[28-09-2017] O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. En Ames, o espazo escollido é o Rego dos Pasos. Desde a Concellaría de Medio Ambiente convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 1 de outubro. As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
A asociación ADEGA, a través do programa “Proxecto Ríos”, vén organizando, nos últimos anos, unha xornada de limpeza simultánea de ríos e regatos en toda Galicia, baixo o nome “Móllate polos ríos”. O obxectivo é que as persoas voluntarias saian aos seus ríos, recoller o lixo que atenta contra a riqueza e o valor dos ecosistemas fluviais. O Concello de Ames súmase, un ano máis, a esta iniciativa, convidando a toda a veciñanza a participar na limpeza do Rego dos Pasos, este domingo, 1 de outubro.
O punto de encontro será na praza do Concello de Bertamiráns, ás 10:30h. Está previsto que as labores de limpeza rematen por volta das 13:30h. Posteriormente, os residuos recollidos serán clasificados e depositados en bolsas para a súa ulterior reciclaxe. Os datos acadados ao longo da xornada serán enviados a ADEGA, para a realización dun informe sobre o estado dos nosos ríos.
As persoas interesadas en participar deberán pórse en contacto coa Aula da Natureza a través do enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao número 660 004 665. Recoméndase levar calzado impermeable, cómodo e resistente, luvas e roupa axeitada para a tarefa. As nenas e nenos que participen desta actividade deberán estar sempre acompañados dunha persoa adulta. Deberase ter especial coidado naquelas zonas nas que a corrente circule con maior forza, evitando darlle as costas ao río. Prégase, asemade, que as persoas participantes separen o lixo na medida do posible, co obxectivo de facilitar a súa posterior reciclaxe.