- Tematica
As Concellarías de Promoción Económica e de Educación e Mocidade organizaron a cuarta edición das xornadas “Volta ao cole co comercio”, unha iniciativa que ten como obxectivo dinamizar o comercio e a hostalaría local coincidindo co inicio do curso lectivo. Esta iniciativa contou, outro ano máis, coa colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).
A primeira xornada, prevista para o mércores, 3 de setembro, na área verde próxima á Travesía do Porto, no Milladoiro, foi adiada por motivos meteorolóxicos, mentres a segunda celebrouse durante a xornada de onte no parque do Ameneiral. Estímase que máis de 1000 persoas acudiron onte ao Ameneiral, 500 delas nenos e nenas que participaron nos sorteos organizados polo Concello de Ames e XEA.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “en Bertamiráns houbo unha gran participación de familias, o que indica que esta iniciativa sigue funcionando ben, motivo suficiente para darlle continuidade e tratar de mellorala nos vindeiros cursos. Estamos pendentes de asignar unha nova data no Milladoiro, suspendida o pasado mércores debido ao mal tempo. Contamos con poder axendar un día na semana do 15 de setembro polo que pedimos que a veciñanza se manteña atenta as canles de comunicación do Concello”.
A concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, afirma que “este é o terceiro ano que o departamento de Mocidade se adhire á iniciativa de Volta ao cole co comercio, e a valoración é moi positiva. É unha boa forma de entrar no novo curso escolar dunha forma doce ao mesmo tempo que se lle quita ás familias algo de carga e se incentiva o comercio local neste época de gran desembolso económico”.
Inchables, maquillaxe e holi party
Os nenos e nenas de 3 anos en diante puideron saltar en diferentes inchables e divertirse coas maquillaxes. As actividades pecháronse cunha holi party, unha festa de pos de cores, na que participaron todos os rapaces e rapazas que acudiron a estas xornadas, e incluso, se sumaron mozos e mozas, así como pais e nais dos/as nenos/as.
Todas estas propostas lúdicas estiveron acompañadas do sorteo de vales de compra para diversas librerías e papelerías e vales do Concello, así como unha ruleta na que se repartiu material escolar, lambetadas, e xogos para a rapazada.
O sorteo realizouse ao remate das actividades, arredor das 20.30 horas. Nesta iniciativa colaboran tanto comercios de Bertamiráns (librería Mainomen, librería Leria, Eva Hogar, papelería Chavián, papelería Carlín, papelería Recunchos Didácticos, Dipe Regalos e librería Bandini) como do Milladoiro (librería Nenos Nais, material de oficina Mouse, papelería Boo, papelería Anauco, librería Folerpa e xoguetería Piedra Papel Tijera).
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames promociona el comercio local en la vuelta al colegio con sendas fiestas"
El Correo Gallego: "Volta ao cole co comercio busca fecha en Milladoiro tras el éxito en Bertamiráns"









