Pestanas principais

Departamento de Cultura

    • Enderezo: Casa da Cultura do Milladoiro. Travesia do Porto, s/n, O Milladoiro. 15895 Ames.
    • Teléfono:  662 37 74 44
    • Responsable municipal: Concellaría de Cultura
    • Responsable técnico: María José Vázquez Bermúdez, Técnica de Animación Sociocultural.
Outros Datos: 
  • Funciones:
    • Xestionar as actividades e eventos que desde o Departamento de Cultura se poñen en marcha, responsabilizándose do seu adecuado desenvolvemento.
    • Informar e asesorar aos grupos e entidades culturais do concello, así como ao público en xeral, valorar as demandas dos cidadás e incentivar a participación.
    • Xestionar os programas culturais que oferta a Deputación, Rede Cultural, Xunta de Galicia, AGADIC e Cultura no Camiño. Solicitude,desenvolvemento, xustificación.
    • Tramitar as axudas económicas correspondentes á área de cultura, tanto as que se solicitan desde o Concello, coma as que se convocan desde a Concellaría de Educación e Cultura de apoio as entidades culturais e comisións de festas.
    • Coordinar e xestionar as Escolas Culturais Municipais.

Novas do departamento

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa programación do Ames Cultural 2025. Desta volta, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns ás 20.30 horas, acollerá a representación da peza “Un Deus salvaxe” da compañía Talía Teatro, unha comedia satírica da sociedade actual. A ocupación ata o momento é do 72% das butacas dispoñibles. Aínda se poden adquirir entradas na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

A programación cultural de 2024 continúa este venres, 2 de febreiro, ás 20:30 horas, coa representación da comedia “Made in Galiza”. O espectáculo, producido por Sarabela Teatro, está baseado na novela homónima de Séchu Sende. Os convites xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Trátase dunha comedia na que se combinan o humor e momentos cotiás con profundas reflexións sociolingüísticas. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

A programación cultural de 2024 continúa este venres, 26 de xaneiro, ás 20:30 horas, coa representación da obra de teatro “Último verán en Santa Cristina”. O espectáculo, producido por Teatro do Noroeste, está dirixido por Eduardo Alonso. Os convites xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Trátase dunha obra dramática na que se conta a historia dun rapaz de doce anos e do seu último verán na praia en 1960. Moitos anos despois recibe unhas cartas propiedade da súa defunta nai a través das que rememora ese verán. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

O departamento de Cultura do Concello de Ames propón para este venres unha peza de danza dirixida a público adulto. A programación cultural de 2024 continúa o 5 de abril, ás 20:30 horas, co espectáculo de danza “Sofá”. A representación, producida por Marta Alonso, está dirixida a un público adulto e integra elementos do teatro e do circo. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

O Concello de Ames propón para este venres monicreques para público familiar. A programación cultural de 2024 continúa o venres, 1 de marzo, ás 18:00 horas, co espectáculo de monicreques “Solo”. O espectáculo está dirixido e protagonizado por Roi Borrallas. Os convites xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Trátase dun espectáculo no que se retrata o comportamento dun pallaso cando está só, coas súas ideas e tolemias. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

O mércores 23 de novembro, ás 20:00 horas, proxectarase na Casa da Cultura de Bertamiráns o documental “10 de marzo”, que narra o proceso de creación do convenio do estaleiro Bazán de Ferrol no ano 1972, abordando a penetración das comisións obreiras e do partido comunista nas negociacións e a resistencia contra a autoridade dos traballadores no marco da ditadura franquista, feitos que supuxeron un punto de inflexión para a sociedade galega. Os convites xa poden retirarse de balde na billeteira electrónica do Concello de Ames.

A edición deste ano das “Noites en Vela” celebrarase finalmente este sábado, 30 de agosto, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Debido á previsión meteorolóxica, que apunta choiva para o sábado, os Concellos de Ames e Negreira decidiron cambiar a localización dos concertos para que se celebren nun espazo cuberto. Esta iniciativa xa estaba prevista inicialmente para o sábado 19 de xullo, pero houbo que cambiar de data debido á previsión de choiva para ese día. Nas “Noites en Vela 2025” actuarán As Maianas e Caamaño & Ameixeiras. Haberá servizo de autobús gratuíto dende O Milladoiro. A actuación de Caamaño & Ameixeiras está subvencionada pola Xunta de Galicia dentro do programa Cultura no Camiño 2025. A entrada é de balde ata completar aforo.

Este domingo, 30 de abril, celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns o I Concurso de canto e percusión tradicional, organizado pola asociación cultural Os retranqueiros. O certame reunirá a máis de 250 persoas de toda Galicia para gozar de máis de seis horas de música. Ademais, haberá pasarrúas e unha actuación de pandeiretas a cargo dos propios Retranqueiros. Entregaranse trofeos e premios en metálico dende os 100 ata os 1.000 euros.

