Pestanas principais

O goberno municipal mellora as instalacións da escola unitaria de Ortoño

Martes, 26 de setembro de 2017

[26-09-2017] Esta mañá, o Concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou as instalacións da escola unitaria de Ortoño para coñecer, de primeira man, o acabado das obras realizadas: a colocación dunha mampara exterior fronte a fachada principal e o acondicionamento da zona de xogo e do xardín da escola. Neste curso 2017/2018, a escola unitaria de Ortoño dobrou o número de alumnas e alumnos con respecto ao ano anterior, pasando de 9 a 18 nenas e nenos usuarios.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou esta mañá a escola unitaria de Ortoño, co obxectivo de coñecer o resultado final das obras realizadas nas súas instalacións, que se materializaron na colocación dunha mampara exterior fronte a fachada e no acondicionamento da zona de xogo e do xardín. A instalación da mampara, unha vella reclama das nais e pais das nenas e nenos usuarios, impedirá a acumulación de auga na entrada da escola, o que acostumaba provocar escorregamentos e caídas nos días de choiva.

Durante a visita, Santomil quixo remarcar o compromiso do goberno municipal coas escolas unitarias: “Desde o Concello de Ames apostamos pola continuidade no futuro das escolas unitarias, ao valorarmos moi positivamente o modelo educativo que ofrecen”. A escola de Covas, pola súa banda, tamén experimentou obras de mellora co peche perimetral do recinto e a realización de diferentes tarefas de pintura. O custo dos traballos levados a cabo nas escolas de Ortoño e Covas, ascenden a unha contía total de máis de 3.500 euros.

De 9 a 18 alumnas e alumnos en só un ano 
A escola unitaria de Ortoño viu duplicado o seu número de alumnas e alumnos en apenas un só ano. Se no curso pasado eran 11 as nenas e nenos usuarios (dúas alumnas pasaron para a Educación Primaria); este curso, a escola bota a andar con 18 alumnas e alumnos de Educación Infantil. As 9 novas matrículas corresponden todas a crianzas de 3 anos de idade, polo que a continuidade da escola está garantida, durante todo o ciclo de infantil, nos próximos anos. 

Este aumento do alumnado viuse influído pola elaboración de dúas enquisas por parte do Concello, realizadas co obxectivo de dar a coñecer a existencia das escolas unitarias de Ames. A primeira das enquisas procuraba analizar o nivel de coñecemento, sobre estas escolas, das nais e pais de posibles usuarias e usuarios. A segunda pretendía valorar o grao de satisfacción dos proxenitores das alumnas e alumnos das escolas unitarias. As enquisas revelaron, por un lado, un enorme descoñecemento sobre os colexios de Ortoño e Covas; porén, tamén ofreceron un dato positivo, xa que un 82% das nais e pais, de usuarias e usuarios das escolas unitarias, amosáronse moi satisfeitos co seu funcionamento.



Contido relacionado


Ames Go: "A escola unitaria de Ortoño mellora as súas instalacións"
La Voz de Galicia: "La unitaria de Ortoño duplica matrícula y el Concello remodela las instalaciones"