Actualidade
[03-10-2017] O Concello de Ames convocou un proceso selectivo para a selección e nomeamento, como funcionario/a interino/a por programa, dun/dunha técnico/a do ciclo integral a auga, da Escola de Administración Especial, subescala técnica, técnico/a medio, subgrupo A2. As persoas que desexen participar neste proceso selectivo poden presentar as súas solicitudes ata o día 11 de outubro (inclusive). As bases do proceso selectivo, o modelo de solicitude e a declaración xurada poden acadarse e consultarse polos/as interesados/as na oficina do servizo de recursos humanos, que está situada na Casa do Concello, ou accedendo á sección de convocatorias da web municipal.
[03-10-2017] “Co galego gañas ti” é o nome dos obradoiros de habilidades comunicativas e dinamización lingüística que se van a desenvolver, estes días, no Concello de Ames. Organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística, en colaboración coas concellarías de Educación e Deportes, están dirixidos ao monitorado dos comedores e das escolas e clubs deportivos de Ames. Ao comezo do primeiro dos obradoiros, que se celebrou hoxe, estivo presente o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, quen destacou a importancia destes obradoiros para a normalización e a promoción da lingua galega.
[03-10-2017] A Concellaría de Normalización Lingüística organiza, para este outubro, o obradoiro “Tardes de Contos”, encadrado dentro do programa Apego. Orientado a familias con crianzas entre os 0 e os 6 anos, o obradoiro desenvolverase ao longo de catro sesións nas que se achegarán diferentes contos e xeitos de contar. O 9 e 23 de outubro, as “Tardes de Contos” serán na Casa da Cultura do Milladoiro, mentres que os días 16 e 30, terán lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A inscrición, que é gratuíta, debe ser feita a través do enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, enviando un correo co nome e a idade das persoas participantes, así como un número de contacto. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 2 ao 9 de outubro.
[02-10-2017] A semana pasada o alcalde de Ames, responsable da área da Administración electrónica, o persoal do departamento de informática e unha traballadora municipal, mantiveron unha xuntanza cos responsables da área da Administración electrónica do Concello de Lalín co obxectivo de coñecer o grao de implantación que ten dito municipio neste senso. En Lalín implantouse no pasado mes de febreiro un novo programa de xestión da Administración electrónica. Ames na actualidade está inmerso na implantación de diferentes procedementos da Administración electrónica por medio da Deputación coa plataforma TeDec.
[02-10-2017] Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ficha de inscrición para as actividades, da programación de outono, da Aula da Natureza.
[02-10-2017] A charla fai parte do plan de formación de Gas Natural Fenosa. Dirixida ás usuarias e usuarios dos servizos sociais municipais, terá lugar tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. O día 11 de outubro, será na primeira das localidades, no local de JUPEMI (a asociación de persoas xubiladas e pensionistas do Milladoiro), ás 17:00h. En Bertamiráns, a charla desenvolverase o 19 de outubro, no Pazo da Peregrina, no mesmo horario.
[02-10-2017] O Concello de Ames vén de publicar a variada programación infantil, organizada polos diferentes departamentos municipais, para os vindeiros meses de outubro, novembro e decembro. A programación comeza o próximo venres, 6 de outubro, co espectáculo de circo-teatro Outono da compañía de circo-teatro Pista Catro.
[02-10-2017] Esta semana comeza a actividade de psicomotricidade educativa e preventiva, esta será a duodécima edición deste programa dirixido aos nenos e nenas do concello de Ames de 3, 4 e 5 anos. Impartirase nos centros escolares de Agro do Muíño, A Maia e EEI de Milladoiro. Dúas monitoras con ampla experiencia na educación infantil e na psicomotricidade educativa e preventiva impartirán esta actividade.
[02-10-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, informa de que todos os martes de 17:00 a 19:00 horas durante os meses de outubro, novembro e decembro, a biblioteca municipal de Bertamiráns estará pechada por motivo da realización de obras no auditorio e polo traslado da actividade de teatro infantil á biblioteca. Permanecerá aberta a sala de lectura. Desculpen as molestias.
[30-09-2017] Após o grande éxito acadado nas sesións celebradas con anterioridade, os locais sociais de Bugallido e Augapesada volven acoller novas sesións de contacontos. Deste xeito, cada quince días, os luns en Augapesada, e os martes en Bugallido, as nenas e nenos destes lugares poderán gozar de historias relatadas a viva voz. A empresa responsable destas sesións de contacontos, que comezan a vindeira semana, é Órbita Infantil.
- ‹ anterior
- 738 de 1384
- seguinte ›