Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este domingo o I Concurso de canto e percusión tradicional

Xoves, 27 de abril de 2023

Este domingo, 30 de abril, celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns o I Concurso de canto e percusión tradicional, organizado pola asociación cultural Os retranqueiros. O certame reunirá a máis de 250 persoas de toda Galicia para gozar de máis de seis horas de música. Ademais, haberá pasarrúas e unha actuación de pandeiretas a cargo dos propios Retranqueiros. Entregaranse trofeos e premios en metálico dende os 100 ata os 1.000 euros.

A asociación cultural Os Retranqueiros, en colaboración co Concello de Ames, organiza o I Concurso de canto e percusión tradicional. No certame participarán arredor de 250 persoas que proveñen de toda Galicia e conforman asociacións de todo tipo: xuvenís, culturais, artísticas, recreativas, folclóricas, de veciños, centros parroquiais, ANPAS...

O concurso dará comezo ás 10:30 horas. Previamente, Os retranqueiros organizarán un pasarrúas polas inmediacións da Casa da Cultura para animar á cidadanía a asistir. O certame constará dunha única modalidade: grupos de pandereteiros/as masculinos, femininos ou mixtos. Interpretarán pezas tradicionais que non poderán exceder os cinco minutos.

A quenda de mañá rematará ás 13:30, e tras, un tempo de descanso, ás 16:30 horas reanudaranse as actuacións, previo pasarrúas dos Retranqueiros. Unha vez presentados todos os grupos, terá lugar outro espectáculo de pandeiretas, gaitas e baile, mentres o xurado delibera. O evento finalizará arredor das 19:30 horas.

Os gañadores do concurso distribuiranse en cinco categorías: mini (de tres a cinco anos); A (de seis a once anos); B (de doce a dezaseis anos); C (de dezasete anos en adiante) e senior (reservada para pandereteiros que comezaron a practicar a disciplina en idade adulta).

Haberá tres galardóns por cada categoría, que inclúen trofeos e premios en metálico, dende os 200 euros para a categoría mini ata os 1.000 euros para a categoría C.

Cartaz do I concurso de canto e percusión tradicional

Multimedia

  • Cartaz do I concurso de canto e percusión tradicional