Actualidade
[22-09-2017] Co gallo da Semana da Mobilidade, o Concello de Ames e o de Santiago organizaron para este sábado, 23 de setembro, unha pedalada intermunicipal que discorrerá entre a Alameda compostelá e a localidade amesá do Milladoiro. Na iniciativa colaboran o Club BTT Milladoiro e a Asociación Cívica de Compostela.
[22-09-2017] “Imos de vermú – Xantamos – Postre ou Café” é a nova iniciativa impulsada pola Concellaría de Educación e Cultura, da man da Asociación Cultural “Madalena do Milladoiro”. A proposta tenta dinamizar o sector hostaleiro do Milladoiro, animando á veciñanza a ir tomar o vermú e a xantar fóra, ao mesmo tempo que goza de música ao vivo. Comprende catro actuacións, a segunda delas, este sábado, 23 de setembro, na Taparía Entreportas, ás 13:00h e ás 15:00 horas.
[22-09-2017] O vindeiro sábado, 23 de setembro, o lugar de Oca, na parroquia de Ames, celebra as súas festas na honra da Virxe do Corpiño. O lugar de Lapido, en Ortoño, celébraas tamén este sábado en honor á Virxe das Mercedes. As dúas festividades inclúen misas e actuacións musicais.
[22-09-2017] A Unión de Consumidores de Galicia mantén dous puntos de asesoramento no Concello de Ames desde o pasado mes de novembro, en virtude dun convenio asinado co goberno municipal en setembro de 2016. Tras nove meses de actividade, UCGAL realizou balance dos resultados acadados e das accións informativas levadas a cabo. O maior número de consultas atendidas foron as relativas a servizos bancarios. Esta mañá realizouse unha xuntanza de balance na que participaron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, o avogado Félix Caramés Blanco, e o técnico municipal, Jorge Couñago.
[21-09-2017] O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, informa das listas de persoas admitidas e dos usuarios/as que están en lista de agarda nas Escolas Deportivas Municipais de Ames (curso 2017-2018).
[21-09-2017] O departamento de Persoal do Concello de Ames fai público o decreto de modificación do Tribunal encargado de xulgar o proceso selectivo para o nomeamento como funcionario interino ata á cobertura de vacante dun/dunha técnico/a de Secretaría. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar o devandito decreto.
[21-09-2017] A Asociación Terras de Compostela GDR 19, á que pertence o Concello de Ames, organizou un plan formativo de fomento do emprego e da iniciativa emprendedora no medio rural que está dirixido á poboación activa (ocupados e desempregados). O curso de emprendemento e novos horizontes, que é gratuíto, impartirase en Ames os días 28 de setembro e 2, 3, 4, 5 e 6 de outubro. A duración inicial é de 30 horas, divididas en sesións de cinco horas durante seis días. O horario no que se imparte esta actividade é de 16:30 a 21:30 horas. O número de participantes por sede será de 15 persoas. Aínda quedan prazas dispoñibles para inscribirse neste curso.
[21-09-2017] Cinco son os cursos que o movemento pedagóxico Nova Escola Galega organiza en Ames, ao longo de outubro e novembro. No mes de outubro, impartiranse un obradoiro vocal e corporal e outro de xestión socio-cultural. Pola súa banda, en novembro desenvolveranse os obradoiros de percusión e canto tradicional, de iniciación ao audiovisual e de autoestima feminina e novas masculinidades. Todos os cursos contan coa colaboración do Concello de Ames.
[21-09-2017] O vindeiro sábado, 23 de setembro, Ames volverá acoller un novo Encontro Intercultural, aberto a toda a veciñanza. Será no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 17:00 horas. O Encontro incluirá a degustación dalgúns pratos tradicionais preparados por varias familias migrantes afincadas en Ames, un obradoiro de cometas guatemaltecas e dúas actuacións: a do grupo de danza popular venezolana “Alma Llanera” e a da cantante de tangos Rocío Freijanes.
[20-09-2017] Na noite deste xoves, 21 de setembro, a Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, estará alumeada de morado para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer. A exposición fotográfica “Lembranzas”, que relata o día a día de persoas con Alzheimer, pódese visitar na Casa da Cultura do Milladoiro ata o vindeiro 30 de setembro.
- ‹ anterior
- 742 de 1384
- seguinte ›