[29-09-2017] O desenvolvemento de competencias psicolóxicas, como a autoestima, a tolerancia, a autonomía ou o control da ansiedade, o desenvolvemento do sentido crítico, o manexo da dependencia afectiva ou do influxo da publicidade e das redes sociais, serán algúns dos temas que se abordarán ao longo destas sesións. O obxectivo principal é reducir os factores de risco vinculados ao consumo de drogas na adolescencia, ofrecendo ferramentas que potencien os factores de prevención e que permita adquirir habilidades para poder afrontar adecuadamente as posibles situacións de risco.
A Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijoo, destaca a importancia do ámbito educativo como un espazo chave para abordas esta temática: "Cremos que a prevención no ámbito escolar é a ferramenta máis eficaz para abordar, precozmente, determinadas dificultades inherentes a etapa da adolescencia e da pre-adolescencia. Por este motivo, a implicación do medio escolar é fundamental, así como a participación da familia e do grupo de iguais".
Os obxectivos deste ciclo de obradoiros son varios. Por unha banda, están aqueles de índole xeral que se centran no desenvolvemento do traballo desde unha perspectiva de promoción da saúde, reducindo os factores de risco e proporcionándolle ao alumnado a adquisición de capacidades para desenrolar estilos de vida saudable. Pola outra, están aqueles outros que cun carácter máis específico procuran dotar ás familias das ferramentas educativas precisas para a prevención, así como a incorporación do enfoque de xénero nas actuacións desenvolvidas e de contidos relacionados con outras condutas vinculadas ao uso indebido das novas tecnoloxías. De igual maneira, o programa tamén contempla a participación activa do profesorado, formándoo e capacitándoo, ao entendelo como un axente chave para a prevención de adicións.
A metodoloxía a seguir nas sesións será eminentemente participativa, facendo que sexan as propias rapazas e rapaces os encargados de aportar e desenvolver a información e os recursos necesarios, respectando os ritmos e particularidades de cada grupo e fomentando técnicas de traballo grupal, como dramatizacións ou debates. Do mesmo xeito, tamén se farán actividades individuais, así como outras orientadas a ser realizadas na casa xunto coas nais e os pais. As unidades didácticas abarcan desde sexto curso de Primaria ata os diferentes cursos que forman parte do ciclo da ESO, con diferentes actividades e niveis de afondamento segundo o nivel educativo.
O desenvolvemento de competencias psicolóxicas (a autoestima, a tolerancia, a frustración, a autonomía, a responsabilidade e o manexo da ansiedade), a potenciación do sentido crítico, a resolución de conflitos e a toma de decisións de maneira efectiva, a xestión da presión de grupo e da dependencia afectiva, o reforzo fronte o influxo da publicidade, da internet, e das redes sociais, así como o fomento dos hábitos de vida saudable e da xestión do tempo de lecer, serán algunhas das temáticas a abordar. En sexto de Primaria e en segundo da ESO, trataranse de maneira especial os primeiros consumos, nomeadamente de alcohol e tabaco.
"Non queremos que sexa unha intervención puntual nin centrada so nas sustancias, sobre todo polas problemática que xorden polo mal uso ou abuso das novas tecnoloxías, polo que este programa se concibe como un programa cíclico, onde se abordarán diferentes temáticas e onde se implicará a todos os axentes: familias , docentes e alumnado" , apunta Feijóo.
O CEIP da Maía acolle o primeiro obradoiro
O ciclo de obradoiros estréase o vindeiro luns, 2 de outubro, no CEIP A Maía, de Bertamiráns, co alumnado de sexto de Primaria. Como paso previo á realización dos obradoiros, o pasado martes, 26 de setembro, realizouse unha xuntanza coas nais e pais das rapazas e rapaces que participarán dos obradoiros esta semana, para que poidan coñecer os temas a traballar, abordando tamén na casa esta temática seguindo as estratexias que se seguirán no ciclo. Esta semana tamén tivo lugar unha xuntanza informativo co profesora do centro, para ofrecerlles información sobre o desenvolvemento das actividades.
Ao finalizar o ciclo de obradoiros, volverá haber unha xuntanza coas nais e pais. Asemade, tamén se realizará unha memoria xeral, con informes particulares de cada curso, a modo de avaliación, conclusións e recomendacións titoriais.