Solapas principales

Volven as xornadas “Volta ao cole co comercio” no Milladoiro e en Bertamiráns con actividades, sorteos e premios para amenizar o retorno ás aulas

Miércoles, 27 de agosto de 2025

O parque do Ameneiral acolleu esta mañá a presentación das xornadas “Volta ao cole co comercio”, unha iniciativa organizada polas Concellarías de Promoción Económica e Mocidade, en colaboración coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), que se celebra por cuarto ano consecutivo e ten como obxectivo dinamizar o comercio e a hostalaría local nos días previos ao comezo do curso escolar e a volta á rutina. Realizaranse dúas xornadas, unha no Milladoiro o vindeiro mércores 3 de setembro, e outra en Bertamiráns o venres día 5. Nestas propostas de tardes lúdicas, haberá actividades para os nenos e nenas, sorteos e premios. Ademais, o Concello de Ames organizará un sorteo de 40 vales en total, cun importe de 20 euros cada un para gastar en diferentes librerías e papelerías de Bertamiráns e do Milladoiro. Por outra banda, dende XEA organizarán unha ruleta na que se sortearán libretas, bolígrafos, rotuladores, xogos, bolsas de tea e bolsas de lambetadas. Para participar, é preciso realizar unha compra superior a 10€ nos establecementos adheridos a XEA nos días previos ás xornadas.

A zona verde da travesía do Porto, no Milladoiro, e o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerán durante a primeira semana de setembro, por cuarto ano consecutivo, as xornadas “Volta ao cole co comercio”, que organiza a Concellaría de Promoción Económica e colaboración con XEA e coa participación do departamento de Mocidade. Esta iniciativa traerá dúas tardes de actividades para amenizar os preparativos da volta aos centros de ensino, fomentando á vez o comercio e a hostalaría nos dous principais núcleos de Ames.

Á presentación asistiron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto; o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Ramón Cordido; a xerente de XEA, Beatriz López; e a xerente de Retumban Risas, Sandra Conde. 

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “este xa é o cuarto ano que facemos a Volta ao Cole e, ademais de dinamizar as nosas rúas, buscamos axudar ás familias economicamente co inicio do curso cos sorteos de vales en material escolar. Ademais, cada ano superamos o número de participantes, polo que a iniciativa ten unha boa acollida entre a veciñanza amesá e tamén entre visitantes doutras zonas da contorna”. 

Pola súa banda, a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, subliñou “un ano máis, vémonos obrigados a axudar a todas as familias de Ames coa volta ás aulas xa que supón un gran desembolso económico. Deste xeito, colaboramos con esta iniciativa que supón un pequeno apoio neste inicio de curso e, ademais, traerá unha xornada chea de diversión para os nenos e nenas antes de comezar coa rutina”. 

A xerente de XEA, Beatriz López, explicou que “este ano cambiamos a forma de participar nos sorteos e, con compras superiores a 10 euros nos comercios adheridos a XEA, terán unha tirada na ruleta que contará cun agasallos seguro”. Así mesmo, asegurou que “é unha moi boa iniciativa na que os comercios relacionados coa papelería e librería notaron nas pasadas edicións un aumento considerable no número de vendas”. 

“Volta ao cole co comercio 2025”
Deste xeito, o vindeiro mércores 3 de setembro, e o día 5 en Bertamiráns, desenvolveranse as xornadas de “Volta ao cole co comercio”, que terán lugar entre as 17.00 e as 20.30 horas. Así, ao longo de toda a tarde, haberá diferentes actividades para os máis pequenos, coma varios inchables, que estarán divididos en función do curso escolar; maquillaxes e unha holi party (festa de polvos de cores). 

Ademais desta serie de propostas lúdicas, haberá un sorteo de 40 vales de compra en total,  organizado polo Concello de Ames, cun importe de 20 euros cada un, para gastar en librerías e papelerías de Ames. O sorteo realizarase ao remate das actividades, arredor das 20.30 horas. Nesta iniciativa colaboran tanto comercios de Bertamiráns (librería Mainomen, librería Leria, Eva Hogar, papelería Chavián, papelería Carlín, papelería Recunchos Didácticos, Dipe Regalos e librería Bandini) como do Milladoiro (librería Nenos Nais, material de oficina Mouse, papelería Boo, papelería Anauco, librería Folerpa e xoguetería Piedra Papel Tijera).

Por outra banda, XEA organizará unha ruleta na que se repartirán libretas, bolígrafos, rotuladores, xogos, bolsas de tea e bolsas de lambetadas. Para participar, só é preciso realizar unha compra superior a 10 euros nos comercios adheridos a XEA nos días previos ás xornadas de volta ao cole. Cada compra superior a dito importe levará asociada unha tirada na ruleta, que contará cun premio seguro.  

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Ames celebrará la «Volta ao cole co comercio» con tardes lúdicas, ofertas y premios"

El Correo Gallego: "Ames converte unha festa a volta ás aulas, en alianza con 15 comercias"

Xornal de Compostela: "Ames celebra unha nova edición da ‘Volta ao cole co comercio’ con sorteos e actividades infantís"

AMSGO!: "Volve a campaña “Volta ao cole co comercio” con sorteos e premios para amenizar o retorno ás aulas"

Volven as xornadas “Volta ao cole co comercio” no Milladoiro e en Bertamiráns con actividades, sorteos e premios para amenizar o retorno ás aulas

Multimedia

  • Volven as xornadas “Volta ao cole co comercio” no Milladoiro e en Bertamiráns con actividades, sorteos e premios para amenizar o retorno ás aulas
  • Volven as xornadas “Volta ao cole co comercio” no Milladoiro e en Bertamiráns con actividades, sorteos e premios para amenizar o retorno ás aulas