Este sábado, 15 de xuño, ás 20:30 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns o show de tango “Azúcar, pimienta y sal”. A velada, presentada por Isabel Blanco, contará coa actuación de cantantes, bailaríns e músicos referentes do mundo do tango. A entrada será libre ata completar aforo.

O vestíbulo de exposicións da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a partir de mañá, 15 de marzo, unha selección de acuarelas baixo o título “Do Ameneiral ao Rego dos Pasos”. Trátase da primeira exposición da docente e pintora Eva Garea, composta por diversas acuarelas que recollen diversos enclaves de Bertamiráns, o núcleo urbano no que reside.

Eventos del departamento

Volve o Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Miúdo, un evento que busca que a cativada da casa desfrute dunha selección de curtas chegadas de todo o mundo, ademais dunha serie de actividades paralelas, como o obradoiro creativo de creación dun zootropo, un xoguete óptico moi popular no século XIX.

A axenda de actividades dará comezo o venres 25 de novembro, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, coa inauguración do festival. Posteriormente proxectaranse as primeiras curtas da sección Axóuxeres (nenos e nenas a partir de 2 anos) e da sección Buxainas (a partir de sete anos). Os convites para asistir á inauguración, á clausura e á proxección de curtas xa se poden retirar na billeteira electrónica do Concello de Ames.

Volve o Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Miúdo, un evento que busca que a cativada da casa desfrute dunha selección de curtas chegadas de todo o mundo, ademais dunha serie de actividades paralelas, como o obradoiro creativo de creación dun zootropo, un xoguete óptico moi popular no século XIX. Os convites para asistir á inauguración, á clausura e á proxección de curtas xa se poden retirar na billeteira electrónica do Concello de Ames.

A Concellaría de Cultura prepara a nova proxección do Ciclo Mestre Mateo de maio, a película nominada na categoría de mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, “A poeta analfabeta”.  O filme mostrará ao público a vida de Luz Fandiño, poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria, nunha viaxe polo seu legado. Será o próximo mércores 18 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O Ciclo Mestre Mateo continúa en abril cunha nova proxección, nesta ocasión co filme gañador na categoría de mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, “A virxe roxa”. A película conta a historia da morte de Hildegart Rodríguez, unha nena prodixio da política dos anos 30, criada pola súa nai Aurora Rodríguez como un experimento de muller intelectual, e que a asasinou con 18 anos ao ver que se distanciaba dela. Será o mércores 20 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

A Concellaría de Cultura retoma en setembro as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo coa película “Cuñados”, nominada na categoría de mellor longametraxe nos XX Premios Mestre Mateo. A comedia xira arredor dos esforzos de dous cuñados, Eduardo e Sabonis, para salvar a súa bodega familiar. Será o próximo mércores 14 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

A Concellaría de Cultura retoma unha vez máis as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, desta volta co filme "Jacinto", que foi nominado en once categorías nos XX Premios Mestre Mateo. A película conta a historia de Jacinto, un adulto con mentalidade infantil ao que lle cambia a vida a chegada de dúas novas veciñas á súa aldea. Trátase da última das proxeccións deste circuíto, e será o mércores 30 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:00 horas. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

A Concellaría de Cultura prosegue en outubro co Ciclo Mestre Mateo, coa proxección do filme “Malencolía”, nominado na categoría de mellor longametraxe nos XX Premios Mestre Mateo e premiada nas categorías de interpretación de reparto feminina e masculina. A película conta a historia de Sira e Pepe, unha parella que tras vivir unha década en Berlín decide voltar a Galicia e mercar unha casa nunha aldea a priori deshabitada en Ourense. Será o mércores 19 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O Concello súmase ao Ciclo Mestre Mateo e proxectará as oito películas nominadas nas categorías de mellor longametraxe e mellor documental. Neste senso, o filme candidato a mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, “O gran camiño”, será proxectado este 30 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Estarán presentes na sesión os directores, produtores e guionistas, Alba Prol Cid e Raúl García, que impartirán un coloquio.

A Concellaría de Cultura continúa en xuño as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, co último dos filmes nominados na categoría de mellor documental nos XX Premios Mestre Mateo, “Welcome to ma maison”. Trátase dun filme experimental que xoga co formato documental para romper as barreiras entre actor, persoa e personaxe, mostrando o comezo da viaxe dun apaixonado do cinema aos Ánxeles para buscar ao seu director favorito. Será o próximo mércores, 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

A Escola Municipal de Teatro de Ames prepara as súas mostras de fin de curso, nas que o alumnado representará ante o público varias obras adaptadas. As funcións darán comezo o mércores 14 de xuño, e alongaranse ata o vindeiro mércores, día 21. Participarán os grupos con idades de entre 3 e 6 anos, entre 7 e 11 e os maiores de 12 anos. A dirección da escola corre a cargo da compañía Talía Teatro, con Marta Ríos e Diego Rey como encargados de impartir a formación.