Pestanas principais

Preséntase o libro que recompila o resultado do proxecto de urbanismo e patrimonio “A Vila do Mañá”

Xoves, 28 de setembro de 2017

[28-09-2017] Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación do libro que recompila o proxecto de urbanismo e patrimonio “A Vila do Mañá”, que se desenvolveu do 3 ao 7 de xullo en Bertamiráns e do 7 ao 11 de agosto no Milladoiro. Esta actividade realizouse cos nenos e nenas da Escola de Verán de Ames. Nesta presentación participaron o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Blas García, o concelleiro de Educación, David Santomil, o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, e a directora e responsable do proxecto, Sandra González. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar o libro de "A Vila do Mañá".

A Vila do Mañá de Bertamiráns
A través das actividades realizadas coa rapazada que participou na Escola de Verán de Bertamiráns obtivéronse resultados moi curiosos. A maioría dos participantes debuxaron a súa casa como elemento principal da localidade na que viven, mentres que outra gran maioría reflectiu nos seus debuxos elementos de servizo como supermercados, grandes superficies de estacionamento cos vehículos estacionados, colexios... pero son unha pequena minoría debuxou o Pazo da Peregrina como elemento de identidade de Bertamiráns. O resultado é diferente noutra actividade na que se lle pediu aos rapaces e rapazas que enmarcasen as cousas que para eles son importantes da localidade na que viven. Deste xeito, a maioría enmarcaron o Pazo da Peregrina, pero ningún dos participantes enmarcou o río Sar.

A Vila do Mañá do Milladoiro
Por outra banda, aos rapaces e rapazas do Milladoiro fíxolles a seguinte pregunta: ¿Como é a vosa cidade? A maior parte dos participantes debuxaron edificios en altura, destacando o número de prata na que habita cada unha das familias ás que pertence cada rapaz/a. Unha das sorpresas deste xogo deuse nos nenos/as de 6 a 12 anos, xa que moitos deles/as debuxaron a igrexa de San Xosé do Milladoiro, inaugurada recentemente no pasado mes de marzo. En canto a que edificio/lugar enmarcaron a maioría optou polo centro comercial, a nova igrexa ou as súas casas.

Deste xeito, tal e como se recolle neste estudo os rapaces e rapazas non viven o espazo da rúa, o espazo vivible da cidade foi privatizado polos grandes equipamentos, e o coche é o dono das cidades no lugar das persoas. Isto é o que se pode extraer das actividades realizadas polos participantes neste proxecto. En canto ao espazo que imaxinan, os nenos e nenas deseñaron un espazo brando, onde a vexetación e a auga se converten nos elementos primordiais das prazas e rúas. Uns espazos cheos de vida e de xente, onde non aparece os vehículos por ningures. Neste documento afírmase que os problemas que afectan aos nenos/as das cidades son a inseguridade xerada polos vehículos a motor e a dureza dos espazos públicos. Isto segundo se indica en dito estudo está provocado pola falta de planificación.

O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, explicou que “os nenos e nenas teñen unha mirada limpa e neste caso este estudo reflicte a perfección o que opinan sobre o urbanismo de Bertamiráns e do Milladoiro. Neste caso o Colexio de Arquitectos de Galicia non fixo máis que apoiar a iniciativa de Post Arquitectos. Ademais, hai que darlle as grazas ao Concello de Ames por participar neste proxecto”.

Finalmente interveu a directora e responsable do proxecto, Sandra González, que destacou o éxito desta iniciativa en Ames. “Foi o segundo obradoiro deste proxecto que realizamos, despois do feito en Rianxo, e comezamos cun pouco de medo porque tiñamos 116 rapaces e rapazas, pero a verdade é que saíu todo perfecto. Obtivemos conclusos moi sorprendentes que se recollen neste libro”. Ademais, Sandra González explicou que este venres viaxan a cidade brasileira de Sao Paulo para impartir unha conferencia sobre dito proxecto. Tamén impartirán unha conferencia na Universidade da Coruña.

O alcalde de Ames, José Miñones, agradeceu o traballo realizado por Post Arquitectos e dixo que “grazas á realización deste proxecto en Ames temos un documento que poderemos empregar para mellorar a nivel urbanístico as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. Nos últimos tempos dende o goberno municipal abrimos un proceso de consulta veciñal para coñecer onde era necesario destinar fondos públicos, pero este proceso de participación veciñal estivo dirixida á poboación adulta. Por iso é tan importante este proxecto, porque está dirixido a outra franxa da poboación como é a mocidade”. Por último Miñones destacou que este traballo tamén poderá ser empregado para determinar en que se van a investir parte dos fondos DUSI que recolle un apartado de desenvolvemento urbano sostible.

A Vila do Mañá é un proxecto educativo cuxo obxectivo é que os nenos e nenas de diferentes lugares de Galicia, traballando e xogando sobre o seu propio hábitat, tomen conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe. O obxectivo é que a infancia e a mocidade estean presentes de forma activa nos procesos de construción dos espazos comúns, dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, dende a arte ata a arquitectura. A principal finalidade é provocar na rapazada unha nova mirada sobre os espazos nos que desenvolven a súa vida.

Con estas premisas desenvolveuse en Ames o proxecto de A Vila do Mañá. Esta iniciativa, na que participaron 116 nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria da Escola de Verán, desenvolveuse do 3 ao 7 de xullo en Bertamiráns e do 7 ao 11 de agosto no Milladoiro. As actividades que se realizaron dividíronse en dúas partes. Houbo actividades de interior, nas que participaron os nenos e nenas máis pequenos, e outras de exterior feitas polos rapaces e rapazas máis grandes.

O concelleiro de Urbanismo, Blas García, indicou que “é importante poñer en valor este traballo xa que recolle a opinión da nosa mocidade en materia de urbanismo e patrimonio. É sorprendente algunha das conclusión que se recollen neste traballo como que os rapaces e rapazas do Milladoiro apenas coñecen a zona de monte desta localidade. Este estudo serviranos para determinar onde é preciso realizar investimentos”. A continuación interveu o concelleiro de Educación, David Santomil, que destacou que “no concello das crianzas é necesario dispor da visión da mocidade para entender o urbanismo do noso municipio, xa que temos dous núcleos urbanos con dinámicas territoriais moi diferentes e cun crecemento urbanístico diferenciado entre eles”.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Un estudio con 116 niños de Ames revela las lagunas de su urbanismo"