Pestanas principais

Máis de 50 pilotos participarán este domingo no Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2017

Sábado, 23 de setembro de 2017

[23-09-2017] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organizan este domingo, 24 de setembro, a proba de supercross “Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2017”, que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Nesta proba participarán máis de 50 pilotos de supercross de toda Galicia. Trátase da quinta proba que se celebra este ano dentro da Dagan Cup. A primeira proba tamén se celebrou en Ames no pasado mes de maio. Pola mañá realizaranse as verificacións técnicas e administrativas, así como os adestramentos. Pola tarde, ás 16:00 horas, dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría.

A Dagan Cup é a única competición de supercross que se organiza en Galicia actualmente. Trátase dun evento non oficial, interprovincial e non federado, de acordo coa actual normativa galega de deportes, e na que se dan cita os mellores pilotos galegos desta modalidade deportiva xa que actualmente non existe outra proba federada de supercross.

Este domingo, 24 de setembro, a partir das 16:00 horas, Ames acollerá a quinta proba da Dagan Cup 2017. A sexta e última proba celebrarase na Coruña. Esta proba desenvolverase no circuíto SX “Alex de Moure”, ao cal se lle realizaron unhas pequenas modificacións no trazado respecto á edición anterior. Este recinto de máis de 17.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.

Nesta proba participarán máis de 50 pilotos de toda Galicia. Os participantes, que se inscribiron nesta proba de supercross, estarán divididos en oito categorías diferentes: elite, veteranos, promoción, 85 cc, alevín de máis de 6 anos, alevín de máis de 8 anos, féminas e hobby que son os que se inician neste deporte.

Pola mañá, entre as 9:00 e as 11:00 horas, desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, a partir das 11:15 horas, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Este é o momento no que os deportistas toman contacto coa pista na que van ter que competir e mostrar as súas habilidades. Ás 16:00 horas dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ameixenda reunió a 50 deportistas en una nueva prueba gallega de supercross"