Pestanas principais

O Concello de Ames reclama axilidade na licitación do centro de saúde do Milladoiro

Luns, 25 de setembro de 2017

[25-09-2017] Durante as últimas semanas o goberno municipal de Ames está traballando para tratar de axilizar a sinatura do expediente que dea inicio o proceso de licitación das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Dende o Concello de Ames teñen constancia de que toda a documentación para iniciar este procedemento administrativo está preparada, polo que solicitan que comece co proceso de licitación o máis axiña posible xa que se trata dun importante proxecto para Ames.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “urxe asinar o expediente que dea inicio ao proceso de licitación das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Dende o Concello levamos varias semanas chamando ao Sergas e á Consellería de Sanidade co obxectivo de reactivar esta licitación e na procura de que non se atrase máis a construción deste ambulatorio. Sabemos que está todo preparado polo que só queda asinar e darlle o visto bo ao inicio da licitación”.

O último paso que se deu na tramitación do novo centro de saúde do Milladoiro foi a mediados do pasado mes de xuño, cando saíu publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da Presidencia do Servizo Galego de Saúde polo que se lle encomendou á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para acometer a execución das obras de construción do novo ambulatorio. A contratación da dirección facultativa das obras será xestionada directamente polo Sergas.

A partir dese momento quedou pendente de que a Xunta abrise o proceso de licitación para adxudicar as obras de construción de dita infraestrutura. Despois de tres meses o goberno municipal reclámalle á Xunta de Galicia maior axilidade en dito proceso parar tratar de o antes posible o inicio do expediente de licitación para a contratación das obras de construción de dita infraestrutura.

Previamente, a comezos do mes de xuño, o goberno municipal acordou en Xunta de Goberno Local extraordinaria a concesión de licencia de obra á Xunta de Galicia para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Este trámite realizouse despois de que a Administración autonómica aboase as taxas correspondentes. Esta infraestrutura construirase nunha parcela do S-15, que se atopa en fronte á Casa da Cultura e ao pavillón polideportivo do Milladoiro.

Preto de dous millóns de euros de orzamento
O novo centro de saúde do Milladoiro ten un orzamento estimado de execución material de 1.884.919,34 euros e uns 1.600 metros cadrados de superficie construída. Este centro de saúde contará, ademais das instalacións auxiliares, con 23 despachos para os médicos, enfermeiros/as, farmacia, matrona, educación sanitaria, odontólogo, fisioterapeuta co correspondente ximnasio, toma de mostras, consultas polivalente de técnicas de urxencias de probas, consultas de pediatría, e para os traballadores/as sociais.

Esta infraestrutura disporá principalmente de tres módulos. No primeiro estarán situadas as áreas de pediatría e maternidade; na segunda estará a área de medicina xeral, e a terceira estará dedicada a fisioterapia, odontoloxía e salas de oficinas. Asemade, existirán varias zonas verdes que lle darán luz natural aos diferentes módulos, e unha parte baixa na que estarán instaladas as caldeiras da calefacción de eficiencia enerxética, etc. A entrada deste equipamento lindará coa Travesía do Porto e estará construída cun prefabricado de formigón.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Licitan en un mes el nuevo ambulatorio de Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Ames exige plazos para el nuevo centro de salud de Milladoiro y el Sergas asegura que licitará en octubre"
Ames Go: "O tripartito reclama axilidade na licitación do novo centro de saúde do Milladoiro"