Solapas principales

O Concello de Ames organiza dúas charlas formativas en VeriFactu dirixidas a comerciantes, hostaleiros, autónomos e xestorías

Domingo, 14 de septiembre de 2025

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, organiza dúas charlas de formación gratuítas para que comerciantes, hostaleiros, autónomos e xestorías poidan adaptarse de forma práctica e sinxela ao novo sistema de facturación verificable da Axencia Tributaria – VeriFactu. A entrada en vigor deste novo sistema de facturación será o 1 de xaneiro de 2026 para empresas e o 1 de xullo de 2026 para persoas autónomas. Ditas charlas serán ás 10.00 horas o luns, 22 de setembro, no espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro, e o martes 23 no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Esta formación será impartida por Lucía González, directora de marketing da empresa amesá PlaceIn. Para inscribirse hai que enviar un correo electrónico ao enderezo: promocioneconomica@concellodeames.gal.

Os comerciantes, hostaleiros, autónomos e xestorías de Ames terán a oportunidade de formarse para a chegada de VeriFactu, o novo sistema de facturación verificable da Axencia Tributaria. A dixitalización avanza a pasos firmes e, en 2026, todos os comercios e establecementos hostaleiros deberán adaptarse a VeriFactu, o novo sistema de facturación verificable impulsado pola Axencia Tributaria.

Para axudar a todos os negocios do comercio local de Ames a anticiparse a esta obriga legal, o Concello de Ames organizará dúas charlas formativas gratuítas os próximos días 22 e 23 de setembro no espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro, e no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. As dúas charlas impartiranse ás 10.00 horas no Milladoiro e en Bertamiráns. Esta formación será impartida por Lucía González, directora de marketing da empresa amesá PlaceIn.

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, explica que “a través desta iniciativa preténdese facilitar que o comercio local dea un paso adiante na dixitalización e cumpra coa normativa de forma sinxela e segura. Durante estas sesións, dirixidas a todo o tecido empresarial (comerciantes, hostaleiros e autónomos de Ames) abordaranse de maneira práctica cuestións clave”.

A clave está en informarse con tempo e planificar a adaptación para non ter que improvisar no último momento”, sinala Lucía González, directora de Marketing de PlaceIn. A formación terá un enfoque práctico e próximo, resolvendo dúbidas e ofrecendo exemplos reais de como implementar os cambios necesarios nos sistemas de facturación.

Contidos das charlas formativas:
-Que é VeriFactu e en que consiste a nova normativa.
-A quen afecta e en que prazos: empresas (antes do 1 de xaneiro de 2026) e autónomos (antes do 1 de xullo de 2026).
-Como adaptar o punto de venda (TPV/POS) a tempo para cumprir coa normativa.
-Recomendacións para planificar a transición e evitar problemas de última hora. “VeriFactu é un cambio que vai afectar a todo o tecido comercial e hostaleiro. 

Datos da formación:
-Datas e hora: 22 e 23 de setembro de 2025, ás 10.00 horas.
-Duración: 1 hora.
-Lugar: 22 de setembro no coworking A Proa, no Milladoiro, e o 23 de setembro no salón de plenos do Concello de Ames, en Bertamiráns.
-Dirixido a comerciantes, hostaleiros, autónomos e xestorías locais.
-Inscrición gratuíta enviando un correo electrónico ao enderezo: promocioneconomica@concellodeames.gal.

PlaceIn, empresa situada no Milladoiro
PlaceIn é especialista en solucións de facturación, reservas, carta dixital, pedidos e pagos para hostalaría. As súas solucións son empregadas a diario por centos de miles de usuarios e traballan con máis de 2500 clientes en toda España, dende Coca-Cola Europacific Partners e Hijos de Rivera ata os Estrelas Michelín Lucía Freitas ou Yayo Daporta, e grupos de restauración como bulbiza, La Fábrica ou o Fogar do Santiso.

O Concello de Ames organiza dúas charlas formativas en VeriFactu dirixidos a comerciantes, hostaleiros e autónomos