Solapas principales

O espazo colaborativo A Proa acollerá varias actividades da “Rede Coworking Fest 2025”

Sábado, 13 de septiembre de 2025

Entre o 15 e o 21 de setembro, os diferentes espazos de traballo que integran a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, acollerán o evento “Rede Coworking Fest”, unha semana dedicada a promover a innovación, a colaboración e a cultura emprendedora a través dunha ampla variedade de actividades e propostas culturais e formativas. No espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro, terán lugar dúas actividades: unha gravación do Podcast “En Beta Permanente” o mércores 17; e “I Encontro de Benestar na Rede de Espazos de Traballos” o venres 19 de setembro. Así mesmo, A Proa tamén acollerá xornadas de portas abertas ao longo de toda a semana para dar a coñecer o espazo e as súas posibilidades. Para asistir ás xornadas de portas abertas, é preciso inscribirse previamente a través desta ligazón.  

As instalacións do espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro, acollerán dúas actividades da “Rede Coworking Fest 2025”, unha iniciativa posta en marcha por primeira vez o ano pasado e que desta volta terá lugar do 15 ao 21 de setembro polos 11 espazos de traballo que integran a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, que acollerán máis de 100 horas de actividades gratuítas. Pódese consultar a programación completa na seguinte ligazón

O obxectivo desta semana é dar a coñecer os espazos de traballo da provincia, ademais de ofrecer a oportunidade de participar en diferentes formacións, obradoiros, conferencias e eventos destinados a potenciar a colaborción e a aprendizaxe entre profesionais de distintos sectores. Deste xeito, a “Rede Coworking Fest 2025” contará cunha ampla variedade de iniciativas e propostas, destacando nesta edición o empredemento, innovación e colaboración no ámbito rural. 

A concelleira de Promoción Económica e Innovación, Ana Belén Paz, destaca que “a través desta iniciativa trátase de impulsar a creación de colaboración entre emprendedores, freelancers e pequenas empresas. Ademais, o obxectivo principal é dar a coñecer a importancia e as posibilidades de futuro que ofrecen os espazos de coworking como impulsores da economía local así como de creación de redes de traballo compartido”. 

Neste senso, o espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro, acollerá do 15 ao 19 de setembro xornadas de portas abertas, para dar a coñecer as instalacións e servizos, así como amosar experiencias reais de emprendedores de A Proa coa finalidade de atraer novos usuarios. O horario das xornadas será de 9.00 a 14.00 horas. Para participar, é preciso realizar unha inscrición previa, que se pode facer a través da seguinte ligazón.

Por outra banda, no espazo organizaranse dúas actividades. Por un lado o mércores 17 realizarase unha gravación do podcast “En Beta Permanente”, mentres que o venres día 19, celebrarase o “I Encontro de Benestar na Rede de Espazos de Traballo”.  

Gravación de Podcast “En Beta Permanente”
O mércores, 17 de setembro, de 10.30 a 12.00 horas, o espazo colaborativo A Proa acollerá unha gravación do podcast “En Beta Permanente”, nesta ocasión, coa amesá e exworker de A Proa, Sara Horta de Indígen Films coma protagonista. A finalidade desta proposta é dar visibilidade aos proxectos que nacen no coworking a través da creación de contidos dixitais nos que se amosen experiencias en primeira persoa. Esta mesma actividade vaise organizar o luns 15 de setembro no Coworking Miño Casa do Pescador e o martes 16 no Coworking Pazo de Arenaza. 

I Encontro de Benestar na Rede de Espazos de Traballo
Por outra banda, o venres 19 de setembro, de 10:30 a 12:30 horas, terá lugar tamén no espazo colaborativo A Poa, o “I Encontro de Benestar na Rede de Espazos de Traballo”, unha actividade que se celebrará de forma simultánea nos Coworkings A Proa, A Pobra e Pazo de Arenaza, xa que tamén será retransmitido por zoom. Este encontro permite visibilizar proxectos de diferentes coworkers e, para o público asistente, descubrir experiencias e iniciativas prácticas no sector. 

O obxectivo deste encontro é poñer en valor o talento das persoas emprendedoras, ademais de ofrecerlles visibilidade ante un público real e favorecer novas oportunidades de colaboración. Así mesmo, dar  a coñecer as instalacións e modo de traballo de cada coworking, ao tempo que se reforza a identidade da Rede como un ecosistema vivo de persoas e proxectos conectados polo benestar, a cooperación e a innovación. A actividade estará centrada inicialmente no sector do Benestar, e pretende ser un modelo e exemplo extensible a outros sectores.

Novas relacionadas: 

Diario de Santiago: "O espazo colaborativo A Proa acollerá varias actividades da “Rede Coworking Fest 2025”"

O espazo colaborativo A Proa acollerá varias actividades da “Rede Coworking Fest 2025”