Pestanas principais

Máis de 1.300 atletas participarán este domingo na XVIII Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames

Venres, 20 de outubro de 2017

[20-10-2017] Este domingo, 22 de outubro, celebrarase a XVIII Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames. O número de inscritos/as mantense respecto das últimas edicións superando o milleiro de deportistas. Este ano hai inscritas 1.316 persoas nesta carreira popular. Arredor de 800 nenos e nenas están inscritos na carreira escolar, mentres que na proba absoluta hai inscritas 515 persoas. Contarase cun circuíto de 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo. O percorrido irá dende os 200 metros ata os 10 quilómetros e haberá un total de 11 categorías. De xeito paralelo vaise organizar mañá sábado, pola mañá, un obradoiro no que se impartirán nocións de adestramento para atletas de carreiras populares.


O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan este domingo, 22 de outubro, a décimo oitava edición da carreira pedestre popular Concello de Ames. Esta proba pertence ao V Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña. Nesta iniciativa tamén colaboran outras entidades como a Deputación da Coruña, Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, cafetería Don Budi, Gadis, Serviplus, Los Angeles Gas, GST Telecomunicacións e Banco Sabadell. Para a organización deste evento cóntase coa colaboración dos clubs de atletismo do concello (Millaraio, Sar e Bertamiráns). Ademais, a Policía Local de Ames organizou un operativo especial, para manter a seguridade de corredores e espectadores, no que colaborarán o club ciclista Os Esfola Arrós e maila Agrupación de Protección Civil de Ames.

A saída e chegada de cada proba farase na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns. O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado e contará con indicacións en cada quilómetro e estará homologado na distancia de 10 km pola Real Federación Española de Atletismo. Premendo na seguinte ligazón poderás ver un vídeo do trazado do circuíto da XVIII carreira pedestre https://www.relive.cc/view/1205998865. Este ano agárdase que máis de 1.300 persoas participen nesta carreira popular. Arredor de 800 nenos e nenas, das categorías pitufo/a, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete, están inscritos/as na carreira escolar, mentres que na proba absoluta hai inscritas 515 persoas, pertencentes ás categorías xuvenil, júnior, promesa, sénior e veterano/a.

Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello o día anterior á carreira (sábado, 21 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba. Ademais, a Asociación Española contra o Cancro (AECC) estará este domingo na carreira popular pedestre de Ames cunha mesa informativa. Nesta carreira, xunto cos dorsais tamén serán entregadas as chapas realizadas polo Concello.

Cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento
Debido a celebración deste evento deportivo o domingo 22 de outubro, en horario de 8:00 a 15:00 horas, estará prohibido estacionar na rúa Alcalde Lorenzo. Ademais, haberá cortes de tráfico, de 10:00 a 14:00 horas, nas seguintes rúas, aldeas ou lugares por onde transcorre a citada carreira: rúa Alcalde Lorenzo, A Condomiña, estrada DP-0205 ata a rotonda do Agro do Muíño, quedando afectadas todas as vías de acceso a ese tramo, Agro do Muíño, Sisalde, rúa Entrerríos, rúa Agrelo, rúa Xunqueira, A Condomiña e As Punxeiras. Debido a iso recoméndase evitar as vías mencionadas e acceder pola AG-56 ou AC-300 (Os Ánxeles-Picaraña) cara Padrón.

Horarios e distancias
Os corredores da proba absoluta e da categoría xuvenil tomarán a saída ás 10:30 horas da mañá dende a rúa Alcalde Lorenzo. Ás 12:00 horas está previsto que comecen as probas da categoría pitufo (nados no ano 2013 e posteriores), que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís e cadetes (2.000 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 2002 e 2012.

Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e tamén os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Na proba absoluta recibirán trofeo os/as tres primeiros/as clasificados/as locais empadroados/as no Concello de Ames. Haberá premios en metálico individuais para os cinco primeiros clasificados da proba popular que irán dende os 300 euros ata os 50 euros. Repartíranse 1.450 euros en premios metálicos.

Charla sobre adestramento para corredores/as populares
De xeito paralelo vaise organizar mañá sábado, pola mañá, un obradoiro no que se impartirán nocións de adestramento para atletas de carreiras populares. Nesta actividade hai preto de 20 persoas inscritas. Trátase dunha charla sobre o adestramento para corredores e corredoras de carreiras populares. A través desta actividade tratarase de impartir unha serie de nocións teóricas e prácticas aos atletas afeccionados, para que preparen de xeito correcto as carreiras populares nas que van a participar nos vindeiros meses. A charla será impartida por Diego Rojo Garrido, corredor de longa distancia e licenciado en Educación Física.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Cortes de tráfico a lo largo del recorrido de la carrera pedestre de Ames"