[23-09-2017] Unhas das apostas máis firmes que se está realizando dende o Concello é a mellora da accesibilidade das instalacións municipais e dos espazos públicos. Deste xeito, realizáronse obras para a mellora da accesibilidade en varias instalacións do Milladoiro (oficinas xerais, biblioteca e piscina municipal), así como nas instalacións da praia fluvial de Tapia e na praza do Concello de Bertamiráns. Na actualidade, estanse executando obras na Casa consistorial. Tamén se pretende mellorar a accesibilidade no Pazo da Peregrina a través do plan complementario do Plan de Acción Social da Deputación e das rúas do Rego, do Milladoiro, e da Maía, de Bertamiráns.
Mellora da accesibilidade na praia fluvial de Tapia
A aposta pola mellora da mobilidade tamén abrangueu os espazos estivais do Concello de Ames, nomeadamente a praia fluvial de Tapia e a piscina municipal do Milladoiro. En Tapia, as melloras materializáronse na habilitación de dúas prazas de aparcamento adaptadas para persoas con mobilidade reducida e na execución dunha rampla que facilita o tránsito entre as prazas de estacionamento, a piscina e a cantina, da cal tamén se adaptou o mostrador. As obras executadas na praia fluvial de Tapia tamén incluíron a habilitación dos aseos e a adquisición dunha cadeira anfibia, que permite a inmersión de persoas con mobilidade reducida tanto na piscina infantil como na praia fluvial.
Por último, tamén se adaptou o mobiliario urbano, coa instalación de catro bancos con repousabrazos e respaldo e coa construción dun merendeiro accesible. Na piscina infantil substituíuse a porta existente por outra cunha anchura de oco libre de 1,00 metros con manilla accesible. As obras na praia fluvial de Tapia comprenderon un custo total de 28.000 euros, dos cales 27.293,62€ foron financiados a través dunha subvención da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade pertencente á Consellaría de Política Social.
Na piscina descuberta do Milladoiro, derrubáronse 180 centímetros dun muro de bloques que separaba a zona de “praia” que se atopa arredor da piscina, da zona de bosque. No seu lugar, construíuse unha rampla con varanda que permite a comunicación entre as dúas zonas. Nestas obras investíronse un 2.500 euros.
Fondos DUSI para a mellora da accesibilidade
Asemade, non fondos DUSI concedidos ao Concello de Ames existe unha contía de 1.900.000 euros para desenvolver un programa de revitalización e valorización urbana dos núcleos. Unha parte desta partida económica contempla actuacións en materia de accesibilidade coa eliminación de barreiras urbanas en prazas, xardíns e beirarrúas tratando de complementar o investimento do goberno xa aprobado en edificios municipais nesta mesma materia.
A contorna da Casa do Concello experimentou, nos últimos meses, obras de mellora de accesibilidade que se materializaron na habilitación dunha zona de aparcadoiro adaptado na rúa Ameneiral e na adaptación, tamén, dos pasos de peóns máis próximos, así como dos accesos de achegamento peonil ao edificio consistorial desde a rúa Alcalde Lourenzo. No interior do edificio, as obras aínda están en fase de execución. O obxectivo das mesmas é a adaptación á normativa vixente tanto do entorno próximo de achegamento aos edificios municipais, como do seu acceso e a súa utilización interior, facilitando o uso dos servizos públicos a todas as persoas sen que exista discriminación.
Na Casa da Cultura de Bertamiráns tamén se realizaron obras, coa finalidade de dar acceso ás persoas con mobilidade reducida pola porta exterior que hai na entrada desde a rúa Poeta da Maía. De igual maneira, a zona exterior da Biblioteca do Milladoiro tamén experimentou mudanzas: habilitouse unha praza de estacionamento adaptada e adaptáronse os pasos peonís próximos e a parada de autobús ao carón da biblioteca. Tamén se construíu unha rampla de aceso e modificáronse os aseos e algún mobiliario no interior. Estas obras tiveron un custo de 21.014 euros.
Pola súa banda, as oficinas dos servizos sociais e atención veciñal do Milladoiro tamén melloraron a súa accesibilidade, coa adaptación do aparcadoiro da zona anexa, dos pasos de peóns próximos e da rampla existente na planta superior das oficinas. No total, foron 112.420 euros de investimento (sufragados polo Plan de Acción Social da Deputación da Coruña) que incluíron tanto as obras na biblioteca e nas oficinas de servizos sociais e atención veciñal do Milladoiro, como as que se realizaron na Casa do Concello en Bertamiráns. Nos vindeiros meses, preténdese mellorar a accesibilidade ao edificio do Pazo da Peregrina, así como aos que están ao seu arredor (a Casa da Froita, a Casa dos Caseiros e a Capela).
O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “este goberno está apostando pola accesibilidade. Nos dous últimos anos investíronse arredor de 300.000 euros en obras de mellora da accesibilidade en distintos espazos públicos e instalacións municipais. O incremento foi do 100% xa que co anterior goberno nesta materia non se fixo ningún tipo de investimento. Ademais, de cara ao dous anos que lle quedan de mandato a este goberno vamos a seguir apostando pola accesibilidade, e incluso se é posible, vamos a incrementar a partida económica para tal fin”.
Ademais, a través do obradoiro de emprego Accede realizáronse obras na praza da Maía, en Bertamiráns, para eliminar as barreiras arquitectónicas que delimitaban este espazo público. Outra aposta clara pola accesibilidade foi a construción do primeiro parque infantil accesible para nenos/as con diversidade funcional que se executou na área deportiva do Milladoiro, ao carón da Casa da Cultura e do pavillón municipal. Por outra banda, tamén se vai a mellorar a accesibilidade na rúa do rego do Milladoiro e na avenida da Maía de Bertamiráns. Esta actuación atinxe ás beirarrúas, semáforos e marquesinas do transporte público, entre outros elementos. Estes traballos tamén están incluídos dentro do PAS complementario.
O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “dende o Concello estase traballando na mellora da accesibilidade a través de fondos propios, pero tamén se van a investir fondos DUSI neste eido. Os investimentos que se plantexan fanse en torno a uns obxectivos temáticos e específicos e conforme aos retos de cohesión social, mellora de mobilidade, dotación de espazos verdes, accesibilidade, fixación de poboación e dinamización local. Deste xeito, executaranse obras para eliminar barreiras urbanas en prazas, xardíns e beirarrúas e facilitar a convivencia de toda a cidadanía”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La accesibilidad llega a la Casa do Concello en Bertamiráns"




