Actualidade
[24-10-2017] Unha nova Foliada con Apego terá lugar o vindeiro venres, 3 de novembro, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. A actividade, que está dirixida a familias con crianzas sen límite de idade e a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, pretende construír un espazo de socialización en galego, onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas. Para participar, é preciso inscribirse previamente a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 2 de novembro.
[24-10-2017] Ames Radio fai pública a súa programación de outono. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar a programación completa.
[23-10-2017] O Obradoiro Alí desenvolveuse o pasado sábado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Contou con dous grupos, un de mañá e outro de tarde, que no total sumaron 42 persoas participantes. Dirixido ao persoal das escolas infantís, públicas e privadas, así como ao profesorado de infantil das EEI e dos CEIPS do concello, o obradoiro tivo como obxectivo facer máis visible o material existente en galego para a primeira infancia, contribuíndo, deste xeito, a que as crianzas se apropien do mundo na nosa lingua. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, acudiu ao obradoiro para agradecer a asistencia das persoas participantes.
[23-10-2017] Máis de 1.300 persoas participaron na décimo oitava edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, que tivo lugar este domingo, 22 de outubro. Na proba absoluta participaron unhas 500 persoas, mentres que na proba escolar correron arredor de 800 rapazas e rapaces. Na proba absoluta impuxéronse Nuno Costa e Paula Mayobre cun tempo de 30:28 e 35:53 respectivamente. A carreira pedestre disputouse nun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, que discorreu pola contorna de Bertamiráns. A proba estaba incluída no V Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. A saída e a chegada estiveron instaladas na rúa Alcalde Lorenzo, ao carón da praza do Concello.
[23-10-2017] O pasado venres, 20 de outubro, realizáronse as comisións informativas previas ao pleno ordinario deste mes, que se celebrará o vindeiro xoves. Nelas, abordáronse a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica, o inicio do procedemento de deslinde dun camiño público no lugar da Ponte Nova, en Agrón, e a prórroga, por un ano, do contrato asinado con Urbaser SA para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo do concello. Ademais, tamén se trataron catro propostas presentadas polos grupos da oposición.
[21-10-2017] O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, vén de asinar oito contratos por importe de 49.879 euros para o desenvolvemento das escolas deportivas de 2017-18. A cantidade económica que desembolsa o Concello permitirá levar a cabo as escolas deportivas municipais de baloncesto, fútbol sala masculino e feminino, patinaxe, voleibol e xadrez. A oferta deste curso 2017-2018 inclúe 16 actividades diferentes; 12 encadradas no programa de Fomento do Deporte para menores de 14 anos e 4 no apartado de Ponte en Forma, para persoas maiores desa idade. As clases comezaron este mes de outubro e desenvolveranse ata o 31 de maio de 2018. Hai 2.000 persoas que participan nalgunha destas actividades e 389 en lista de agarda. Un total de 2.401 fixeron os trámites de inscrición nas escolas deportivas.
[21-10-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, abre un novo prazo de matrícula para o programa de psicomotricidade. O prazo permanecerá aberto entre o 23 e o 31 de outubro, ambos incluídos. As familias interesadas poderán obter máis información chamando ao número de teléfono 981 891 476 ou enviando un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal. A actividade, que está dirixida a crianzas entre os 3 e os 5 anos, desenvolverase nos CEIPs da Maía e Agro do Muíño e na EEI do Milladoiro.
[21-10-2017] Ata o mes de xuño, veciñas e veciños de Ames, maiores de 60 anos, poderán gozar das actividades encadradas dentro do programa de envellecemento activo Amessan. O programa, que inclúe diversas actividades como ximnasia terapéutica, manualidades e obradoiros de música tradicional e memoria, desenvólvese nas Casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Piñeiro, Tarroeira e Trasmonte. Este ano, como novidade, impártese a actividade de música tradicional na parroquia de Lens. Para participar, só é preciso acudir á actividade e formalizar, in situ, a inscrición. Para obter máis información sobre estas actividades, as persoas interesadas poden chamar ao número de teléfono 662 377 044 (de 10:00 a 14:00h) ou ao 607 813 452 (de 16:00h a 19:00h).
[20-10-2017] Este domingo, 22 de outubro, celebrarase a XVIII Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames. O número de inscritos/as mantense respecto das últimas edicións superando o milleiro de deportistas. Este ano hai inscritas 1.316 persoas nesta carreira popular. Arredor de 800 nenos e nenas están inscritos na carreira escolar, mentres que na proba absoluta hai inscritas 515 persoas. Contarase cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo. O percorrido irá dende os 200 metros ata os 10 quilómetros e haberá un total de 11 categorías. De xeito paralelo vaise organizar mañá sábado, pola mañá, un obradoiro no que se impartirán nocións de adestramento para atletas de carreiras populares.
[20-10-2017] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, estiveron comprobando como quedaron as obras de pavimentación no interior das aldeas da Mámoa e Barreiro, pertencentes ás parroquias de Tapia e Bugallido respectivamente. Estes traballos foron adxudicados á empresa Excavaciones Ovidio SL por un importe de 36.281,43 euros. A través destas obras, que están incluídas dentro do Plan de Obras e Servizos de 2016 da Deputación provincial da Coruña, realizouse unha mellora dos camiños interiores destes lugares do rural de Ames.
- ‹ anterior
- 729 de 1381
- seguinte ›