Pestanas principais

Estase traballando no arranxo da dobre avaría que sufriu a rede eléctrica de Bertamiráns

Mércores, 27 de setembro de 2017

[27-09-2017] Dende o Concello de Ames puxéronse en contacto cos responsables da empresa Unión Fenosa para tratar de arranxar o corte no subministro eléctrico que se produciu este mércores, 27 de setembro, arredor das 15:00 horas. Dende a compañía eléctrica informan de que están tratando de arranxar a dobre avaría detectada na rede eléctrica de Bertamiráns e que deixou sen subministro eléctrico a maior parte das vivendas desta localidade.

Lémbrase que as persoas que desexen poñer unha reclamación polos cortes de luz teñen a súa disposición o servizo de asesoramento que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia en Ames.

É importante que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor deste servizo que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular. Para solicitar información e pedir cita previa hai que chamar ao número de teléfono 662 13 03 12. 

Deste xeito, os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os luns de 10:00 a 14:00 horas, e os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os mércores de 16:30 a 20:30 horas, e os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas.