Actualidade
[27-09-2017] A Aula CeMIT, que está situada no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, ofrece o vindeiro luns 2 de outubro, de 11:00 a 12:00 horas, unha charla sobre consumo responsable. Esta charla, que se emitirá desde a Escola Galega de Consumo a través de videoconferencia, terá unha duración aproximada dunha hora ou hora e media, e está orientada para todos os públicos ao tratar temas actuais que nos afectan en gran medida como consumidores habituais.
[27-09-2017] A programación da tempada de teatro infantil do Concello de Ames comeza coa representación do espectáculo “Outono”, da compañía PistaCatro. A obra, que é un espectáculo de teatro-circo con música en directo, relátanos a viaxe nostálxica de catro artistas ao seu pasado, celebrando a amizade e os fracasos, ofrecendo unha ollada poética ao antigo oficio dos pallasos. As entradas xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poderán mercar, de xeito anticipado e presencial, unha hora antes do comezo do espectáculo. “Outono” será representado o vindeiro 6 de outubro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
[27-09-2017] Un novo sistema de xestión bibliotecaria está a ser instalado nas bibliotecas municipais de Ames. É o KOHA, un novo programa que será común a toda a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. A instalación do novo sistema permitirá, entre outras cousas, a creación dun catálogo único e a unificación dos carnés de socias e socios, que comezarán a ser válidos en toda a Rede. Esta mañá, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou a biblioteca do Milladoiro para acompañar as labores de actualización do inventario, que se están a realizar tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. As bibliotecas municipais de Ames permanecerán pechadas ata o vindeiro luns, 2 de outubro; ao longo desta semana, só estarán operativas as aulas de estudo.
[27-09-2017] Dende o Concello de Ames puxéronse en contacto cos responsables da empresa Unión Fenosa para tratar de arranxar o corte no subministro eléctrico que se produciu este mércores, 27 de setembro, arredor das 15:00 horas. Dende a compañía eléctrica informan de que están tratando de arranxar a dobre avaría detectada na rede eléctrica de Bertamiráns e que deixou sen subministro eléctrico a maior parte das vivendas desta localidade.
[27-09-2017] O departamento de Persoal fai públicas as bases e máis o modelo de solicitude da convocatoria do proceso selectivo para a selección e nomeamento, como funcionario/a interino/a por programa, dun/dunha técnico/a do ciclo integral a auga, da Escola de Administración Especial, subescala técnica, técnico/a medio, subgrupo A2. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 11 de outubro de 2017 (10 días hábiles seguintes da publicación do anuncio no BOP). Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar o anuncio do BOP, o impreso de solicitude e o modelo de declaración xurada.
[27-09-2017] A Aula CeMIT, que está situada no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, ofrece o vindeiro luns 2 de outubro, de 11:00 a 12:00 horas, unha charla sobre consumo responsable. Esta charla, que se emitirá desde a Escola Galega de Consumo a través de videoconferencia, terá unha duración aproximada dunha hora ou hora e media, e está orientada para todos os públicos ao tratar temas actuais que nos afectan en gran medida como consumidores habituais.
[26-09-2017] O pasado venres, 22 de setembro, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes que se celebrará este xoves. En ditas comisións informativas abordáronse a aprobación do proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03 do Milladoiro; dun novo proxecto modificado da obra de reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo das piscinas públicas municipais do Milladoiro; da primeira modificación puntual do regulamento de bolsas de traballo; das ordenanzas reguladoras do prezo público e da taxa pola actividade do cemiterio municipal. Ademais, tratouse unha proposta presentada por Ames Novo para unha compra pública socialmente responsable.
[26-09-2017] Este xoves, 28 de setembro, volve o programa “Falemos de saúde” despois dun breve parón durante os meses estivais. A doutora Magdalena Seco, coordinadora do centro de saúde do Milladoiro, será a encargada de impartir unha charla sobre a menopausia. Dita charla desenvolverase, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (situado na rúa Figueiras). Este programa está composto por un total de 11 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano. A través deste servizo trátase de poñer en valor o concepto de saúde e crear un espazo onde desenvolver charlas-obradoiros participativas sobre diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina.
[26-09-2017] Esta mañá, o Concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou as instalacións da escola unitaria de Ortoño para coñecer, de primeira man, o acabado das obras realizadas: a colocación dunha mampara exterior fronte a fachada principal e o acondicionamento da zona de xogo e do xardín da escola. Neste curso 2017/2018, a escola unitaria de Ortoño dobrou o número de alumnas e alumnos con respecto ao ano anterior, pasando de 9 a 18 nenas e nenos usuarios.
[25-09-2017] O departamento de Deportes fai pública a listaxe coa relación das prazas libres dispoñibles nas Escolas Deportivas de Ames, para o curso 2017/2018. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a listaxe completa e o impreso de inscrición. A inscrición poderase realizar tanto de xeito presencial como telemático. Presencialmente, poderase facer na Casa da Cultura do Milladoiro e na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 9:00h a 13:00 horas. Telematicamente, os trámites poderanse realizar enviando o formulario de inscrición cuberto a un dos seguintes enderezos de correo electrónico: deportes@concellodeames.gal ou deportes.milladoiro@concellodeames.gal. Posteriormente, deberase solicitar a folla de autoliquidación por correo electrónico ou presencialmente, para efectuar o pagamento das actividades das que se vai participar. Unha vez se pague a devandita autoliquidación non será necesario entregar o resgardo.
- ‹ anterior
- 740 de 1384
- seguinte ›