Actualidad

Ames conta cun novo mercado. Este sábado, 20 de setembro, comezou a funcionar o mercado de produtos da horta e artesanía, que vai a celebrarse todos os sábados na praza da Maía, en Bertamiráns, en horario de 10.00 a 13.30 horas. Nesta primeira xornada, o mercado estivo composto por 11 postos de produtos frescos e artesanía, e 1 posto onde a veciñanza puido degustar, de forma gratuíta, froita de tempada de produtores/as da contorna. Está previsto que durante as próximas semanas se sumen novos postos ao mercado. Esta iniciativa, enmarcada dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames, pretende fomentar o consumo de produtos de proximidade, dinamizando a economía e a produción local.

As Concellarías de Promoción Económica e de Educación e Mocidade organizaron a cuarta edición das xornadas “Volta ao cole co comercio”, unha iniciativa que ten como obxectivo dinamizar o comercio e a hostalaría local coincidindo co inicio do curso lectivo. Esta iniciativa contou coa colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). A primeira xornada realizouse o pasado venres, 5 de setembro, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, mentres que a segunda xornada celebrouse este pasado luns, 15 de setembro, nas pistas deportivas e no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Estímase que máis de 2.000 persoas participaron nas dúas xornadas de Volta ao Cole.

O Concello de Ames contará dende o sábado 20 de setembro co seu propio mercado de produtos da horta e artesanía. Este novo mercado celebrarase na praza da Maía, en Bertamiráns, todos os sábados en horario de 10.00 a 13.30 horas. Inicialmente vai contar con 11 postos de produtos frescos e artesanía, pero o prazo para solicitar un espazo neste novo mercado mantense aberto. Está previsto que durante as próximas semanas se sumen novos postos ao mercado. Ademais de postos de venda haberá cata de produtos, obradoiros de artesanía e cociña e sorteo de produtos. Este sábado haberá unha degustación de froita de tempada e o sábado 27 farase unha demostración de cociña a cargo do chef José Manuel Mallón. Esta iniciativa, enmarcada dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames, pretende fomentar o consumo de produtos de proximidade, dinamizando a economía e a produción local.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, organiza dúas charlas de formación gratuítas para que comerciantes, hostaleiros, autónomos e xestorías poidan adaptarse de forma práctica e sinxela ao novo sistema de facturación verificable da Axencia Tributaria – VeriFactu. A entrada en vigor deste novo sistema de facturación será o 1 de xaneiro de 2026 para empresas e o 1 de xullo de 2026 para persoas autónomas. Ditas charlas serán ás 10.00 horas o luns, 22 de setembro, no espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro, e o martes 23 no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Esta formación será impartida por Lucía González, directora de marketing da empresa amesá PlaceIn. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo: promocioneconomica@concellodeames.gal.

A xornada de “Volta ao cole co comercio” do Milladoiro celebrarase finalmente este luns, 15 de setembro. Será a partir das 17.00 horas nas pistas deportivas do Milladoiro. A holi party incluída na programación da actividade realizarase no aparcamento da Casa da Cultura do Milladoiro, polo que estará prohibido estacionar no aparcadoiro desde as 14.00 ata as 22.00 horas do luns día 15.

Entre o 15 e o 21 de setembro, os diferentes espazos de traballo que integran a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, acollerán o evento “Rede Coworking Fest”, unha semana dedicada a promover a innovación, a colaboración e a cultura emprendedora a través dunha ampla variedade de actividades e propostas culturais e formativas. No espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro, terán lugar dúas actividades: unha gravación do Podcast “En Beta Permanente” o mércores 17; e “I Encontro de Benestar na Rede de Espazos de Traballos” o venres 19 de setembro. Así mesmo, A Proa tamén acollerá xornadas de portas abertas ao longo de toda a semana para dar a coñecer o espazo e as súas posibilidades. Para asistir ás xornadas de portas abertas, é preciso inscribirse previamente a través desta ligazón.

A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), coa colaboración do Concello de Ames, organiza este venres, 12 de setembro, “Stock Fóra”, unha iniciativa coa que se busca impulsar a compra no comercio local e dinamizar as rúas de Ames con música, animación nas rúas, sorteos e descontos ao longo de toda a xornada. Deste xeito, haberá dúas actuacións de maxia a cargo do mago Charly na Avenida da Maía, unha ás 17.00 horas á altura de Koti e outra, ás 18.30 horas, a carón do salón de peiteado Imperfect. Tamén haberá un fotomatón e música a partir das 20.30 horas coa discomóbil Animus na rúa do Ameneiral. Ademais, nesta xornada realizarase un sorteo presencial dun vale de 500 euros para gastar nos comercios adheridos a XEA. O sorteo terá lugar ás 20.45 horas na rúa do Ameneiral.

As Concellarías de Promoción Económica e de Educación e Mocidade organizaron a cuarta edición das xornadas “Volta ao cole co comercio”, unha iniciativa que ten como obxectivo dinamizar o comercio e a hostalaría local coincidindo co inicio do curso lectivo. Esta iniciativa contou, outro ano máis, coa colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Esta mañá o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova VII no que participaron 17 alumnos/as (12 de Ames e 5 de Brión). Nesta edición executaron novas instalacións de paneis solares fotovoltaicos nas escolas infantís municipais de Ames (Escola infantil municipal A Madalena, no Milladoiro; e Escola infantil municipal O Bosque, en Bertamiráns), no pavillón e piscina descuberta de Bertamiráns, e na Escola municipal de música Magariños de Brión. Tamén instalaron puntos de recarga para vehículos eléctricos híbridos, renovaron o alumeado interior e mellora de eficiencia enerxética en edificios municipais, e fixeron traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas xa existentes.

O parque do Ameneiral acolleu esta mañá a presentación das xornadas “Volta ao cole co comercio”, unha iniciativa organizada polas Concellarías de Promoción Económica e Mocidade, en colaboración coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), que se celebra por cuarto ano consecutivo e ten como obxectivo dinamizar o comercio e a hostalaría local nos días previos ao comezo do curso escolar e a volta á rutina. Realizaranse dúas xornadas, unha no Milladoiro o vindeiro mércores 3 de setembro, e outra en Bertamiráns o venres día 5. Nestas propostas de tardes lúdicas, haberá actividades para os nenos e nenas, sorteos e premios. Ademais, o Concello de Ames organizará un sorteo de 40 vales en total, cun importe de 20 euros cada un para gastar en diferentes librerías e papelerías de Bertamiráns e do Milladoiro. Por outra banda, dende XEA organizarán unha ruleta na que se sortearán libretas, bolígrafos, rotuladores, xogos, bolsas de tea e bolsas de lambetadas. Para participar, é preciso realizar unha compra superior a 10€ nos establecementos adheridos a XEA nos días previos ás xornadas.
- ‹ anterior
- 6 de 56
- siguiente ›




