Solapas principales

Departamento de Normalización Lingüística

    • Dirección: Pazo da Peregrina. Avenida de Azcárraga, nº 5, Bertamiráns. 15220 Ames.
    • Teléfono:  662 37 72 15
    • Horario de atención al público: de 9:00 - 14:00h.
    • Responsable municipal: Concejalía de Normalización Lingüística
    • Responsable técnica: Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística
    • Objetivo principal del servicio:
      • Incrementar el uso y el prestigio de la lengua gallega en todos los ámbitos municipales.

El Servicio de Normalización Lingüística del Ayuntamiento de Ames recibe una subvención anual para gastos de personal de la Diputación de A Coruña y otra de la Xunta de Galicia.

Otros Datos: 
  • Funciones:
    • Asesorar y colaborar con la planificación lingüística del Ayuntamiento de Ames
    • Promover actuaciones para aumentar el uso del gallego en el ámbito municipal, de acuerdo con la normativa vigente, y entre el vecindario
    • Contribuir a la formación lingüística del vecindario y del personal municipal
    • Mejorar la calidad lingüística y comunicativa del Ayuntamiento de Ames
    • Informar y asesorar sobre derechos lingüísticos del vecindario y deberes lingüísticos municipales
    • Asesorar sobre cuestiones lingüísticas al vecindario y al personal municipal

Noticias del departamento

O pasado 28 de maio rematou o prazo de inscricións para o certame Enreguéifate. De 42 vídeos presentados, 4 deles chegaban dende Ames. Chegaban tamén dende Baio, Cambre, Caldas de Reis, Santiago, Vigo, Mondoñedo, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Malpica de Bergantiños, Ponteareas e Tordoia. Todas as regueifas está dispoñibles na súa páxina web e na canle de Youtube. Os vídeos premiados desta edición anunciaranse antes do 22 de xuño a través das redes sociais do Enreguéifate.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado, 17 de febreiro, unha ruta por algúns dos lugares emblemáticos da vida e da obra de Rosalía de Castro con motivo da conmemoración do aniversario da autora. A excursión, na que participaron cincuenta persoas, estivo dirixida pola profesora e experta rosaliana María López Sández, e rematou na Casa-Museo da escritora, en Padrón.

O Concello de Ames e a Secretaria Xeral de Política Lingüística organizan unhas xornadas de toponimia dirixidas ao profesorado dos centros de ensino do Concello de Ames. Trátase dunha iniciativa que busca o achegamento, a posta en valor e o aproveitamento dos nomes de lugar como recurso educativo e ferramenta de dinamización lingüística. Desenvolveranse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os días 18, 19 e 30 de setembro, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Nestas xornadas participarán 50 persoas, na súa maioría docentes. Inicialmente ofertábanse 40 prazas pero, dada a demanda existente, decidiuse incrementalas ata 50 para darlle cabida a todas as persoas interesadas.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organizou un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión triplicouse a participación con respecto a edicións anteriores, e foron 26 as empresas de distintos lugares do municipio que se presentaron a esta convocatoria. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este sábado, 17 de decembro, ás 19.00 horas, a Gala Lingua e Empresa onde se darán a coñecer as dúas empresas gañadoras nesta quinta edición do certame. Os dous premios están dotados de 1.500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión, incrementou en sete o número de empresas participantes con respecto á edición anterior. Deste xeito, nesta edición presentáronse 33 empresas, mentres que na edición de 2022 foron 26 entidades as que concorreron aos ditos Premios. As empresas gañadoras desta edición daranse a coñecer na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro este xoves, 9 de novembro, ás 20.30 horas. Os premios están dotados de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

Este venres, 9 de xuño, celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a gala de entrega de premios do XX Certame Literario Concello de Ames, un acto literario-musical no que participaron os 18 gañadores nas modalidades de poesía e de narrativa. O evento conduciuno Josito Porto con moito dinamismo, humor e emoción. Da parte musical encargouse o propio Josito Porto, acompañado por Sabela Dacal e Rafa Otero, e o os grupos de Linguaxe Musical e o Combo Folk da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) que abriron e pecharon o acto.

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames en colaboración cos equipos de normalización e dinamización da lingua galega dos centros educativos desenvolveu durante os meses de maio e xuño o programa Fálame co obxectivo central de achegar referentes lúdicos que favorezan a socialización en lingua galega da xente máis nova. Esta iniciativa estivo dirixida ao alumnado e ao profesorado dos centros educativos de infantil e primaria do Concello de Ames e nela participaron mais de 1800 alumnas e alumnos do CEIP Agro do Muíño, EEI O Milladoiro, CEP de Ventín, CEIP A Maía, CEIP de Barouta e as dúas escolas unitarias de Covas e Ortoño.

O Pleno aprobou por unanimidade este mércores, 7 de febreiro, a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2024” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 979.500,37 euros (551.672,62€ da achega provincial 2024 e 427.827,75 euros da achega de 2023) para executar novos investimentos nas parroquias de Biduído, Ames, Ameixenda e nos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns. No Plan complementario de 2024 recóllese unha partida de 2.711.703.05 euros para investimentos financeiramente sostibles nas parroquias de Ortoño, Ames, Bugallido, Trasmonte, Covas, Piñeiro e Biduído. Ademais dentro do POS+ Adicional 1/2024 contémplanse 157.620,75 euros para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

Ao longo do mes de xuño, o equipo do proxecto Youtubeir@s organiza dous grandes encontros de intercambio entre persoas xeradoras de contidos dixitais no Youtube, co obxectivo de motivar a súa vinculación e de crear redes conxuntas de traballo. O primeiro deles terá lugar o 8 de xuño na Coruña e o segundo será en Santiago o venres 28. Youtubeir@s está organizado polos servizos de normalización lingüística de trece concellos galegos, as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua. Esta iniciativa chega este ano á súa terceira edición baixo o lema Conéctate á comunidade e multiplícate, co que busca non só aumentar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, senón tamén fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade youtubeira.

