- Tematica
Esta mañá o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova VII no que participaron 17 alumnos/as (12 de Ames e 5 de Brión). Nesta edición executaron novas instalacións de paneis solares fotovoltaicos nas escolas infantís municipais de Ames (Escola infantil municipal A Madalena, no Milladoiro; e Escola infantil municipal O Bosque, en Bertamiráns), no pavillón e piscina descuberta de Bertamiráns, e na Escola municipal de música Magariños de Brión. Tamén instalaron puntos de recarga para vehículos eléctricos híbridos, renovaron o alumeado interior e mellora de eficiencia enerxética en edificios municipais, e fixeron traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas xa existentes.
Os Concellos de Ames e Brión desenvolveron a sétima edición do obradoiro dual de emprego Renova, no que participaron 17 alumnos/as traballadores/as (12 do concello de Ames e 5 do concello de Brión). Comezaron 20 alumnos/as pero por diversas causas tres non puideron finalizar dito obradoiro. Esta mañá realizouse na Casa da Cultura de Bertamiráns o acto de clausura deste obradoiro.
O acto estivo presidido polo xefe do servizo de emprego, relacións laborais, traballo autónomo e economía social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Alberto Linares Fernández; o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica e Emprego de Ames, Ana Belén Paz; a concelleira de Política Social, Servizos Sociais, Igualdade, Maiores e Música de Brión; Rosa Romero; e polo director do obradoiro, Andrés Novo. Tamén participaron concelleiros e concelleiros do grupo de goberno, Partido Popular e BNG. Trala intervención das autoridades fíxose entrega dos diplomas ao alumnado participante.
Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego en que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.
Este obradoiro estivo sufragado a través dunha subvención de 422.788,40 euros euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Xunta de Galicia, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Ademais, os Concellos de Ames e Brión achegaron 164.226,59 euros (o Concello de Ames sufragou 119.617,97 euros, mentres que o Concello de Brión achegou a contía de 44.608,62 euros).
Acto de entrega de diplomas
O alcalde de Ames, Blas García, destacou en primeiro lugar “a colaboración dos Concellos de Ames e Brión para poñer en marcha este obradoiro de emprego xunto coa Xunta de Galicia. O traballo conxunto entre administracións é fundamental para ofrecer servizos á cidadanía. Cada vez que pechamos un obradoiro de emprego é unha satisfacción porque para vós ábrense novas oportunidades no voso futuro laboral. Eu sempre digo que o éxito destes obradoiros depende en gran medida do voso interese e compromiso. Está demostrado que estes obradoiros ofrécenvos unha saída laboral porque é un sector que está demandado traballadores e traballadoras. Cando hai anos comezamos con estes obradoiros o sector das enerxías renovables era importante, pero non tiña o peso que ten agora, por iso ábrense para vós novas oportunidades”.
O xefe do servizo de emprego, relacións laborais, traballo autónomo e economía social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Alberto Linares Fernández, destacou que “non hai dúbida que desde a perspectiva formativa do alumnado, os obradoiros poden converterse nunha ferramenta de empregabilidade nas empresas da contorna, ou ben de impulsión de emprendemento e aportar coñecementos específicos que permitan poñer en marcha o seu propio negocio aos alumnos. Por outra banda, as vantaxes para os Concellos son moi importantes, xa que estas formacións adáptanse ás necesidades de cada bisbarra, sendo os Concellos os que escollen as especialidades a impartir en función das necesidades das empresas da contorna”. Así mesmo, subliñou que “os obradoiros amósanse como un extraordinario exemplo de eficiencia e coordinación entre administracións, e os Concellos axúdanos a orientar os nosos esforzos a que os programas que financiamos ofrezan os mellores resultados para os veciños e veciñas”.
