[29-09-2017] O Concello de Ames fixo entrega dun cheque simbólico á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), co diñeiro recadado coas inscricións da I Carreira da Familia celebrada en Ames. No total, son 909 euros que suporán unha pequena axuda ás labores que a Asociación realiza para a mellora da vida das nenas e nenos oncolóxicos. A I Carreira da Familia celebrouse no Milladoiro, o pasado 9 de setembro, cun grande éxito de asistencia, acadando ás 249 persoas participantes.
No Salón de Plenos da casa consistorial, o alcalde de Ames, José Miñones, fixo a entrega simbólica do cheque á vicepresidenta de Asanog, Catalina Cadaya. Nel aparecían recollidos os 909 euros acadados a través das inscricións na I Carreira da Familia. Miñones quixo agradecer a colaboración de todas as persoas asistentes á carreira, así como daquelas que realizaron doazóns a través da opción “Dorsal O”, e que contribuíron a acadar a cifra alcanzada. Alén diso, tamén expresou o compromiso do Concello con este tivo de eventos solidarios: “No Concello de Ames, a aposta por este tipo de eventos é clara. Deste xeito, queremos continuar a organizar eventos deportivos que teñan un claro matiz solidario, combinando o exercicio físico e o fomento dunha vida saudable con accións que poidan axudar aos outros”. A segunda edición da Carreira da Familia celebrarase no mes de xuño e contará tamén coa colaboración de ASANOG.
O pasado 9 de setembro, tivo lugar a I Carreira da Familia na Travesía do Porto, no Milladoiro. O evento, que xuntou preto de 250 persoas, combinou o exercicio físico, cunha carreira simbólica de 3 quilómetros, con actividades lúdicas que incluíron sesións de música, animación, baile e inchables. A xornada tamén contou cun sorteo de agasallos e coa entrega de premios.
A vicepresidenta de ASANOG, Catalina Cadaya, expresou o seu agradecemento ao Concello de Ames pola organización desta carreira: “Estamos especialmente agradecidas e agradecidos pola organización deste evento deportivo e solidario, que soubo combinar á perfección deporte, diversión e solidariedade. Pareceunos unha idea fantástica, que reuniu moita xente implicada, ao tempo que fomentou hábitos de vida saudable. Foi un evento familiar e lúdico que nos gustou moito”. Durante a entrega do cheque, Catalina Cadaya agasallou ao Concello de Ames, en nome de ASANOG, cun pequeno detalle en madeira co logo da asociación.