como intérpretes de Aitor Garuz, Manu Lago, Natalia Outeiro “Pajarito” e Pablo Reboleiro.

A representación de “Outono” enmárcase dentro da programación de teatro infantil do Concello de Ames para este último trimestre de 2017. A obra, que está pensada para toda a familia, será representada o vindeiro 6 de outubro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Milladoiro. Pódese ver un trailer da obra premendo na seguinte ligazón

As entradas para esta obra xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxaría e coa axuda das técnicas e técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00h a e 13:00 horas. Un 10% das entradas resérvanse para ser vendidas de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.

Contido relacionado


Ames Go: "Comeza a tempada infantil de teatro"