Actualidade

Ex., 19-08-2026
Ex., 19-08-2026
Venres, 14 de agosto de 2026
Trasmonte dá comezo hoxe a tres días de festa

A parroquia de Trasmonte comeza no día de hoxe a súa fin de semana de festas. Serán tres días de festexos con moita música, inchables e unha busca do tesouro para os máis cativos. Esta será a segunda edición das festas, logo de que se retomasen tras vinte anos de inactividade. A festa dará comezo hoxe, ás 22.00 horas, co Trío Manhattan e a disco móbil Impacto.

Martes, 11 de agosto de 2026
As Maianas arrancan a programación de agosto dos Seráns de Ames 2026

Este xoves, 13 de agosto, ás 21.00 horas, o campo da festa de San Amaro, en Barouta, acolle a terceira entrega do programa dos Seráns de Ames 2026, a primeira do mes de agosto. Nesta xornada, o público poderá gozar das recentemente galardoadas coa medalla do Concello de Ames As Maianas. A última sesión será o vindeiro xoves, 27 de agosto, con contacontos, xogos populares, teatro e música na praia fluvial de Tapia.

Luns, 10 de agosto de 2026
Remata o programa “Ames en Festas 2026” despois de 10 días de festexos no Milladoiro e Bertamiráns

O programa “Ames en Festas”, que encadea as festas da Madalena e da Peregrina formando un cartel conxunto de 10 días de festexos dos dous principais núcleos poboacionais do concello, Bertamiráns e Milladoiro, puxo fin á súa quinta edición este domingo coa celebración da derradeira xornada da Peregrina de Bertamiráns. Tódalas xornadas do programa, que incluíu actividades e concertos para todos os públicos, contaron cunha gran afluencia de asistentes, consolidando así este programa conxunto. Na seguinte ligazón poderás atopar a galería de fotos completa.

Venres, 07 de agosto de 2026
Arredor de 1.000 persoas gozaron da segunda edición do Festival Emerxente

O Festival Emerxente de novos artistas regresou onte a Bertamiráns coa súa segunda edición e unha gran afluencia de público durante todo o evento, chegando a reunir arredor de 1.000 persoas ás 22.00 horas, durante o concerto do artista do Xallas L1gido. Ademais, durante a tarde reuníronse nun mesmo cartel Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss, todos eles artistas emerxentes do panorama urbano galego. Este evento enmárcase dentro do Ames en Festas 2026

Mércores, 05 de agosto de 2026
Hoxe comezan as festas da Peregrina de Bertamiráns, logo de que case 4.000 persoas gozasen durante cinco días dos festexos da Madalena no Milladoiro

Tras a celebración das festas da Madalena no Milladoiro, continúa o “Ames en Festas 2026” co inicio hoxe, mércores 5 de agosto, dos festexos da Peregrina, en Bertamiráns. A orquestra América de Vigo será a encargada de abrir na verbena de hoxe as festas, que se prolongarán ata este domingo, día 9. Contarase cun punto violeta na actuación da París de Noia (no Milladoiro xa se contou con el na actuación da Olympus).  

Martes, 04 de agosto de 2026
O parque do Ameneiral acolle este xoves a segunda edición do Festival Emerxente de Ames

O Festival Emerxente de novos artistas regresa esta semana a Bertamiráns cunha nova edición e un cartel cheo de artistas de nivel. Deste xeito, o xoves 6 de agosto, ás 20.00 horas, o parque do Ameneiral xuntará nunha mesma noite a L1gido, Alddara, Fran Saint Laurent, Metan e Dupliss. O evento está organizado polo departamento de Mocidade do Concello de Ames e forma parte do programa de Ames en Festas 2026.

Venres, 31 de xullo de 2026
Ames en Festas 2026 inspección

Un equipo de técnicos de Enmacosa Consultoría Técnica inspecciona dende onte a montaxe e probas de funcionamento das 12 atraccións de feira instaladas na localidade de Milladoiro para a celebración das Festas da Madalena que comezan hoxe, 31 de xullo de 2026.

Xoves, 30 de xullo de 2026
O Milladoiro acolle este venres a XV edición do Millarock

Este venres, 31 de xullo, a localidade do Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, unha das citas máis esperadas na localidade amesá e que este ano chega á súa décimo quinta edición. O evento, organizado polo departamento de Cultura do Concello de Ames en colaboración coa da Rede Cultural da Deputación da Coruña, ten como obxectivo promover o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. Nesta cita musical actuarán os grupos Tentáculo Rock, Sr Salvaje, Familia Caamagno, Extrema Función e Factoría de Subsistencia. Ademais, por segundo ano consecutivo, o persoal da escola de rock “A Casa do Rock” encargarase dos concertos didácticos e de impartir obradoiros musicais coa proposta “Merenda Rock”. Tamén por segundo ano consecutivo, nesta edición búscase achegar o rock a todos os públicos e ofreceranse servizos para que as persoas con discapacidade tamén poidan gozar do festival.

Venres, 24 de xullo de 2026
José Manuel Dacosta e Isolina Martínez serán os pregoeiros do Ames en Festas 2026

O ‘Ames en Festas 2026’ conta xa os días para poñer comezo ás 10 xornadas de troula e música que se vivirán no Milladoiro, do venres 31 ao martes 4, coas súas festas da Madalena, e en Bertamiráns, do mércores 5 ao domingo 9 de agosto, coas da Peregrina. Este ano volverá a haber dous pregóns un inicial, no Milladoiro, que estará a cargo do presidente do SD Milladoiro, José Manuel Dacosta, e outro de peche en Bertamiráns, ofrecido por Isolina Martínez, a mestra filloeira de Ames.

Xoves, 23 de xullo de 2026
O “Ames en Festas” contará con horario de atraccións sen ruído

A quinta edición do ‘Ames en Festas’ contará cun horario de atraccións sen ruído durante todas as xornadas festivas nos dous principais núcleos de Ames. Deste xeito, apóstase por realizar unhas festas máis inclusivas nas que toda a veciñanza poida gozar dos festexos. O horario das atraccións sen ruído será tódolos días de 19.00 a 21.00 horas, tanto nas festas da Madalena do Milladoiro como nas da Peregrina de Bertamiráns.