Pestanas principais

O Concello de Ames asina contratos con varios clubs deportivos por valor de 50.000 euros para o desenvolvemento das escolas deportivas

Sábado, 21 de outubro de 2017

[21-10-2017] O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, vén de asinar oito contratos por importe de 49.879 euros para o desenvolvemento das escolas deportivas de 2017-18. A cantidade económica que desembolsa o Concello permitirá levar a cabo as escolas deportivas municipais de baloncesto, fútbol sala masculino e feminino, patinaxe, voleibol e xadrez. A oferta deste curso 2017-2018 inclúe 16 actividades diferentes; 12 encadradas no programa de Fomento do Deporte para menores de 14 anos e 4 no apartado de Ponte en Forma, para persoas maiores desa idade. As clases comezaron este mes de outubro e desenvolveranse ata o 31 de maio de 2018. Hai 2.000 persoas que participan nalgunha destas actividades e 389 en lista de agarda. Un total de 2.401 fixeron os trámites de inscrición nas escolas deportivas.

Actividades ofertadas nas Escolas Deportivas
A oferta deste curso 2017-2018 inclúe 16 actividades diferentes; 12 encadradas no programa de Fomento do Deporte para menores de 14 anos e 4 no apartado de Ponte en Forma, para persoas maiores desa idade. O programa de Fomento do Deporte comprende as seguintes actividades: ballet, baloncesto, fútbol sala feminino e fútbol sala masculino, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica. Pola súa banda, dentro do apartado de Ponte en Forma pódense encontrar as actividades de aerozumba, pilates, spinning, abdominais e glúteos, así como ximnasia de mantemento.

Varias destas disciplinas son impartidas por clubs amesáns. Así, as o xadrez é impartido polo club Millarengo, patinaxe no Milladoiro polo club Omega, fútbol sala feminino polo FC Meigas, baloncesto polo club Básquet de Ames, patinaxe en Bertamiráns e Barouta polo club Sarela, voleibol polo CV Bruxas e fútbol sala masculino polo Bertamiráns FC e polo Milladoiro SD.

As actividades deportivas deste curso desenvolveranse nas instalacións deportivas dos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro, nas salas de usos múltiples das Casas de Cultura, no pavillón do CEIP de Barouta, no do Agro do Muíño, no ximnasio do IES de Milladoiro e no centro do Milladoiro do Squash Club Santiago.

Coa sinatura de ditos contratos o Concello de Ames incrementa por segundo ano consecutivo, a partida destinada á impartición destas escolas deportivas, amosando o seu compromiso pola prestación deste servizo a través dos clubs do concello. O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que se “trata dunha clara mostra polo fomento do deporte entre a rapazada amesá. Despois da boa experiencia do ano pasado repetimos esta fórmula para que sexan os clubs municipais os que impartan varias das actividades das escolas deportivas”. Un total de 618 nenos e nenas veranse beneficiadas destes acordos e ao longo do presente curso estarán inscritos/as nestas actividades prestadas directamente polos clubs.

As entidades deportivas que asinaron estes contratos son o Club Básquet Ames, Patinaxe Sarela e Patinaxe Omega, Bertamiráns FC, Milladoiro SD, Millarengo, FC Meigas e CV Bruxas. Oito entidades que no curso 2017-18, ademais de prestar ensinanzas deportivas, tamén competirán nas diferentes disciplinas. No acordo asinado este ano inclúense cláusulas novas como a obriga dos clubs a achegar o certificado negativo do Rexistro Xeral de delincuentes Sexuais, así como contar cun coordinador da actividade que leve o servizo conxuntamente co Concello.

Ademais, durante este curso o Concello incrementará os grupos de patinaxe no Milladoiro e xadrez, debido ao elevado número de usuarios/as que quedaron en lista de agarda, o que motiva un elevado incremento do número de usuarios/as con respecto ao ano pasado. Para o rexedor municipal “este curso será o do deporte e a cifra récord de inscritos amosa o acerto na decisión de que os clubs desenvolvan as escolas municipais”. Aos 50.000 euros que dende o Concello se destinan ás actividade municipais, engadiranse máis de 100.000 euros do contrato de prestación do servizo para o resto de actividades.