A concelleira de Servizos Sociais de Brión, Rosa Romero, destacou a colaboración do Concello de Ames en materia de formación e emprego, así como o apoio económico da Xunta de Galicia xa que “Brión, Ames e a Xunta de Galicia somos un exemplo do que se pode conseguir cunha colaboración real e leal entre as Administracións”. Neste sentido, salientou que “o Concello de Brión aposta por unha formación de calidade e enfocada ás oportunidades laborais como as que ofrece un sector en crecemento como é o da enerxía fotovoltaica”. Ademais, puxo en valor a instalación de paneis fotovoltaicos nas instalacións da escola municipal de música Magariños e de novos puntos de recarga para vehículos eléctricos pois “son un exemplo da aposta do Concello de Brión polo emprego, polo medio ambiente e por seguir prestando uns servizos de calidade aos nosos veciños e veciñas”.
A concelleira de Promoción Económica e Emprego de Ames, Ana Belén Paz, agradeceulle á Xunta de Galicia “a subvención de 422.788 euros concedida, que xunto á achega de 164.226 dos Concellos de Ames e Brión, permitiron realizar este obradoiro de emprego. Tamén quero felicitar a todo o alumando pola vosa implicación. Agardo que gracias a formación recibida poidades atopar emprego o antes posible. Agradecer ao equipo directivos, aos formadores e formadoras e ao persoal municipal por todo o traballo e dedicación que aportan no día a día”.
Durante o acto tamén interviron o director do obradoiro, Andrés Novo, así como Kail Meis e Fernando Bello, en representación do alumnado/traballador que participou nesta edición do obradoiro de emprego Renova VII. Destacaron a importancia desta formación e pediron que se continúe organizando e, se é posible, que se amplíe a súa duración a 12 meses.
Plan de formación
Nesta edición impartíronse 9 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial ENAE0108 de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas (410 horas) e do módulo formativo MF0820_2 de instalacións eléctricas en edificios de vivendas (170 horas). Ademais, impartíronse actividades complementarias de informática, prevención de riscos laborais e orientación laboral (189 horas); e traballos de obra (565 horas). En total impártense 1.440 horas de formación e traballo en obra.
Dita formación complementouse con formación homologada de Prevención de Riscos Laborais; manexo de carretillas elevadoras; operador/a de plataformas elevadoras móbiles de persoal; e prevención de riscos laborais en alturas; como complemento á formación no certificado de profesionalidade. Ditas accións formativas teñen o obxecto de inculcar prácticas seguras de cara ao inicio dos traballos nas actuacións aprobadas (cultura preventiva) e mellorar a cualificación e empregabilidade do alumnado.
Novas instalacións fotovoltaicas e de iluminación
Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realizou traballos de interese municipal e aforro enerxético. Neste caso, executaron novas instalacións de paneis solares fotovoltaicos nas escolas infantís municipais de Ames (Escola infantil municipal A Madalena, no Milladoiro; e Escola infantil municipal O Bosque, en Bertamiráns), no pavillón e piscina descuberta de Bertamiráns, e na Escola municipal de música Magariños de Brión.
Tamén se executou a instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos híbridos no concello de Brión (actuacións enmárcase dentro da formación do módulo de instalacións eléctricas en edificios de vivendas) e a renovación do alumeado interior e mellora de eficiencia enerxética en edificios do Concello de Ames como o Centro de formación e emprego de Aldea Nova e na Casa da Cultura do Milladoiro.
Por outra banda, realizaron traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas xa existentes: centro de formación e emprego do Concello de Ames, campo de fútbol e pavillón polideportivo de Bertamiráns, campo de fútbol do Milladoiro, Casa da Cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, escola infantil de Brión, pavillón polideportivo de Brión, espazo colaborativo Transformando do Concello de Brión, depuradora de Ameixenda, depuradora do Milladoiro, centro social polivalente de Brión, ETAP de Lens dos Concellos de Ames-Brión, pérgola da biblioteca de Brión, EDAR de Sisalde, piscina municipal de Bertamiráns e piscina municipal do Milladoiro.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Instalan paneles solares fotovoltaicos en las guarderías de Ames y la escuela de música de Brión"
El Correo Gallego: "Sesenta profesionales mejoran la estética y eficiencia energética de A Maía, Lalín y Trazo con los talleres de empleo"
Diario de Santiago: "O alumnado do obradoiro de emprego Renova VII instalou paneis solares fotovoltaicos nas escolas infantís municipais de Ames e na Escola municipal de música de Brión"




















