Actualidade

Ex., 19-06-2025
Ex., 19-06-2025
Xoves, 19 de outubro de 2017

[19-10-2017] Desde este mércores, 19 de outubro, as nenas e nenos do 3º curso de Primaria do CEIP A Maía saben algo máis acerca das normas de seguridade viaria. Esta mañá, Cristina Ferreira, axente do corpo da Policía Local de Ames, ensinou ás nenas e nenos as normas básicas acerca do comportamento que deben seguir cando se desprazan a pé, en bicicleta ou cando son usuarias e usuarios dos medios públicos de transporte. A charla, que tamén será impartida no CEIP de Barouta e no IES do Milladoiro, ten como obxectivo concienciar ás crianzas sobre a importancia de reducir o uso do automóbil, ao tempo que se potencian medios de transporte alternativos como a bicicleta ou o autobús.

Xoves, 19 de outubro de 2017

[19-10-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, colabora coa Asociación Española contra o Cancro (AECC), na conmemoración do Día Mundial do Cancro de Mamá. Deste xeito, chapas e lazos serán repartidos ao longo do día de hoxe, tanto na Casa do Concello como nas oficinais municipais e de Servizos Sociais do Milladoiro e Bertamiráns. Ademais, o vindeiro xoves, 26 de outubro, o local de JUPEMI acollerá unha charla sobre o cancro de mama, que será impartida por dúas das psicólogas da AECC. Varios comercios do concello tamén están a colaborar coa causa, mediante o impulso de diferentes iniciativas.

Mércores, 18 de outubro de 2017

[18-10-2017] O departamento de Persoal fai público o anuncio coa resolución das alegacións presentadas ao primeiro exercicio da fase de oposición do proceso selectivo para o nomeamento dunha/dun técnica/o de Secretaría. Convócase as e os aspirantes para a realización do segundo exercicio o día 26 de outubro, ás 10:45 horas. Ademais, convócase aos aspirantes ese mesmo día, ás 16.00 horas, para a lectura do exercicio, no Centro de formación de Aldea Nova.

Mércores, 18 de outubro de 2017

[18-10-2017] O pasado luns, 16 de outubro, comezou o tradicional seminario de viticultura, organizado pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). A actividade, que é impartida polo profesor voluntario Emilio de Vicente Nogueira, conta con 25 prazas, das cales 10 aínda están dispoñibles. Para inscribirse neste seminario é preciso acudir á Oficina de Voluntariado de Ames, situada nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, ou chamar ao número de teléfono 662 377 044. O seminario desenvolverase semanalmente, os luns, en horario de 19:30 a 21:30 horas.

Mércores, 18 de outubro de 2017

[18-10-2017] O Concello de Ames organiza a sétima edición do Concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!!. Este ano, como novidade, o concurso está dirixido ao alumnado dos centros de ensino do Concello de Ames que estea matriculado en 1º, 2º, 3º e 4º da ESO. A temática será libre, aínda que se valorará que estea relacionada con temas de actualidade. A participación pode ser en grupos formados por entre 2 e 4 persoas. As inscricións pódense realizar no IES de Ames (Bertamiráns), no IES do Milladoiro ou no colexio Alca ata o 25 de outubro (incluído). A entrega de premios realizarase nun acto público o 20 de decembro no que se darán a coñecer os gañadores/as do certame. Nesta gala repartiranse un total de 600 euros, divididos en tres premios dotados con 200 euros cada un.

Mércores, 18 de outubro de 2017

[18-10-2017] Esta mañá presentouse a nova aplicación de Orzamentos Abertos do Concello de Ames. Por primeira vez á veciñanza amesá terá acceso, de xeito facilmente comprensible e manexable, a toda a información económica do Concello, orzamento municipal, detalle de ingresos e gastos por áreas, pago a provedores, etc. Trátase dunha iniciativa da Concellaría de Economía e Facenda. Esta nova ferramenta informática basease nos principios de transparencia, eficiencia, participación e consulta. A presentación desta iniciativa correu a cargo do alcalde de Ames, José Miñones, da concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, da concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, e de Miguel Arias, membro do equipo técnico da empresa Balidea que foi a encargada de desenvolver esta aplicación.

Martes, 17 de outubro de 2017

[17-10-2017] Ás 21:00 horas deste venres, 20 de outubro, dará comezo a XII Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, coa representación da obra “A Corda”. A peza, que é unha versión libre do filme “A soga” de Alfred Hitchock, estará interpretada polas actrices e actores de “The Puntillas Teatro”. A Mostra incluirá tres obras máis, todas dirixidas a un público adulto. O resto das representacións terán lugar os días 3, 10 e 17 de novembro, sempre ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A entrada será libre e gratuíta. A Mostra de Teatro Afeccionado está organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura.

Martes, 17 de outubro de 2017

[17-10-2017] O Concello de Ames organizou unha novidosa actividade para este mes de outubro. Trátase da primeira Festa do Millo que se vai a desenvolver na contorna do paseo fluvial de Bertamiráns, este sábado, 21 de outubro, de 16:30 a 19:30 horas. Haberá obradoiros de escanado, esfollado, debullado, crebado de millo. Tamén se fará unha muiñada e un obradoiro de peneirado de fariña. Montarase unha exposición de apeiros para o traballo do millo. As persoas que asistan a dita festa poderán acudir caracterizados de labregos/as galegos/as. Por último, haberá, contos do muíño, música tradicional galega e degustación de flocos de millo.

Martes, 17 de outubro de 2017

[17-10-2017] O xoves, 19 de outubro, ás 18:30 horas, o local de JUPEMI no Milladoiro (rúa Figueiras, nº3, baixo) acollerá unha nova charla do ciclo “Falemos de Saúde”, nesta ocasión, sobre alzhéimer e outras demencias. Nela, abordaranse as causas, os síntomas e as diferentes fases desta enfermidade, así como os tipos de demencias máis frecuentes. A responsable desta sesión será Lucía Fandiño , traballadora social da Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzhéimer (AGADEA). Na charla tamén se ofrecerá información sobre os diferentes servizos que presta a asociación.

Martes, 17 de outubro de 2017

[17-10-2017] O Concello de Ames informa que con motivo da celebración da XVIII Carreira Pedestre Popular que se celebrará este domingo, 22 de outubro de 2017, nos arredores da Casa do Concello de Bertamiráns (rúa Alcalde Lorenzo), estará prohibido estacionar na rúa Alcalde Lorenzo o domingo 22 de outubro, dende as 8:00 horas ata as 15:00 horas.