- Tematica
A xornada de “Volta ao cole co comercio” do Milladoiro celebrarase finalmente este luns, 15 de setembro. Será a partir das 17.00 horas nas pistas deportivas do Milladoiro. A holi party incluída na programación da actividade realizarase no aparcamento da Casa da Cultura do Milladoiro, polo que estará prohibido estacionar no aparcadoiro desde as 14.00 ata as 22.00 horas do luns día 15.
Este luns, 15 de setembro, celebrarase a “Volta ao cole co comercio” no Milladoiro tras adiarse polas previsións meteorolóxicas de chuvia o pasado día 3. Desta volta, celebrarase nas pistas deportivas do Milladoiro, que acollerán ao longo de toda a tarde diferentes actividades para os nenos e nenas, sorteos e premios.
Deste xeito, as actividades desenvolveranse a partir das 17.00 ata as 20.30 horas, aproximadamente. Así, haberá diferentes propostas para os máis pequenos, coma varios inchables, que estarán divididos en función do curso escolar; maquillaxes e unha holi party (festa de polvos de cores), que se realizará arredor das 20.00 horas no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Polo tanto, debido á celebración da holi party, estará prohibido o estacionamento no aparcadoiro desde as 14.00 horas ata as 22.00 horas do luns día 15.
Ademais desta serie de propostas lúdicas, realizarase un sorteo de vales de compra, organizado polo Concello de Ames, cun importe de 20 euros cada un, para gastar en librerías e papelerías de Ames. O sorteo realizarase ao remate das actividades, arredor das 20.30 horas. Nesta iniciativa colaboran tanto comercios de Bertamiráns (librería Mainomen, librería Leria, Eva Hogar, papelería Chavián, papelería Carlín, papelería Recunchos Didácticos, Dipe Regalos e librería Bandini) como do Milladoiro (librería Nenos Nais, material de oficina Mouse, papelería Boo, papelería Anauco, librería Folerpa e xoguetería Piedra Papel Tijera).
Por outra banda, XEA organizará unha ruleta na que se repartirán libretas, bolígrafos, rotuladores, xogos, bolsas de tea e bolsas de lambetadas. Para participar, só é preciso realizar unha compra superior a 10 euros nos comercios adheridos a XEA nos días previos ás xornadas de volta ao cole. Cada compra superior a dito importe levará asociada unha tirada na ruleta, que contará cun premio seguro.






