Solapas principales

A Concellaría de Normalización Lingüística desenvolveu o programa Fálame cos centros educativos de infantil e primaria

Miércoles, 29 de junio de 2022

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames en colaboración cos equipos de normalización e dinamización da lingua galega dos centros educativos desenvolveu durante os meses de maio e xuño o programa Fálame co obxectivo central de achegar referentes lúdicos que favorezan a socialización en lingua galega da xente máis nova. Esta iniciativa estivo dirixida ao alumnado e ao profesorado dos centros educativos de infantil e primaria do Concello de Ames e nela participaron mais de 1800 alumnas e alumnos do CEIP Agro do Muíño, EEI O Milladoiro, CEP de Ventín, CEIP A Maía, CEIP de Barouta e as dúas escolas unitarias de Covas e Ortoño.

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ames desenvolveu durante o curso 2021-2022 o programa Fálame, a través do cal se lles facilitou a todos os centros de infantil e primaria unha proposta de actuacións posibles para que os centros educativos municipais escollesen segundo as súas características, preferencias e necesidades. En total, conseguiron programarse as 5 actuacións que eles decidiron nas datas e nos espazos que mellor se axeitaron coa súa propia programación educativa. A primeira actuación foi o 11 de maio e nela Cé orquestra Pantasma fixo cantar e bailar o alumnado do CEIP Agro do Muíño e da escola unitaria de Ortoño co seu espectáculo participativo A Voar.

O 16 de maio foi a quenda para o alumnado do CEIP de Barouta e da escola unitaria de Covas, que escolleron cantar, bailar e rir co Consertasso na horta de Brais das Hortas. Posteriormente, o 25 de maio todo o alumnado da EEI do Milladoiro optou de novo por encher o seu patio coa música e co baile do polifacético Cé Orquestra Pantasma.

O 31 de maio Pakolas fixo rockear a todo o CEP de Ventín co seu espectáculo Ramona Órbita, a dona do tempo. Para a última sesión e para poñerlle o ramo a este programa, o CEIP da Maía escolleu o marco do patio do Pazo da Peregrina. Alí todo o seu alumnado de infantil gozou coa actuación de Ce Orquestra Pantasma.

O obxectivo que se persegue a través de dito programa é establecer liñas de colaboración cos espazos educativos para promover e apoiar o tan necesario uso da lingua na socialización da infancia. Para isto achéganse e difúndense recursos e referentes lúdicoeducativos que enriquezan a crianza e favorezan a transmisión do idioma dun xeito natural, divertido, participativo e creativo.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, destacou “a boa acollida que tivo nos centros educativos de Ames o programa Fálame. Agardamos, de cara ao vindeiro curso escolar, poder continuar con esta iniciativa tan ben recibida entre toda a comunidade educativa. Trátase dun programa que pretende achegar referentes e ir derrubando as barreiras que están privando á xente máis nova do dereito a criárense na lingua de seu, na lingua que nos identifica como galegas e galegos”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "‘Fálame’ con Cé Orquestra, Pakolas e Brais das Hortas"

O programa Fálame visitou os centros educativos de infantil e primaria

Multimedia

  • O programa Fálame visitou os centros educativos de infantil e primaria
  • O programa Fálame visitou os centros educativos de infantil e primaria
  • O programa Fálame visitou os centros educativos de infantil e primaria
  • O programa Fálame visitou os centros educativos de infantil e primaria
  • O programa Fálame visitou os centros educativos de infantil e primaria
  • O programa Fálame visitou os centros educativos de infantil e primaria
  • Embedded thumbnail for