Actualidade
[26-09-2017] Esta mañá, o Concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou as instalacións da escola unitaria de Ortoño para coñecer, de primeira man, o acabado das obras realizadas: a colocación dunha mampara exterior fronte a fachada principal e o acondicionamento da zona de xogo e do xardín da escola. Neste curso 2017/2018, a escola unitaria de Ortoño dobrou o número de alumnas e alumnos con respecto ao ano anterior, pasando de 9 a 18 nenas e nenos usuarios.
[25-09-2017] O departamento de Deportes fai pública a listaxe coa relación das prazas libres dispoñibles nas Escolas Deportivas de Ames, para o curso 2017/2018. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a listaxe completa e o impreso de inscrición. A inscrición poderase realizar tanto de xeito presencial como telemático. Presencialmente, poderase facer na Casa da Cultura do Milladoiro e na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 9:00h a 13:00 horas. Telematicamente, os trámites poderanse realizar enviando o formulario de inscrición cuberto a un dos seguintes enderezos de correo electrónico: deportes@concellodeames.gal ou deportes.milladoiro@concellodeames.gal. Posteriormente, deberase solicitar a folla de autoliquidación por correo electrónico ou presencialmente, para efectuar o pagamento das actividades das que se vai participar. Unha vez se pague a devandita autoliquidación non será necesario entregar o resgardo.
[25-09-2017] Venezuela, Colombia, Brasil, Guatemala, República Dominicana, Angola, Senegal, México, Marrocos e Galicia foron as nacionalidades que fixeron parte do Encontro Intercultural, celebrado este sábado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O Encontro incluíu a degustación de pratos tradicionais, un obradoiro de cometas guatemaltecas e as actuacións do grupo de danza tradicional venezolana “Alma Llanera” e da cantante de tangos arxentina Rocío Freijanes. Trátase dunha actividade que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, a través da convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, para programas de integración da poboación inmigrante.
[25-09-2017] O vindeiro xoves, 28 de setembro, o Concello de Ames celebra a Semana Europea do Deporte cunha xornada de portas abertas nas instalacións públicas da Telleira, en Bertamiráns. Ao longo do día, poderanse practicar diferentes deportes como ioga, body combat ou ciclismo indoor.
[25-09-2017] Durante as últimas semanas o goberno municipal de Ames está traballando para tratar de axilizar a sinatura do expediente que dea inicio o proceso de licitación das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Dende o Concello de Ames teñen constancia de que toda a documentación para iniciar este procedemento administrativo está preparada, polo que solicitan que comece co proceso de licitación o máis axiña posible xa que se trata dun importante proxecto para Ames.
[23-09-2017] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organizan este domingo, 24 de setembro, a proba de supercross “Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2017”, que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Nesta proba participarán máis de 50 pilotos de supercross de toda Galicia. Trátase da quinta proba que se celebra este ano dentro da Dagan Cup. A primeira proba tamén se celebrou en Ames no pasado mes de maio. Pola mañá realizaranse as verificacións técnicas e administrativas, así como os adestramentos. Pola tarde, ás 16:00 horas, dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría.
[23-09-2017] Unhas das apostas máis firmes que se está realizando dende o Concello é a mellora da accesibilidade das instalacións municipais e dos espazos públicos. Deste xeito, realizáronse obras para a mellora da accesibilidade en varias instalacións do Milladoiro (oficinas xerais, biblioteca e piscina municipal), así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia e na praza do Concello de Bertamiráns. Na actualidade, estanse executando obras na Casa consistorial. Tamén se pretende mellorar a accesibilidade no Pazo da Peregrina a través do plan complementario do Plan de Acción Social da Deputación e das rúas do Rego, do Milladoiro, e da Maía, de Bertamiráns.
[23-09-2017] Este venres, 22 de setembro, o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, acompañado por varias concelleiras e concelleiros do grupo de goberno e da corporación municipal recibiron, na Casa do Concello, a Nadia Iglesias. Neste acto proxectouse o exercicio do programa longo realizado por Nadia no mundial de China. A patinadora amesá vén de conseguir a medalla de bronce no campionato do mundo júnior de patinaxe artística e proclamouse campioa de Europa a comezos do mes de agosto. Nadia Iglesias estivo acompañada de 22 rapazas e rapazas do Club de patinaxe Sarela, que acudiron a dito acto acompañados de súas nais e pais. Nadia volverá a competir no vindeiro mes de febreiro de cara a preparar os campionatos de España de xullo e de Europa do vindeiro mes de agosto.
[22-09-2017] O departamento de Persoal do Concello de Ames fai público o anuncio emitido polo secretario do Tribunal do proceso selectivo para o nomeamento como funcionario/a interino/a ata á cobertura de vacante dun técnico de Secretaría. En dito anuncio dáse por constituído o Tribunal e convocase aos aspirantes ao primeiro exercicio da fase de oposición o martes 3 de outubro de 2017. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar o devandito anuncio.
[22-09-2017] Co gallo da Semana da Mobilidade, o Concello de Ames e o de Santiago organizaron para este sábado, 23 de setembro, unha pedalada intermunicipal que discorrerá entre a Alameda compostelá e a localidade amesá do Milladoiro. Na iniciativa colaboran o Club BTT Milladoiro e a Asociación Cívica de Compostela.
- ‹ anterior
- 741 de 1384
- seguinte ›