Pestanas principais

Gastronomía e cultura de dez nacionalidades no Encontro Intercultural celebrado o sábado

Luns, 25 de setembro de 2017

[25-09-2017] Venezuela, Colombia, Brasil, Guatemala, República Dominicana, Angola, Senegal, México, Marrocos e Galicia foron as nacionalidades que fixeron parte do Encontro Intercultural, celebrado este sábado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O Encontro incluíu a degustación de pratos tradicionais, un obradoiro de cometas guatemaltecas e as actuacións do grupo de danza tradicional venezolana “Alma Llanera” e da cantante de tangos arxentina Rocío Freijanes. Trátase dunha actividade que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, a través da convocatoria de subvencións da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, para programas de integración da poboación inmigrante.


Os Encontros Interculturais, que están organizados pola Concellería de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, procuran a interculturalidade entre a veciñanza de Ames mediante o intercambio de saberes e sabores, favorecendo a creación de lazos e dando a coñecer diferentes culturas a través de algo tan común como é o comer. A iniciativa púxose en marcha no 2008, inicialmente nas aulas de galego e castelán impartidas polo Concello ás persoas migrantes chegadas a Ames. Tempo despois, a actividade pasou a ser aberta a toda a veciñanza adquirindo entidade propia. A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, quixo “agradecer a colaboración de todas as veciñas e veciños que participan destes encontros, xa sexa elaborando as súas receitas, participando dos obradoiros ou simplemente achegándose a degustar e compartir, sen esquecer tamén o traballo realizado polos técnicos municipais”.

Ás 17:00 horas do sábado dábase inicio ao Encontro Intercultural deste ano 2017. A esa hora as mesas xa estaban dispostas, repletas de comida: había conservas de coco, pan de xamón e arepas de Venezuela, ceviche de gambas de Colombia, kibe e brigadeiros de Brasil, garnachas e dobladas de Guatemala, moro de frijoles con costela de República Dominicana, funge de muamba e pudim de Angola, mafé de Senega, auga de froitas de México, pastas e té de Marrocos e empanada e bica de millo de Galicia, entre outros pratos.

A partir das 18:30 desenvolveuse un obradoiro infantil para a elaboración de cometas tradicionais guatemaltecas, popularmente coñecidas como “barriletes”. As persoas asistentes puideron gozar, asemade, da actuación do grupo de danza venezolana “Alma Llanera” e da actuación de Rocío Freijanes, cantante de tangos de nacionalidade arxentina. A programación do Encontro completouse co visionado dun vídeo acerca de Venezuela.

Contido relacionado


Ames Go: "Éxito do Encontro Intercultural"
El Correo Gallego: "Dez nacionalidades déronse a man no Encontro de Ames"