O concerto “Un soño é...” de Uxía Lambona e a Banda Molona, que pecha a programación Apego deste semestre e serve tamén de clausura do programa Modo Galego, Actívao, realizarase en exterior, na praza de Chavián de Bertamiráns, este sábado 17 de xuño, ás 19.00 horas. Isto permite ampliar o aforo e que todas aquelas familias que queiran poidan asistir libremente. A entrada será libre e gratuíta. Dende o departamento de Normalización Lingüística indican que unhas 700 persoas solicitaron poder asistir a dito concerto, polo que se agarda que máis dun milleiro de persoas acudan a ver o espectáculo de Uxía Lambona e a Banda Molona. 

Eventos del departamento

O programa Apego volve en marzo cunha nova actividade, "Foliada con Apego", da man do trío Os sacapuntos, composto por Roberto Comesaña, Xabier Iglesias e Montse Rivera, que ofrecerán un encontro cheo de música galega para que os máis cativos compartan, canten, bailen e aprendan cancións. Trátase dunha iniciativa dirixida ao público familiar, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e os interesados en anotarse deben enviar un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal entre os días 2 e 9 de marzo, indicando nome, apelidos, idade dos nenos/as que van participar e un número de teléfono de contacto.   

“Galego, vida e ciencia” é o titulo deste encontro no que Ángel Carracedo (catedrático en Medicina Legal, experto en Xenética e divulgador científico) falará entre outras cousas do papel da lingua na vida e na ciencia. Será ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, nun novo encontro coas familias do programa Apego.

A actividade está dirixida a público familiar e é de balde.

Precísase inscrición previa, do 3 ao 10 de novembro, enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal.

"Lixo" é un espectáculo para crianzas a partir de 2 anos da compañía O Baúl da Tía Lola, no que dúas bailadeiras mergulladas nun mar de lixo descubrirannos xogos e mundos extraordinarios nos que se crea cultura a partir da varredura. Un xeito divertido de ver os problemas que pode ocasionar o uso excesivo do plástico. Será o venres 3 de xuño na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. As inscricións para esta actividade de balde do programa Apego poderán realizarse do 25 de maio ao 2 de xuño, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

Dende o 13 ata o 21 de decembro está aberto o prazo para inscribirse en "Música Miúda: En concerto!", un espectáculo musical en directo para toda a familia, no que irán da man a lingua coa igualdade, a diversidade e a inclusión. O concerto, parte do programa Apego de Ames, será na Casa da Cultura de Bertamiráns, o mércores 22 de decembro ás 18:00 horas. As persoas interesadas en asistir poden anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen.

Continúan as actividades do programa Apego de Ames co obradoiro sensorial “O cesto dos tesouros”, unha proposta de xogo enfocada a bebés de 6 a 18 meses para que exploren obxectos da vida cotiá. O taller, impartido por Eva Blanco, busca estimular os seus cinco sentidos e facelos avanzar na propia autonomía. A proposta terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o venres 25 de febreiro, e con dúas sesións: a primeira ás 17:00 horas e a segunda as 18:30 horas. A inscrición, de balde, poderá realizarse dende o 17 ata o 24 de febreiro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indique nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto, idade das crianzas e sesión escollida.

As actividades do programa Apego do último cuadrimestre continúan cunha sesión de narración oral protagonizada por Raquel Queizás e a ra Nano, coa que as crianzas poderán aprender as partes do corpo ao ritmo da música. A proposta, dirixida a familias con nenas e nenos de 1 a 4 anos, terá lugar o xoves 13 de outubro ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar, cómpre inscribirse do 4 ao 11 de outubro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

Dende o 2 ata o 9 de decembro está aberto o prazo para inscribirse en “Ramona Órbita”, un espectáculo musical do autor e compositor Paco Cerdeira, Pakolas. O programa Apego de Ames presenta unha proposta chea de humor, aventuras e viaxes no tempo a través da música. O concerto será na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 10 de decembro, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en asistir poden anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen.

O programa Apego de Ames organiza o venres 10 de xuño unha saída pola súa Ruta do Apego, situada nas ribeiras do río Tambre, entre os lugares de Lens e Oca. Na xornada realizarase un percorrido guiado, así como varias actividades ambientais para estimular o coñecemento e o amor polo patrimonio ambiental, cultural e lingüístico. Será das 16:30 ás 19:30 horas, con servizo de autobuses dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. As inscricións para a actividade poderán realizarse do 2 ao 9 de xuño, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas. En caso de choiva, suspenderase a saída.

O programa Apego continúa en marzo con “Somos Xogo”, un proxecto da asociación Xandobela en torno á creación e a difusión de xogos de mesa en galego. A actividade presentará algúns dos proxectos presentados ao certame Xoga en Galego e dará pistas para que as crianzas a partir dos 4 anos creen os seus propios. O taller terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o venres 4 de marzo, en dúas sesións ás 17:00 e ás 18:30 horas. A inscrición, de balde, poderá realizarse dende o 24 de febreiro ao 3 de marzo, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

A última das propostas do programa Apego para o mes de maio é “Tecendo fíos”, unha actividade que se desenvolverá o venres, 26 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. Trátase dunha sesión de contos interactivos para rir, xogar, compartir e axudar á relaxación, creando espazos de divertimento e de calma. A actividade diríxese a familias con crianzas a partir de 3 anos. O prazo para anotarse está aberto dende o día 16. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos, idades dos rapaces/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.