- Tematica
As Concellarías de Promoción Económica e de Educación e Mocidade organizaron a cuarta edición das xornadas “Volta ao cole co comercio”, unha iniciativa que ten como obxectivo dinamizar o comercio e a hostalaría local coincidindo co inicio do curso lectivo. Esta iniciativa contou coa colaboración de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). A primeira xornada realizouse o pasado venres, 5 de setembro, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, mentres que a segunda xornada celebrouse este pasado luns, 15 de setembro, nas pistas deportivas e no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Estímase que máis de 2.000 persoas participaron nas dúas xornadas de Volta ao Cole.
O programa “Volta ao cole co comercio” xa se converteu nunha cita ineludible do mes de setembro coincidindo co inicio do curso escolar. Esta iniciativa dividiuse en dúas xornadas: unha en Bertamiráns e outra no Milladoiro.
A segunda xornada celebrouse este pasado luns, 15 de setembro, nas pistas deportivas e no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. A xornada do Milladoiro estaba prevista para o pasado mércores 3 de setembro, pero houbo que cambiala de data debido ás previsións meteorolóxicas de chuvia. Nesta xornada estímase que participaron arredor de 1.100 persoas. No sorteo organizado polo Concello de Ames inscribíronse 342 nenos/as.
Por outra banda, na xornada celebrada o venres, 5 de setembro, en Bertamiráns participaron máis de 1.000 persoas, 500 delas nenos e nenas que participaron no sorteo organizado polo Concello de Ames. Deste xeito, nesta edición da Volta ao Cole superáronse os 2.000 participantes dos cales a metade aproximadamente eran nenos e nenas.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “un ano máis, a proposta de Volta ao cole co comercio foi un éxito. Tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns houbo unha gran participación de familias, o que indica que esta iniciativa está funcionando ben, co cal trataremos de darlle continuidade e tratar de mellorala nos vindeiros cursos. Este programa serve para que os nenos e nenas se divirtan, pero tamén para aliviar o peso económico que supón para os pais e nais o comezo dun novo curso escolar e para dinamizar o noso comercio”.
A concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, afirma que “este é o terceiro ano que o departamento de Mocidade se adhire á iniciativa de Volta ao cole co comercio, e a valoración volve a ser moi positiva. É unha boa forma de entrar no novo curso escolar dunha forma doce ao mesmo tempo que se lle quita ás familias algo de carga e se incentiva o comercio local neste época de gran desembolso económico”.
Inchables, pintacaras e holi party no Milladoiro
Ao longo de toda a tarde os nenos e nenas, que estiveron acompañados de pais, nais e outros familiares e amigos/as, puideron xogar en inchables, que estiveron divididos en función do curso escolar; maquillaxes e unha holi party (festa de pos de cores), que se realizou no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro.
Ademais desta serie de propostas lúdicas, realizouse un sorteo de vales de compra, organizado polo Concello de Ames, cun importe de 20 euros cada un, para gastar en librerías e papelerías de Ames. O sorteo realizouse ao remate das actividades. Nesta iniciativa colaboraron tanto comercios de Bertamiráns (librería Mainomen, librería Leria, Eva Hogar, papelería Chavián, papelería Carlín, papelería Recunchos Didácticos, Dipe Regalos e librería Bandini) como do Milladoiro (librería Nenos Nais, material de oficina Mouse, papelería Boo, papelería Anauco, librería Folerpa e xoguetería Piedra Papel Tijera).
Por outra banda, XEA organizou unha ruleta na que se repartiron cadernos, bolígrafos, rotuladores, xogos, bolsas de tea e bolsas de lambetadas. Para participar, só era preciso realizar unha compra superior a 10 euros nos comercios adheridos a XEA nos días previos ás xornadas de Volta ao cole. Cada compra superior a dito importe tiña asociada unha tirada na ruleta, que aseguraba un premio.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames despide o verán con inchables, xogos e unha holi party no Milladoiro"
AMSGO!: "Volta ao Cole no Milladoiro"





















